Este 1 de xuño cumpriuse un ano dende a entrada en vigor do Ingreso Mínimo Vital (IMV) creado polo Goberno de España. A nova prestación foi concibida para ser "compatible" coas rendas de inclusión e garantía de ingresos que as comunidades autónomas xa tiñan en marcha dende décadas atrás. No caso galego, a Renda de Inclusión Social (Risga). Pero para que esa compatibilidade sexa efectiva cómpre unha reforma da lei de inclusión social do ano 2013 que a Xunta aínda non impulsou e, daquela o Parlamento aínda non tivo ocasión de tramitar e aprobar.
As cartas nas que Política Social reclama a persoas perceptoras da Risga as mensualidades cobradas mentres agardaban polo IMV notifican débedas superiores aos 4.000 euros que deben ingresarnunha conta bancaria. Se non o fan en 30 meses, advírteas de que tamén terán que afrontar xuros de demora
O lanzamento do IMV foi adiantado a causa da pandemia. No entanto, o seu despregamento trouxo consigo prolongadas demoras na súa tramitación, que levaron o propio Executivo central a introducir no seu funcionamento diversos axustes que aínda continúan. Non obstante, as persoas con dereito ao IMV que o solicitaron ata o 31 de decembro de 2020 pero non o cobraron ata os primeiros meses de 2021 viron paliado ese atraso cun ingreso retroactivo con efectos de 1 de xuño do ano pasado.
Este é o caso no que se atopan en Galicia as persoas que agora teñen o IMV concedido e que mentres o tramitaban eran beneficiarias da Risga por non teren recursos económicos e teren, daquela, dereito a esta prestación de "subsistencia". Dado que a Xunta nunca tramitou a reforma da lei de inclusión, o propio Goberno galego considera agora que nestes meses estiveron a percibir "cobros indebidos" que deben devolver e por iso lles reclama cantidades que, en moitos casos, superan os 4.000 euros. Isto é, o equivalente a case un ano dunha prestación de apenas 400 euros euros mensuais. Ou, o que é o mesmo, a práctica totalidade dos cartos ingresados polas mensualidades atrasadas do IMV que, no canto de servir para paliar a súa situación persoal, deben ir parar á Consellería.
Política Social formula estas reclamacións a través de cartas que as persoas afectadas seguiron a recibir nas últimas semanas e días. Nelas, como puido comprobar Praza.gal, o departamento que dirixe Fabiola García indica á perceptora da Risga que, dado que "ten recoñecido o Ingreso Mínimo Vital" -neste caso, por pouco máis de 400 euros ao mes- con "efectos económicos de xuño de 2020", "a súa percepción" é "incompatible coa Risga". Por iso, advírteos, "deberá reintegrar" os algo máis de 4.000 euros que suman os ingresos da Risga durante os meses en que agardaron polo IMV, porque "foron indebidamente percibidos".
A Consellería indica a estas persoas que "para liquidar a débeda" deben realizar un ingreso nunha conta bancaria de Abanca -co conseguinte gasto para quen non sexa cliente desta entidade- a xeito de "devolución voluntaria". Política Social concede 30 meses para facelo e, se transcorrido este tempo non recibiu os cartos, advirte de que a Consellería de Facenda "iniciará o procedemento de reintegro de indebidos". "Neste caso -advirte- debe ter en conta que á contía adebedada inicialmente engadiranse os xuros de demora que procedan". No caso concreto da carta que puido consultar Praza.gal, os ingresos da unidade familiar á marxe da Risga (agora, do IMV) ascenden a cero euros.
Aínda que a Xunta culpa o Goberno central por este "mal trago", as propias cartas que remite para reclamar os cartos evidencian que a única causa da incompatibilidade é a lei de inclusión de Galicia, cuxa reforma depende en exclusiva do Executivo e do Parlamento galego
Alén da reclamación dos cartos, a propia comunicación da Xunta a estas persoas evidencia que, malia ás declaracións de Política Social nas últimas semanas, nas que a propia conselleira responsabiliza deste "mal trago" ao Ministerio de Inclusión e ao ex-vicepresidente Pablo Iglesias, a causa da incompatibilidade está exclusivamente na lei galega. Así, as cartas evidencian que o IMV é "incompatible coa Risga segundo o artigo 6.4" da lei de inclusión social de Galicia do ano 2013 e por iso lle "extinguen" o dereito a seguir percibindo a renda galega e máis lle reclaman os cartos percibidos durante o trámite do IMV.
Nas últimas semanas, os dous grupos da oposición parlamentaria (BNG e PSdeG) reiteraron ao Goberno galego a súa reclamación de aplicaren unha reforma "urxente" da lei de inclusión e a normativa que a desenvolve para evitar que estas persoas sen recursos teñan que devolver miles de euros. A mesma petición foi formulada por colexios profesionais como os de Educación Social e Traballo Social. Política Social, pola súa banda, limítase a constatar que coa actual redacción da norma está "obrigada" a reclamar os cartos.