A media de 1,1 millóns de persoas cotizando á Seguridade social rexistrada no mes de xuño supera as 1,09 acadadas en xullo de 2008, xusto antes do estoupido definitivo da crise que marcou o inicio do século
1.094.898. Esta cifra era, ata agora, un fito sinónimo de bos tempos no mercado laboral galego. Foi a afiliación media á Seguridade Social rexistrada no mes de xullo de 2008, no verán que rematou coa quebra do xigante financeiro estadounidense Lehman Brothers, considerado o inicio definitivo da crise económica internacional e da gran recesión que marcou o remate da primeira década do século e gran parte da segunda.
Aquel teito de cotizantes vén de ser superado. Os datos divulgados pola Seguridade Social este 2 de xullo de 2025 indican que, o pasado xuño, estiveron a cotizar en Galicia unha media de 1.102.651 persoas, o que supón un máximo dende que hai cifras comparables e superar, 17 anos despois, o nivel máis alto previo á gran crise. Esa superación xa se rexistrara noutros puntos do Estado hai tempo, pero non no noso país por, entre outros aspectos, razóns demográficas.
Estes 1,10 millóns de cotizantes supoñen un incremento de 7.844 a respecto da media de maio (+0,72%, superior á media estatal do 0,35%, lastrada por caídas en varias autonomías, sobre todo en Andalucía). En comparación con xuño de 2024, o mercado laboral galego tivo cotizando 17.780 persoas máis, unha suba do 1,64% que é máis moderada que o 2,19% da media estatal.
A cifra de cotizantes do derradeiro día do mes tamén supera o dato medio de 2008
A cifra media de cotizantes en xuño supera aquel máximo de 2008 e tamén o fai a foto fixa do derradeiro día do mes que vén de rematar. Esa xornada había cotizando en Galicia un total de 1.099.106 persoas, o que convida a pensar que os datos de xullo, tradicionalmente positivos no mercado laboral por mor das campañas de verán, poden afondar aínda máis na superación do que foi un histórico limiar hai máis de década e media.
Na presentación destes datos o Ministerio de Seguridade Social subliña que, dende a entrada en vigor da reforma laboral -xuño 2021-, o persoal con contrato indefinido aumentou un 40,8% mentres a cifra de persoal fixo-descontinuo "se mantén estabilizada e representa tan só o 6,1% do total". Ademais, indica o departamento estatal, o peso do traballo temporal "se atopa no 12,5%, fronte ao 31,5% que supuña en 2018".
Outro mínimo de paro rexistrado
Como vén sucedendo nos últimos meses, o aumento da cotización á Seguridade Social volve vir acompañada dunha diminución das cifras de paro rexistrado. Isto é, da poboación inscrita nas oficinas de emprego como demandante dun posto de traballo. Nesta ocasión a caída en Galicia é do -3,93% mensual (superior ao -1,99% da media estatal) e do -9,06% interanual (o dato estatal queda en -6,06%) ata ficar en 107.254 inscricións, outro mínimo da serie iniciada en 1996.
Ao longo do mes de xuño en Galicia foron asinados 72.605 contratos laborais, segundo datos do Ministerio de Traballo, o que implica un aumento interanual do 9,56%. Dentro dese total, os indefinidos foron 20.640 (un 4,03% máis que un ano antes) e os restantes 51.965, temporais, que experimentan un crecemento do 11,92% interanual, aumento practicamente idéntico á media estatal.