Catro diferenzas entre o Ingreso Mínimo Vital e a Risga reivindicada por Feijóo

Concentración ante o Parlamento para reclamar melloras nas axudas de inclusión social © Viraventos

Dende que no mes de maio o Goberno central presentou o seu proxecto de Ingreso Mínimo Vital (IMV), aprobado no Congreso sen votos en contra e a única abstención de VOX, o presidente da Xunta cuestionou en varios momentos a iniciativa, alertando primeiro de que a nova axuda se ía "solapar" coa Risga (algo posteriormente desmentido). 

Nos últimos dous meses, o presidente da Xunta cuestionou en varias ocasións a iniciativa do Ingreso Mínimo Vital, alertando de que se ía "solapar" coa Risga ou que ía dificultar a xestión da Risga por parte do Goberno galego

Posteriormente, Núñez Feijóo afirmou que se o Estado non transfire a xestión do IMV á Xunta dende o inicio, o Goberno galego non podería "seguir xestionando" a Risga, aínda que a nova prestación estatal non teña influencia directa ningunha na que xa rexe en Galicia. E aínda uns días despois o presidente da Xunta volveu esixir do Goberno central "que se permita a Galicia seguir xestionando a renda de integración social igual que o leva facendo nos últimos 30 anos coa Risga para que chegue con axilidade ás familias", aínda que en ningún momento se puxo en cuestión que a Xunta puidese facelo.

Este martes 16 de xuño, nunha entrevista condecida a ElEconomista.es, Alberto Núñez Feijóo volveu referirse con desdén ao ingreso mínimo vital, sinalando que "o ingreso mínimo vital non é un invento de Podemos" e afirmando -en referencia á Risga- que "existe en Galicia desde 1991. Aquí levamos 29 anos xestionando unha renda de integración social que cobraron 15.000 familias". Feijóo engadiu que "estamos de acordo con esta renda sempre que vaia unido ao compromiso de inclusión laboral e se xestione con dilixencia e sen clientelismo" e concluíu dicindo que "iso de que é unha conquista do Goberno é de broma. "Será unha conquista trinta anos despois de que fose previamente conquistado".

Alberto Núñez Feijóo © Ana Varela

"O ingreso mínimo vital non é un invento de Podemos. Existe en Galicia desde 1991", afirmou Núñez Feijóo nunha entrevista, en referencia á Risga

Como vemos, foron varias as ocasións en que o presidente da Xunta comparou o novo Ingreso Mínimo Vital (IMV) coa Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), chegando a equiparalos e destacando as virtudes da axuda que viña funcionando en Galicia. Porén, nos últimos anos foron continuas as críticas de entidades sociais e partidos da oposición á Risga, tanto pola súa contía, como polos importantes obstáculos burocráticos e atrasos existentes para a súa concesión.

Ademais, existen importantes diferenzas entre as dúas axudas, que ademais serán complementarias. Hai algunhas rendas autonómicas para persoas en exclusión social que si se achegan en maior medida ao IMV pola súa contía, alcance e condicións, como son as existentes en Euskadi e Navarra, e o propio ministro José Luis Escrivá sinalou que estas rendas serviron como exemplo para o deseño do IMV.

 

A contía

A Risga é a segunda renda de inserción máis reducida de todas as existentes nas comunidades autónomas

O IMV ten unha contía mínima de 462 euros ao mes (5.538 ao ano) para unha persoa adulta sen menores ao cargo. Non hai grandes diferenzas para estas situacións coa Risga (403,38 euros ao mes), pero as diferenzas aumentan para grupos familiares máis grandes. Un adulto con menor ao seu cargo pode recibir 702 euros ao mes polo IMV e ata 978 euros ao mes con tres menores; e dous adultos recibirán 600 euros ao mes e ata 1.015 euros ao mes se teñen tres menores ou máis. Pola contra, a contía da Risga increméntase moi pouco para núcleos familiares de máis dunha persoa: un adulto cun menor non chega aos 480 euros e unha familia de catro integrantes fica en menos de 600 euros ao mes.

De feito, a Risga é a segunda renda de inserción máis reducida de todas as existentes nas comunidades autónomas do Estado Español, superando unicamente á de Madrid para familias dun só membro, e só por diante de Andalucía para familias máis grandes. Os 403 euros da Risga contrastan cos máis de 600 euros que se entregan en Euskadi e Navarra; e para familias de catro membros, os 597 euros galegos están moi lonxe dos 1.068 de Navarra.

