A Xunta seguirá reclamando cartos a perceptoras da Risga co IMV concedido e leva a reforma da lei de inclusión a finais de ano

Unha solicitude do Ingreso Mínimo Vital, no inicio da súa tramitación nunha localidade galega CC-BY-NC-SA Praza Pública

Cando o Goberno de España aprobou o Ingreso Mínimo Vital (IMV), asegurou que a nova prestación estaba concibida para ser compatible coas rendas mínimas e de inclusión que xa levaban décadas implantadas nas comunidades autónomas. No caso galego, a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) só pode compatibilizarse co IMV se a Xunta ou un grupo parlamentario promove unha reforma do artigo da lei de inclusión de 2013 que as fai incompatibles e a maioría absoluta do PP na Cámara permite aprobala.

Este é o pano de fondo co que, nas últimas semanas, a Consellería de Política Social está a reclamar a devolución de varias mensualidades da Risga a persoas que solicitaron o IMV durante o ano 2020 e que seguiron percibindo con normalidade a renda galega durante a demorada tramitación da prestación estatal. O Goberno galego admite que vai seguir executando esas reclamacións, limitándose a palialas cun aprazamento de ata 30 meses e abríndose á condonación só en casos moi excepcionais. Mentres, relega a reforma da lei de inclusión a finais de ano e faino, ademais, sen aclarar se incluirá nela a compatibilidade de ambas prestacións.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, respondendo ás preguntas do BNG no Parlamento este 26 de maio CC-BY-SA Xoán Crespo / Xunta

Rodil (BNG) reclama á conselleira unha reforma urxente para, ao xeito da aplicada en Canarias, evitar as devolucións da Risga: "Non poden pedir 5.000 euros a persoas que non teñen máis ingresos ca esa prestación"

Esa confirmación de ambas intencións realizouna a conselleira Fabiola García este mércores no Parlamento. Fíxoo en resposta á vicevoceira do BNG, Olalla Rodil, que a cuestionou sobre "cando vai rematar a Xunta coa incompatibilidade entre a Risga e o Ingreso Mínimo Vital". Reclamar "ata dez meses de contías" (arredor de 5.000 euros) a persoas "extremadamente vulnerables, que ingresan apenas 400 euros" ao mes supón xerar "enormes problemas a persoas que xa teñen dabondo" que non teñen culpa, razoou, das demoras na concesión do IMV "nin da incapacidade da Xunta para evitar o evitable".

"Que propoñen á xente, que se poñan a aforrar o Ingreso Mínimo Vital, que é o único que teñen, para pagarlles a vostedes?", inquiru Rodil, quen advirte que un eventual aprazamento da reclamación dos cartos apenas poderá "mitigar o problema nalgúns casos, pero non o resolve". A solución, subliña, pasa por "aprobar, con carácter de urxencia", a compatibilidade entre ambas prestacións "como fixo Canarias en outubro" para evitar as reclamacións de cartos ás persoas perceptoras e acto seguido, "traer decontado a reforma da lei de inclusión", como "xa pedimos en 2020". "Non poden pedirlles 5.000 euros a persoas que non teñen máis ingresos ca esa prestación", resume a deputada do Bloque.

Olalla Rodil (BNG) pregunta á conselleira Fabiola García durante o pleno do Parlamento deste 26 de maio CC-BY-NC-SA BNG

Tras manter a incompatibilidade na lei, a conselleira Fabiola García di que esixe as devolucións porque "estamos obrigados" malia ser "un mal trago" e sitúa "no vindeiro trimestre" o inicio da reforma legal sen aclarar se incluirá a compatibilidade

Na súa resposta, a conselleira García confirmou os plans previstos. Alén de volver culpar dos "solapamentos e duplicidades" ao ministro de Inclusión, José Luis Escrivá, e ao ex-vicepresidente Pablo Iglesias, a titular de Política Social mantén que "preferiría non ter que pedirlles a todas as persoas que cobraron a Risga e o IMV" que "normalicen a súa situación" porque "as sostivemos mentres estaban esperando" polo IMV. "Pero estamos obrigados" a reclamarlles os cartos porque "legalmente, non temos outra opción", di en referencia á lei de inclusión cuxa reforma depende en exclusiva do Goberno e do Parlamento galego.

Este, defende a conselleira, é "un mal trago que está a pasar Galicia" igual que "outras moitas comunidades" e, no caso da Xunta, o plan pasa por dar 30 meses ás persoas afectadas "para devolver as contías" e, só nos casos de familias "especialmente vulnerables e con menores a cargo, pódese analizar a condonación de ata 3.400 euros". No que atinxe á reforma da lei -que se a Xunta e o PP o consideran oportuno, implicaría a compatibilidade-, Fabiola García sinala que a súa "tramitación" vai comezar "no vindeiro trimestre". De ser así, a aplicación efectiva da modificación achegaríase ao remate do ano.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.