Os case 32.600 euros que cada fogar galego gastou de media durante 2023 supón un máximo na serie histórica tras un exercicio no que os orzamentos familiares para alimentación tiveron que aumentar case un 6%
Os fogares galegos gastaron, de media, case 32.600 euros durante o pasado 2023. Como tal valor medio, este importe ofrecido pola Enquisa de Orzamentos Familiares que vén de actualizar o INE deixa fóra moitas casuísticas particulares, pero é un bo reflexo de como, malia acougar un chisco, a crise de prezos segue golpeando.
Atendendo a eses datos, inscritos nunha serie histórica que comeza en 2006, o gasto medio dos fogares galegos foi maior ca nunca. Continúa así unha escalada que ten o seu inicio no ano seguinte ao estoupido da pandemia da COVID-19, cando a reactivación tras as restricións e os problemas de subministros a nivel global, entre outros factores, dispararon unha inflación que, aínda que con menor intensidade, está lonxe de ser controlada.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, unha das partidas de gasto que máis pesa nos fogares e que continúa aumentando por mor da inflación é a alimentación. O importe medio que os fogares de Galicia tiveron que destinar durante 2023 a alimentos e bebidas non alcólicas chegou aos 5.610 euros, o que supón superar os 5.000 euros por terceiro ano consecutivo, un nivel que non se acadaba dende o inicio da crise financiera internacional no período 2008-09.
O gasto en hostalería e hoteis disparouse na contorna do 20% interanual mentres retroceden un 17% os fondos dos fogares dedicados a electricidade ou combustibles
Baixando ao detalle, non obstante, non todos os gastos aumentaron na mesma medida durante o pasado ano e algúns capítulos mesmo decreceron. A relativa normalización nos mercados enerxéticos e as medidas estatais para compensar os prezos provocaron que os fogares galegos gastasen en 2023 ata un 7% menos que no ano anterior e que o capítulo de vivenda e combustibles retrocedese un 1% polo freo á escalada de prezos en eidos como os carburantes ou a luz.
No capítulo contrario están significativos avances en gastos como case un 20% en lecer e cultura e un nivel practicamente idéntico en restaurantes e hoteis. Neste contexto, o incremento do gasto en alimentación queda nun nivel medio pero significativo, cun avance de case un 6% interanual a respecto de 2022.
Baixando aínda máis ao detalle, a Enquisa de Orzamentos Familiares ofrece máis pistas das partidas de gasto que máis premen no peto. Así, por exemplo, o gasto en alugueiros de vivenda aumenta ata un 33%, o cal ofrece unha orientación de que a poboación que vive nun piso arrendado segue afrontando incrementos nos seus contratos.
Tamén resulta significativa, dentro dos datos desagregados, a alza nos gastos no sector hostaleiro e hoteleiro. Os fondos que, de media, os fogares galegos destinaron a aloxamentos durante 2023 disparáronse case un 22% e o diñeiro para restaurantes, case un 20%. Na banda contraria están os cartos que levan a electricidade, o gas e os combustibles, con case un 20% menos que en 2022.