O Goberno de España adiantou a xuño de 2020 a implantación dunha das promesas do pacto da coalición do PSOE e Unidas Podemos, o Ingreso Mínimo Vital (IMV). A nova prestación, dependente da Seguridade Social, naceu entre fortes expectativas, pero tamén acompañada de fortes demoras e eivas burocráticas -algunhas, xa emendadas-, así como de denegacións en ocasións inxustificadas, segundo acreditaron posteriormente algúns xulgados.
A incompatibilidade entre a Risga e o IMV, debido á lei galega de inclusión, agravou as eivas na posta en marcha da prestación estatal
No caso galego, aos problemas na implantación do IMV engadiuse a súa incompatibilidade coa Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), aínda que o Goberno central concibise a nova prestación como explicitamente compatible coas preexistentes nas comunidades autónomas. A razón é un artigo da lei de inclusión social de Galicia aínda pendente de reforma -a Xunta non iniciou os trámites ata setembro de 2021 e aínda non concluíron-. Pero mentres, a Risga xa perdeu un 35% de persoas perceptoras dende a entrada en vigor do IMV, segundo datos da Consellería de Política Social.
A Xunta sinala que "xa se mantivo a primeira reunión" co Ministerio para a transferencia da xestión do IMV
Como vén informando Praza.gal, a incompatibilidade entre Risga e IMV derivou en que a Administración galega reclamase a devolución de miles de euros a persoas de escasos recursos económicos que seguiron cobrando a Risga tras teren formalmente concedido o IMV. Recentemente, un xulgado ditaminou que cando menos nun destes casos, a reclamación da Xunta foi ilegal. Con este pano de fondo, o Goberno galego vén afirmando que boa parte das disfuncións se solucionarían se as competencias sobre a xestión do IMV fosen transferidas á Xunta. Polo momento, só as comunidades con réxime foral -Euskadi e Navarra- teñen a xestión desta competencia.
O ministro de Inclusión e Seguridade Social, José Luis Escrivá, abriuse o pasado xaneiro a realizar esta transferencia que, de concretarse, sería a primeira que recibe o Goberno galego en 14 anos. Nunha resposta parlamentaria escrita ao Grupo Parlamentario do BNG, datada no pasado 21 de abril, Política Social especifica que "xa se mantivo unha primeira reunión con técnicos do Ministerio" para aplicar un "modelo de coxestión" semellante ao das Pensións non Contributivas (PNC).
Nesa mesma resposta, o departamento que dirixe Fabiola García volve culpar implicitamente o Goberno central da incompatibilidade -que se debe, en última instancia, á lei galega aínda non modificada- e critica tamén que o IMV non tivese "o impacto agardado", circunstancia que atribúe ás "inseguridades e incertezas xeradas sobre o seu funcionamento". "Por este motivo -agrega- a Risga ten na actualidade o 65% das persoas usuarias que tiña en xuño do ano 2020, cando se puxo en marcha o IMV".
Segundo a resposta de Política Social ao BNG, na actualidade estarían a percibir a Renda de Inclusión Social unhas 7.000 persoas
Segundo o balance anual da propia Consellería, a finais de xuño de 2020 percibían a Risga un total de 10.807 persoas, (6.803 mulleres e 4.004 homes). Daquela, na actualidade -a resposta está datada neste abril de 2022- serían algo mais de 7.000, mentres que algo máis de 3.500 destas persoas pasaron a percibir o IMV, sempre atendendo ás estimacións trasladadas por Política Social.
Como amosa o gráfico que acompaña estas liñas, aquel ano 2020 finalizou cunha media de pouco máis de 9.000 persoas percibindo a Risga, unhas 800 menos que en 2019. O máximo naquel ano rexistrouse precisamente no mes de xuño, xusto despois do confinamento máis estrito pola COVID e cando entrou en vigor o IMV. Nos últimos anos vén sendo frecuente que a Xunta -incluíndo o ata agora presidente, Alberto Núñez Feijóo- se gabe do incremento de persoas beneficiarias da Risga, cando adoita ser sinónimo dun incremento da poboación en situación de pobreza.