A cobertura

Para unha familia de dous adultos e dous menores, o IMV suporá uns ingresos mensuais de 877 euros. A Risga, menos de 600 euros

No ano 2018 máis de 10.000 persoas percibiron a Risga en Galicia, chegando a case 30.000 persoas, contando a persoa titular e aquelas que dependen dela. Pode semellar unha cifra importante e, de feito, foi medrando ao longo da crise económica, duplicando o dato existente no ano 2010. Con todo, está moi lonxe das necesidades reais existentes en Galicia. Nese ano 2018 segundo o IGE ao redor de medio millón de persoas (506.633) estaban en risco de pobreza ou exclusión social, das cales 226.946 sofren situacións de exclusión severa segundo Cáritas. Delas, 66 mil sufrían "carencia material severa". Ademais, nos últimos anos vén sendo habitual que a Xunta fique sen cartos para novas solicitudes da Risga debido á limitade cantidade orzamentada para esta axuda.

As cifras da Risga contrastan unha vez máis coas doutras comunidades autónomas. Segundo datos de EAPN, Euskadi, cunha poboación inferior á galega (ao redor de 2 millóns de habitantes) entregaba a súa renda de inserción a 121 mil persoas, entre titulares e persoas dependentes destas. A cobertura era tamén superior en Navarra (36 mil persoas) ou Castela e León (33 mil), igualmente con menos poboación que Galicia. E na veciña Asturias, con só un millón de habitantes, case 46 mil persoas percibían as rendas de inserción, con contías superiores á Risga.

A Risga chega a pouco máis de 10.000 familias. O IMV dará cobertura a máis de 40.000 fogares

O Ingreso Mínimo Vital terá unha cobertura moi superior á Risga. O cálculo inicial fala duns 850.000 fogares en todo o Estado, que equivalen a arredor de 2,3 millóns de persoas. Galicia representa algo máis do 5% da poboación española, polo que a cifra de beneficiarios directos en Galicia podería superar as 40.000 familias, unhas 115.000 persoas, catro veces máis que a actual Risga.

Condicións de acceso

Mentres a Risga é "incompatible coas pensións non contributivas" ou con calquera outra prestación de contía semellante, o IMV si é compatible con outras axudas

A Risga pode solicitarse a partir dos 25 anos e o Ingreso Mínimo Vital a partir dos 23, aínda que as persoas menores de 23 poden optar a el se teñen fillas ou fillos ao cargo e cumpren o resto de condicións. Este límite de idade no IMV e o feito de que se esixan ademais tres anos de emancipación familiar foi criticado por entidades como Igaxes, sinalando que estes requisitos "exclúen a práctica totalidade da xuventude ex tutelada que se ve obrigada a emanciparse sen o apoio dunha familia". En ambos os dous casos se esixe ter residencia legal (no IMV, cando menos durante un ano; na Risga cando menos seis meses en Galicia).

En ambos os dous casos, as condicións económicas para acceder á axuda pasan por ter ingresos económicos inferiores aos que lle correspondería percibir a través desta renda. Unha das grandes diferenzas neste caso é que o IMV é compatible coas rendas do traballo ou actividade económica por conta propia da persoa beneficiaria individual ou, no seu caso, de un ou varios membros da unidade de convivencia. Pola contra, a Risga permite esa compatibilidade só durante 6 meses, de transición ao emprego. Nos meses seguintes á sinatura do contrato labroal, a cantidade aboada pola Risga redécese de maneira gradual a razón dunha sexta parte do complemento cada mes. A partir do sétimo mes, procederase á extinción da renda de inclusión social.

O IMV é compatible coas rendas do traballo ou actividade económica por conta propia da persoa beneficiaria. A Risga só durante seis meses

Ademais, mentres a Risga é "incompatible coas pensións non contributivas" ou con calquera outra prestación de contía semellante, o IMV si é compatible con outras axudas, polo que se poden cobrar ao mesmo tempo (no caso da Risga, sempre que o Parlamento galego modifique a actual Lei de Inclusión). Neses casos a persoa cobraría a diferenza entre os seus actuais ingresos e a contía que lle correspondería ao seu caso a través do IMV.

A ODS de Coia denuncia habitualmente os problemas de xestión da RISGA Dominio Público ODS-Coia

A burocracia

Fronte á excesiva burocracia da Risga, as persoas que soliciten o IMV non terán que presentar a documentación que acredita que non chegan aos limiares de ingresos

Un dos aspectos que en principio diferenciará o IMV da Risga será a menor carga burocrática que implicará a solicitude desta nova axuda. Ao contrario que noutras prestacións ou axudas, as persoas que o soliciten non terán que presentar ante a Seguridade Social abondosa documentación para acreditar se chegan ou non a estes limiares de ingresos ou patrimonio. "En ningún caso -di a norma- será esixible ao solicitante a acreditación de feitos, datos ou circunstancias que a Administración da Seguridade Social deba coñecer por si mesma", para o cal se solicitará permiso expreso da persoa que solicita.

En cambio, os obstáculos burocráticos e os longos tempos de espera foron nos últimos ano un dos aspectos máis criticados na Risga. Unha espera que, ademais, era moi diferente nunhas e noutras cidades; por exemplo, no ano 2018 o tempo medio de espera en Vigo (157 días, máis de cinco meses) duplicaba e mesmo triplicaba ao do resto de cidades galegas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.