O Ingreso Mínimo Vital chega a 72.495 persoas en Galicia, sete veces máis que a máxima cobertura atinxida pola Risga

Impreso de solicitude do Ingreso Mínimo Vital CC-BY-SA Praza.gal

Hai catro anos, en maio de 2020, aprobouse o Ingreso Mínimo Vital (IMV), unha nova prestación froito do pacto de Goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos cuxa aplicación se acelerou pola pandemia de COVID e a necesidade de dar apoio ás persoas con menos recursos. O IMV buscaba chegar onde as anteriores rendas mínimas (como a RISGA) non chegaban e, ademais, coa vantaxe de ser compatible con outras prestacións e coas rendas xeradas por traballos esporádicos.

O IMV chega a 27.087 familias en Galicia, aínda por debaixo do obxectivo inicial, dunhas 40.000 familias en situación de pobreza

O obxectivo declarado inicialmente polo Executivo era que chegase a 850.000 fogares (unhas 2,3 millóns de persoas) en todo o Estado que se atopaban en situación de "pobreza severa", e unhas 40.000 familias en Galicia nesa situación, máis de cen mil persoas. Porén, dende o comezo a posta en marcha da nova prestación presentou importantes eivas de funcionamento na súa tramitación, un proceso complexo, que introducía constantes problemas de comprensión e de requirimentos de documentación para as persoas demandantes, cun gran número de solicitudes denegadas.

O IMV atinxe nestes momento unicamente ao 10,9% do total de persoas que se atopan en situación de pobreza en Galicia, unha cobertura é inferior á media española e que só supera os indicadores de Castela-A Mancha, Catalunya, Canarias e Baleares

Catro anos despois, algúns dos problemas foron resoltos e outros mantéñense, aínda que o número de persoas beneficiarias foi medrando. De vagar, pero de forma constante. Esta semana a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais fixo públicos datos actualizados do alcance do Ingreso Mínimo Vital, do que son beneficiarias 72.495 persoas en Galicia. 

O Ingreso Mínimo Vital engloba tanto a renda básica de subsistencia, para familias con ingresos por debaixo da chamada renda garantida, coma o complemento de axuda para a infancia que permite completar as rendas inferiores a tres veces a renda garantida.

As 72.495 beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital en Galicia son, en todo caso, moitas máis das que perciben a Risga da Xunta, que neste momento reciben unhas 5.600

En Galicia 43.126 persoas perciben a renda básica de subsistencia por ter ingresos inferiores á renda garantida, ás que hai que sumar outras 29.369 persoas beneficiarias por riba da renda garantida. En total, o IMV chega a 27.087 familias en Galicia, aínda por debaixo do obxectivo inicial. No conxunto do Estado chega a 589.948 familias, tamén aínda lonxe das 850.000 previstas inicialmente.

O 19,4% da poboación galega atópase por debaixo do limiar da pobreza, algo máis de medio millón de persoas. Porén, o Ingreso Mínimo Vital (excluíndo as persoas que reciben o complemento de axuda para a infancia) atinxe nestes momento unicamente ao 10,9% do total de persoas que se atopan en situación de pobreza. O dato galego é inferior á media española de cobertura do IMV (12,9% da poboación pobre) e só supera os indicadores de Castela-A Mancha, Catalunya, Canarias e Baleares. Está, ademais, moi lonxe do nivel de cobertura que acada o País Vasco (24,5% da poboación pobre), Navarra, Asturias ou A Rioxa (todas por riba do 15%).

As cifras de persoas beneficiarias do IMV en Galicia non só multiplican por 12 as actuais beneficiarias da Risga, senón que multiplican por case 7 o número máximo de persoas perceptoras da prestación da Xunta (10.761 en 2016)

As 72.495 beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital en Galicia son, en todo caso, moitas máis das que perciben a Risga (Renda de Integración Social de Galicia), que ofrece a Xunta, unha prestación que neste momento reciben unhas 5.600. A cifra de perceptores da Risga vén descendendo dende a posta en marcha do IMV (en 2020 había máis de 9 mil perceptoras). Hai que ter en conta que a incompatibilidade entre a Risga e o IMV, debido á lei galega de inclusión, agravou as eivas na posta en marcha da prestación estatal.

De feito, as cifras de persoas beneficiarias do IMV en Galicia non só multiplican por 12 as actuais beneficiarias da Risga, senón que multiplican por case 7 o número máximo de persoas perceptoras da prestación da Xunta (10.761 en 2016).

A pesar de que o IMV foi concibido para ser "compatible" coas rendas de inclusión que as comunidades autónomas xa tiñan en marcha, a Lei de inclusión social de 2013 establecía que a Risga era incompatible con outras prestacións similares

A pesar de que o IMV foi concibido para ser "compatible" coas rendas de inclusión que as comunidades autónomas xa tiñan en marcha, a Lei de inclusión social de 2013 establecía que a Risga era incompatible con outras prestacións similares e o Goberno galego non foi quen de adaptala, a pesar das demandas e críticas de entidades sociais e das forzas da oposición.

A consecuencia da inacción do Goberno galego foi que un gran número de persoas beneficiarias da Risga recibiron cartas da Xunta nas que lles reclamaban a devolución de mensualidades cobradas mentres agardaban pola resolución positiva ou negativa do IMV), unha prestación que acumulou moitos atrasos pero que finalmente recibiron a través dun ingreso retroactivo.

As traballadoras sociais municipais de Vigo recollen firmas de apoio para reclamar máis persoal. CC-BY-SA CUT

"O labirinto burocrático deseñado para acceder ao IMV fixo, na maior crise social da historia, que miles de persoas en situación de vulnerabilidade, pasen meses da súa vida sufrindo momentos de gran precariedade", denuncia a entidade

A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais reclama ao Ministerio de Inclusión e Seguridade Social "un impulso aínda maior para incorporar o IMV na xestión aos servizos sociais de atención primaria" pois os servizos sociais comunitarios "son unha rede capilar que chega a toda a cidadanía independentemente do municipio no que reside e da súa situación persoal e social". A entidade conclúe que "o labirinto burocrático deseñado para acceder ao IMV fixo, na maior crise social da historia, que miles de persoas en situación de vulnerabilidade, pasen meses da súa vida sufrindo momentos de gran precariedade".

Nos vindeiros días en Praza.gal seguiremos analizando a aplicación do Ingreso Mínimo Vital no cuarto aniversario da súa aprobación e as eivas burocráticas que seguen a atopar para a súa percepción moitas persoas que reúnen os requisitos e a situación de necesidade para seren beneficiarias da prestación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.