Dende o pasado 2 de mao está en vigor o Real Decreto co que o Ministerio de Traballo desenvolve a "carteira común de servizos do Sistema Nacional de Emprego e os servizos garantidos" pola lei estatal de emprego do ano 2023. Entre as súas novidades está a implantación do "acordo de actividade", un documento no que se "establecen os dereitos e obrigas entre a persoa demandante dos servizos públicos de emprego e o correspondente Servizo Público de Emprego".
O Goberno galego inicia a implantación dos "acordos de actividade" previstos na lei estatal e preséntaos politicamente como unha forma de distinguir as persoas anotadas no paro que "realmente queren traballar" e retirar prestacións ao resto
O devandito acordo implica, entre outros aspectos, que o Servizo Público de Emprego se compromete a fornecer "servizos e actividades" para a busca dun posto de traballo dentro dun "itinerario personalizado", tales como formación. E para a persoa demandante de emprego, "a busca activa de emprego", a atención ás formacións ou orientacións que reciba e "no seu caso, a aceptación dunha colocación adecuada". Substitúe ou complementa, en boa medida as vías para acreditar a "busca activa de emprego" que rexían ata agora. O seu incumprimento implica a perda das actividades de orientación ou formación ou, se é o caso, da prestación ou subsidio por desemprego.
A aplicación da nova lei e, dentro dela, a implantación da nova figura do acordo de actividade corresponde ás comunidades autónomas, no caso galego, ao Servizo Público de Emprego dependente da Xunta. O Goberno galego vén de lanzar os seus plans para facelo e faino dándolle a forma política dun incremento da presión sobre as persoas inscritas como demandantes de emprego. Propóñense, afirman o presidente Rueda e o conselleiro de Emprego, José González, de "afinar" as listas do paro para "diferenciar as persoas que realmente queren traballar das que só buscan servizos de formación ou o cobramento da prestación.
O conselleiro admite que o compromiso dos novos acordos de actividade xa estaba "implícito" nas condicións para recibir as prestacións ou subsidios de desemprego e, como ata agora, incumprilas implica a suspensión do dereito
En síntese, como viña sucedendo ata agora coa non renovación da demanda de emprego, as persoas anotadas nas oficinas de emprego que non asinen o novo documento "serán excluídas da lista de demandantes". Se están percibindo unha prestación "perderán o dereito durante os días que tarden en subscribir o acordo", que ata agora, admite o Goberno galego, era un "compromiso implícito".
Tres de cada catro baixas, por colocación sen oferta
A consellería agrega que asinar o acordo de actividade e cumprilo "favorecerá nas listas á hora de recibir ofertas de emprego fronte a aqueles que asinen e logo o incumpran". A promesa chega nun contexto no que as baixas nas inscricións de demandas nas oficinas de emprego se producen, en tres de cada catro casos, porque a persoa interesada atopa un traballo sen axuda directa do Servizo Público de Emprego.
Mentres, as baixas por colocación con oferta dende a oficina de emprego non chegan ao 1%. Así vén sucedendo nos últimos anos e así aconteceu durante o 2023, cando o Goberno galego implantou o Programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, con ferramentas de intelixencia artificial para "facer un seguimento máis personalizado a persoas con dificultades para atopar un traballo e integralas no mercado laboral". Nos primeiros dez meses de 2024, como amosan os gráficos sobre estas liñas, a proporción é practicamente idéntica nun contexto no que a maior parte das demandas de emprego duran activas menos de seis meses.
O fracaso do Servizo Público de Emprego como axencia de colocación non é, en calquera caso, un fenómeno novidoso. Non en van, hai que remontarse década e media para atopar un ano no que máis do 5% das baixas nas listas do paro por colocación fosen froito dunha oferta laboral chegada dende a oficina de emprego. Nos últimos tres exercicios completos a proporción rolda o 1%.
A poboación maior de 50, protagonista nas demandas de máis dun ano
O Goberno galego vén sinalando, asemade, que accións coma o devandito plan "de seguimento intensivo" e a implantación dos "acordos de actividade" teñen entre os seus principais albos a poboación que leva máis tempo anotada no paro sen lograr un posto de traballo. Se ollamos polo miúdo ese sector da poboación en situación de desemprego é posible albiscar un matiz clave: a idade.
Así, no total de poboación desempregada dada de alta como demandante -o coñecido como paro rexistrado, dato que se actualiza cada mes- as persoas maiores de 50 anos representan en Galicia un 49% do total segundo o dato máis recente, o pasado outubro. Pero se nos fixamos unicamente nas demandas de emprego superiores a un ano, a poboación maior de 50 anos representa un 64% do total.