Nos últimos meses un gran número de persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) recibiron cartas da Xunta de Galicia na que lles reclamaban a devolución de mensualidades cobradas mentres agardaban pola resolución positiva ou negativa do Ingreso Mínimo Vital (IMV), unha prestación que acumulou moitos atrasos pero que finalmente recibiron a través dun ingreso retroactivo.
O Colexio solicita á Xunta "que adopte un criterio homoxéneo para procurar unha maior protección das persoas afectadas que se atopan nunha situación clara de vulnerabilidade"
As reclamacións superaron nalgúns casos os catro mil euros, indicando o Goberno galego que se as persoas afectadas (familias con poucos recursos e en situación de vulnerabilidade) non reintegraban nun prazo máximo de 30 meses os cartos cobrados "indebidamente" podían ter que aboar igualmente xuros de demora.
Estes supostos cobros indebidos débense a que, a pesar de que o IMV foi concibido para ser "compatible" coas rendas de inclusión que as comunidades autónomas xa tiñan en marcha, como a Risga, no caso galego a Xunta segue sen adaptar a Lei de inclusión social de 2013 que estableceu que a Risga é incompatible con outras prestacións similares.
Recentemente varias sentenzas xudiciais anularon as reclamacións que Política Social fixo a persoas nesta situación para que devolvesen os cartos cobrados da Risga
Ademais, recentemente varias sentenzas xudiciais anularon as reclamacións que Política Social fixo a persoas nesta situación para que devolvesen os cartos cobrados da Risga, indicando estes ditames que a devolución do xa cobrado só pode solicitarse se houbo fraude ou ocultación, pero que se o cidadán avisa de que obtivo outro ingreso, como foi o caso, Política Social só pode compensar a diferenza en futuras prestacións.
Á vista das sentenzas que se veñen coñecendo e da "alarma social xerada polas reclamacións", o Colexio Oficial de Traballo Social (COTSG) vén de solicitar á Xunta "que adopte un criterio homoxéneo para procurar unha maior protección das persoas afectadas que se atopan nunha situación clara de vulnerabilidade".
O Colexio destaca que as reclamacións están provocando "situacións de angustia e inquedanza" en moitas persoas usuarias de servizos sociais antigas perceptoras de RISGA
O COTSG lembra que "as persoas que están a recibir estas reclamacións monetarias non ocultaron nin falsearon datos, só continuaron percibindo a RISGA ante as demoras por parte da Administración na tramitación e resolución do IMV e ante o desacougo de non saber se finalmente lle concederían este último". O Colexio destaca que as reclamacións están provocando "situacións de angustia e inquedanza" en moitas persoas usuarias de servizos sociais antigas perceptora de RISGA.
“Este tipo de situacións confirman a necesidade de axilizar canto antes a posta en marcha da Lei de Inclusión, que permitirá compatibilizar ambas prestacións”, di o COTSG
Finalmente o Colexio Oficial de Traballo Social sinala que “este tipo de situacións confirman a necesidade de axilizar canto antes a posta en marcha da Lei de Inclusión, que permitirá compatibilizar ambas prestacións". E reclama que "os organismos públicos deben escoitar as necesidades da poboación e colaborar para ofrecer medidas de apoio eficaces e servizos de calidade que ofrezan a protección social adecuada”.