O desemprego segue á baixa en Galicia, cun incremento da ocupación na industria

Traballadoras galegas nunha conserveira CC-BY-SA Xunta

Neste momento hai 112.500 persoas en situación de desemprego, 7.300 menos que no trimestre anterior e 6.200 menos que un ano antes. A taxa de paro sitúase no 8,84%, por debaixo do 9,54% do trimestre previo e do 9,4% de hai doce meses

O paro baixou en Galicia no terceiro trimestre do ano. Segundo as cifras da Enquisa de Poboación Activa, publicadas este venres, neste momento hai 112.500 persoas en situación de desemprego, 7.300 menos que no trimestre anterior e 6.200 menos que un ano antes. É a cifra máis baixa dende o verán de 2008, no inicio da crise da Gran Recesión. A taxa de paro sitúase no 8,84%, por debaixo do 9,54% do trimestre previo e do 9,4% de hai doce meses

De igual xeito, o terceiro trimestre do ano deixa un novo incremento do número de ocupados e ocupadas, é dicir, do número de persoas con emprego en Galicia. A cifra total sitúase nas 1.159.400, 23.800 máis que no segundo trimestre e 16.000 máis que un ano antes, o que supón a cifra máis elevada dende comezos de 2009.

No conxunto de España os datos son igualmente positivos, cunha redución da taxa de paro ata o 11,21% e 138.300 persoas máis con emprego ata chegar aos 21,82 millones de ocupados e ocupadas.

1,16 millóns de persoas traballan en Galicia, 23.800 máis que no segundo trimestre e 16.000 máis que un ano antes, o que supón a cifra máis elevada dende comezos de 2009

O paro adoita descender no terceiro trimestre do ano, que inclúe os meses de verán (pero tamén o remate da tempada estival), e así o fixo de forma consecutiva entre 2012 e 2018. Porén, dende o 2019 o comportamento do emprego fora mixto, con anos de redución do paro e anos de aumento do número de persoas desempregadas, como sucedera por exemplo no 2023, cun lixeiro incremento. O dato deste ano é o mellor dende o 2021, en pleno rebote dende a crise xerada pola pandemia de COVID.

Hai máis xente traballando e tamén máis buscando emprego, especialmente polo incremento da poboación moza e a de orixe estranxeiro que pasa a formar parte da poboación activa

A taxa de paro no conxunto da poboación de Galicia (8,84%) é, en cambio, do 23,74% entre os menores de 25 anos. Porén, esta taxa de desemprego xuvenil, que chegou a superar o 50% no ano 2013, é a máis reducida dende xuño de 2008.

A taxa de emprego (a porcentaxe de persoas en idade de traballar -de máis de 16 anos- que teñen un emprego remunerado) ascende ata o 48,85%, a máis elevada dende finais de 2008. Neste indicador chama a atención o incremento dos mozos e mozas entre 20 e 24 anos que están a traballar, un 40,26%, oito puntos máis que hai dous anos.

Cae a taxa de emprego xuvenil e xa traballan 4 de cada 10 mozos e mozas de 20 a 24 anos, oito puntos máis que hai un ano

Hai máis xente traballando e tamén máis buscando emprego. Hai máis poboación activa que hai un ano (pasa de 1,26 millóns de persoas a 1,27 millóns) e explícase, sobre todo, pola suba da poboación de 20 a 24 anos que se decide a buscar un emprego (pasa de 59 mil a 53 mil nun ano) e tamén polo aumento da poboación de orixe estranxeira no mercado laboral galego (pasa de 89 mil a 97 mil nos últimos doce meses).

190.900 galegos e galegas traballan no sector industrial, 12 mil máis que no segundo trimestre e 22 mil máis que hai doce meses. É a cifra máis elevada dende xuño de 2009

O incremento da ocupación non se produciu en todos os sectores. De feito, o sector servizos, que dá emprego a sete de cada dez traballadores en Galicia, diminuíu o seu número de persoas ocupadas en relación ao mesmo trimestre do pasado ano (de 819 mil a 811 mil). Tamén caeu lixeiramente o número de persoas ocupadas no sector primario (de 77 mil a 75 mil). En cambio, aumentou o númento de persoas que traballan na construción (de 79 mil a 83 mil) e, sobre todo, subiu o número de persoas que traballan na industria.

Neste momento 190.900 galegos e galegas traballan no sector industrial, doce mil máis que no segundo trimestre e 22 mil máis que hai doce meses. É a cifra máis elevada dende xuño de 2009.

A porcentaxe de contratos temporais continúa a descender. Dende a aprobación da reforma laboral o seu peso caeu do 26% ao 17%

O groso das persoas ocupadas en Galicia, algo máis de 1.015.000 segundo a última EPA, desenvolven a súa ocupación laboral a xornada completa. Son un 87% do total, case un punto e medio máis que hai un ano.

De igual xeito, continúa a tendencia á baixa da temporalidade a consecuencia da aplicación da última reforma laboral. Entre as persoas asalariadas en Galicia, 784.200 mil contan cun contrato indefinido (o 82,7%), fronte a 164.600 que teñen un contrato temporal (o 17,3%). En relación ao mesmo período do ano 2023, o número de persoas cun contrato indefinido medra en 15.000, mentres que as que teñen un temporal se mantén. Hai un ano a porcentaxe de persoas cun contrato temporal era do 17,9% e hai tres anos, antes da reforma laboral, era do 26%.

Reaccións

En opinión da CIG, os datos da EPA "amosan as cifras habituais dos períodos estivais": aumento da poboación activa (+1,3%); da poboación ocupada (2,1%) e descenso da parada (-6,1%). Porén, para o sindicato "confirman o avance da precariedade, sobre todo entre as mulleres".

Mentres, para CCOO a EPA reflite uns datos de emprego e paro positivos para Galicia, "como adoita acontecer neste período do ano", pero o balance do mercado laboral nestes tres meses "ten luces e sombras". Para o sindicato, as cifras "constatan que a converxencia de Galicia con España é demasiado lenta"; por esta razón, aposta por "usar ben" os orzamentos autonómicos coa ollada posta en "acelerala".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.