As taxas de emprego e paro en Galicia son as mellores dende a gran recesión. Pero, ao contrario que a media estatal, ningunha delas é aínda máis positiva que antes daquel crack global.
As taxas de emprego e paro en Galicia son as mellores dende a gran recesión. Pero ningunha delas é máis positiva que antes daquel crack global. A Enquisa de Poboación Activa (EPA) do segundo trimestre de 2024, feita pública o pasado 26 de xullo, reflicte un mercado laboral galego con máis luces ca sombras pero que, ao contrario que a media estatal, aínda non superou os niveis anteriores á crise de hai década e media. Entre outras razóns, polo devalo poboacional que non dá compensado a chegada de poboación inmigrante.
O primeiro balance a partir das grandes cifras amosa algún dato significativo. Por exemplo: as 119.800 persoas en situación de desemprego que reflicte a enquisa no noso país son 2.600 máis que no mesmo trimestre do ano anterior, pero as que están traballando tamén aumentan en termos interanual e fano en maior medida ao seren 3.900 máis.
Isto quere dicir, daquela, que hai máis xente traballando e tamén máis buscando emprego. Hai máis poboación activa que hai un ano (pasa de 1,25 millóns de persoas a 1,26 millóns) e explícase, sobre todo, pola suba da poboación de orixe estranxeira no mercado laboral galego, onde en calquera caso seguen sendo un continxente reducido: dunhas 83.200 persoas hai un ano a arredor de 95.000 na actualidade. A suba de persoal procedente doutros países si é máis significativa en comparación co primeiro ano completo afectado pola COVID, o 2020, cando eran menos de 70.000.
Hai máis xente traballando e tamén máis buscando emprego. Explícase, sobre todo, polo incremento de poboación de orixe estranxeira no mercado laboral galego, onde así e todo segue sendo escasa con apenas 95.000 persoas
A evolución trimestral si é positiva en ambos indicadores. As 1,14 millóns de persoas ocupadas son 7.900 máis que tres meses antes e o devandito total de persoas que declaran estar en situación de desemprego son unhas 11.800 menos que o pasado marzo.
Traducido a taxas, estas cifras indican que case a metade da poboación de 16 ou máis anos en Galicia está traballando. É un 48% practicamente idéntico ao do verán pasado e próximo ao 50% acadado nos veráns previos á gran recesión, pero aínda sen chegar a igualar ou superar eses niveis. Mentres, a porcentaxe desa mesma poboación que estaba en situación de desemprego, dispoñible para traballar e buscando traballo caeu ata o 9,5%, porcentaxe tamén moi semellante á da mesma etapa de 2023 pero non tan baixa como o 6,6% logrado en 2007.
As xornadas e os sectores
E, cal é o retrato robot desa poboación ocupada en canto a tipos de xornada e sectores nos que traballa? O groso das persoas ocupadas en Galicia, algo máis de 981.000 segundo a última EPA, desenvolven a súa ocupación laboral a xornada completa. Son un 86% do total.
O 86% da poboación ocupada traballa a xornada completa, un nivel moi estable dende hai anos nun contexto no que o sector servizos segue sendo clave
Mentres, a poboación ocupada que traballa a xornada parcial queda nun 14%. É un nivel moi semellante ao dos últimos anos e sen cambios significativos dende a aprobación da última reforma laboral, que entrou en vigor en 2022. Para atopar cifras de parcialidade inferiores ao 12% do total da poboación ocupada cómpre remontarse máis dunha década, segundo a serie histórica dispoñible no IGE.
Por sectores, os servizos seguen sendo clave no emprego en Galicia encabezados polo comercio e actividades ligadas a el, cunhas 173.000 persoas ocupadas. Outros servizos como as finanzas, as inmobiliarias e outras actividades profesionais empregan unhas 166.000 persoas e tamén están por riba das cen mil a industria manufactureira e a sanidade e os servizos sociais.
O sector que máis medra en emprego a respecto de hai unha década é o de sanidade e servizos sociais
En comparación con hai unha década, cando a taxa de ocupación tocaba fondo e a de paro tocaba teito, o sector que máis medrou e emprego fo o de sanidade e servizos sociais, cun incremento de case o 25% en poboación ocupada a respecto de anos de fortes recortes en servizos públicos. Tamén están en crecementos superiores ao 20% o transporte e almacenamento, as industrias extractivas e a devandita área de actividade de información, finanzas, inmobiliarias e outros profesionais. Unha única rama de actividade decreceu, a de administración pública e defensa (-11,01%).
No referido ás cifras absolutas de poboación en situación de desemprego, as algo menos de 120.000 que rexistra a EPA do segundo trimestre están por riba das do verán pasado por un efecto tamén ligado ao mencionado incremento da poboación activa. Como no caso do total de poboación ocupada, tampouco no referido á poboación parada en termos EPA Galicia logrou aínda superar os niveis previos á gran recesión, que o noso país enfrontara con apenas 110.000 persoas en desemprego. En 2014 chegaran a ser case 300.000.