Malia á destrución duns 6.000 postos de traballo na fin do ano, 2024 rematou con 17.400 persoas ocupadas máis e unhas 5.500 menos no paro que doce meses antes, segundo a EPA
En torno a 1,15 millóns de persoas traballando e pouco máis de 109.400 en situación de desemprego. É a foto fixa da fin de 2024 do mercado laboral galego, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do cuarto trimestre do pasado exercicio, feita pública este 28 de xaneiro.
Estas cifras absolutas indican que, malia á destrución duns 6.100 postos de traballo no remate do ano, o balance total do exercicio é positivo en ambos indicadores. En comparación co final de 2023, o noso país ten arredor de 17.400 persoas ocupadas máis e en torno a 5.500 menos á procura de traballo. Traducido a taxas, é posible afirmar que as do 2024 foron as máis positivas dende a gran recesión, aínda que sen chegar a mellorar as acadadas antes do crack económico de 2008.
No momento de realización da EPA do cuarto trimestre o 48,5% da poboación galega maior de 15 anos estaba traballando. Son apenas tres décimas menos que no trimestre previo, o do verán, e medio punto máis que na fin de 2023. Isto supón as porcentaxes de ocupación máis elevadas dende o ano 2008, cando Galicia chegara a superar o 50% e a poboación activa en situación de desemprego caeu por baixo do 7%.
A taxa de paro tampouco está tan baixa como daquela pero si é a máis reducida dende a gran recesión. Rematou 2024 nun 8,7%, medio punto menos que hai un ano.
Máis dun millón a xornada completa
Unha ollada aos datos do mercado laboral galego que vén de rematar permite tamén observar datos significativos como que, por primeira vez en década e media, Galicia rexistrou un trimestre con máis dun millón de persoas traballando a xornada completa. Foi durante o trimestre estival, se ben no final do ano a cifra caeu un chisco, ata arredor de 988.000 persoas, unhas 12.000 máis que un ano antes. Mentres, a poboación ocupada con xornada parcial quedou en algo menos de 165.000 persoas, un incremento anual dunhas dúas mil.
Sanidade e servizos sociais é o sector no que máis medrou o emprego a respecto de 2014, cando Galicia tocou teito no paro e fondo na ocupación. A industria manufactureira e o comercio seguen sendo os que máis postos de traballo xeran
A comparación destes indicadores cos previos á gran recesión resulta ilustrativa e o mesmo sucede cos de hai unha década, cando a taxa de ocupación tocaba fondo e a de paro tocaba teito en Galicia. Na fin de 2014 a poboación ocupada galega salvaba pola mínima o nivel do millón de persoas mentres o desemprego roldaba as 264.000, amplamente máis do duplo que na actualidade.
Dez anos despois, a poboación ocupada está conformada por unhas 153.000 persoas máis. Porcentualmente, a rama de actividade na que máis medrou o emprego é a de sanidade e servizos sociais, á que actualmente se dedican unhas 115.000 persoas, case un 40% máis que en 2014. O sector que máis emprego segue sendo, en todo caso, a industria manufactureira, con case 175.000 persoas ocupadas (un 22% máis que hai dez anos), un nivel moi similar ao do comercio, con 172.000 e un crecemento mínimo na última década, de apenas un 2%.