"A RISGA necesita dunha valoración social e dun proxecto de intervención"

Faixa colocada por PROSERSO © PROSERSO

A Plataforma en Defensa da Profesionalización dos Servizos Sociais (PROSERSO) entregou hai unhas semanas as súas alegacións ao proxecto de decreto que desenvolve a Lei de Inclusión Social e que regula a Renda de Integración Social de Galicia (RISGA). A entidade, que agrupa un número importante de traballadoras e traballadores sociais, en contacto directo coas persoas que solicitan a RISGA, busca corrixir un gran número que eivas técnicas que ao seu xuízo presenta o documento e, sobre todo, critica un aspecto que considera esencial, sinalando que o proxecto relega as traballadoras sociais a un papel secundario e deixa a decisión final sobre a concesión da renda en mans dunha unidade técnico-administrativa nomeada pola Xunta.

"Non se ten en conta a nosa valoración, o noso seguimento, ou o cumprimento dos proxectos. Practicamente nada vai depender da valoración das traballadoras sociais"

"O documento deixa moi en aberto as competencias da Xunta, incrementando a discrecionalidade", asegura Beatriz Leal, unha das voceiras da entidade. "Hai moitos apartados nos que di 'en última instancia, valorado pola unidade técnico-administrativa da Xunta', é dicir, que vai ser totalmente discrecional. Non se ten en conta a nosa valoración, o noso seguimento, ou o cumprimento dos proxectos. Practicamente nada vai depender da valoración das traballadoras sociais, cando os nosos informes sempre foron obrigatorios e vinculantes", sinala.

"Hai un interese explícito en todo o decreto por non nomear traballador social e informe social -en vez de informe social fálase de informe de valoración- para que prestación non dependa tanto dunha valoración social, senón duns criterios que marque a Xunta e que non se discutan, o que derivará en máis desprotección para a cidadanía", explica. Leal subliña que "nesa unidade técnico-administrativa non haberá traballadores sociais; fálase de expertos en temas sociais ou en xestión de prestacións". "Unha RISGA non é unha prestación como unha bolsa universitaria ou unha subvención para unha empresa. Unha RISGA necesita dunha valoración social e dun proxecto de intervención", conclúe.

"O complemento ao alugueiro, que a lei establecía entre un 35% e 60% do IPREM o decreto fíxao no 35%, uns 53 euros ao mes. Con todo o que subiu o prezo dos alugueiros, o complemento que se ofrece é moito menor que antes"

Ademais, PROSERSO fai fincapé noutros aspectos específicos. Por exemplo, que non se valora a enfermidade mental. Ou que "para a dedución de ingresos non se ten en conta a dependencia: unha persoa que teña tres nenos e un deles dependente vai cobrar exactamente o mesmo que unha persoa con tres nenos e ningún dependente". Así mesmo, sinala que "todos os apartados que a lei deixaba en aberto, o decreto acóutaos sempre de forma negativa", explicando que "o complemento ao alugueiro, que a lei establecía entre un 35% e 60% do IPREM, o decreto fíxao no 35%, uns 53 euros ao mes. Con todo o que subiu o prezo dos alugueiros, o complemento que se ofrece é moito menor que antes".

 

A posición do Colexio de Traballo Social

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) tamén rexistrou unha serie de alegacións ao decreto. realizadas polas súas colexiadas e colexiados, que lle presentaron hai unhas semanas ao director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, nunha xuntanza na que participaron a presidenta do COTSG, Míriam Rodríguez, a vicepresidenta, Antía Sobrino e a vogal Ana Vilar. O Colexio subliña que as unidades técnicas deben contar, polo menos, cunha traballadora social para a interpretación dos informes sociais de valoración, sendo a titulación de traballo social a única habilitada oficialmente para levar a cabo ditas funcións.

O Colexio subliña que as unidades técnicas deben contar, polo menos, cunha traballadora social para a interpretación dos informes sociais de valoración

As representantes da nova Xunta de Goberno do COTSG sinalaron igualmente a necesidade de contemplar que nun mesmo domicilio poidan convivir dúas persoas perceptoras de RISGA sen necesidade de estar tuteladas por unha entidade de iniciativa social. Nesta liña, as integrantes da Xunta de Goberno expuxeron as “dificultades para acceder a unha vivenda independente”. Así mesmo, fixeron fincapé na “necesidade de que o Decreto regule unha xestión dos expedientes e, en consecuencia, de acceso ás prestacións” que debe ser “igualitaria en todos os territorios, xa sexa rural ou urbano".

Outro dos temas tratados na xuntanza foi o do Plan Estratéxico de Inclusión para as persoas sen fogar, aínda en fase de estudo. As representantes do COTSG subliñaron que “hai moitas persoas que quedan fóra do sistema de protección social e sen ningún tipo de cobertura das necesidades básicas que presentan, o que supón unha desprotección total de parte do colectivo en situación ou en risco de exclusión social”. Do mesmo xeito tamén salientaron que “non estamos garantindo, a través das normas da comunidade autónoma, un sistema de protección real a moitas situacións que nós vemos día a día”. O COTSG fixo fincapé, finalmente, na importancia das e dos traballadores sociais como a “figura fundamental de cohesión para a valoración da intervención social nun proceso de inclusión”. 

 

Outras críticas

Os gobernos municipais da Coruña, Compostela e Ferrol presentaron alegacións conxuntas ao proxecto de decreto que desenvolve a Lei de Inclusión Social e que regula a Renda de Integración Social de Galicia (RISGA). Propoñen cambios para "adecuar esta prestación ás necesidades das persoas destinatarias, veciños e veciñas que se atopan en situación ou risco de exclusión social", pois sinalan que na actualidade a renda está "excesivamente condicionada e burocratizada", ten unha contía insuficiente e deixa fóra a moitas persoas que necesitan da axuda. Destacan que a contía das prestacións debería ser acorde co Salario Mínimo Interprofesional (735,90€), mentres que na actualidade a RISGA ten como contía de referencia o 75 % do IPREM (403,38 euros). Tamén advirten da exclusión das persoas que cobran unha pensión de escasa contía, que se atopan en situación de gran necesidade, pero que non poden cobrar a RISGA. E denuncian, así mesmo, que a RISGA "é excluínte coas persoas migrantes irregulares, e tamén coas persoas irregulares sobrevidas".

O Foro Galego da Inmigración demanda que se garanta o acceso á RISGA para o colectivo de persoas en situación de irregularidade administrativa

O Foro Galego da Inmigración demanda que se garanta o acceso á RISGA para o colectivo de persoas en situación de irregularidade administrativa e denuncia que se está a excluir "a un colectivo en situación de especial vulnerabilidade pola carencia doutros dereitos básicos e de ingresos mínimos, polo que se incrementaran as situacións de explotación laboral, sexual, ou de calquera outro tipo que están a sufrir na actualidade". Lembra que a Lei de Estranxeiría -Lei Orgánica a nivel estatal- recoñece a estas persoas o acceso a prestacións sociais básicas e subliña que o País Vasco si que as integra na súa Renda Mínima. O Foro engade que "as situacións de irregularidade administrativa son transitorias, polo que se está a excluir a posibilidade de que estas persoas residente e veciñas nosas poidan acceder a procesos de inserción e integración socio-laboral mentres resolven a situación administrativa".

De igual xeito, a Oficina de Dereitos Sociais de Coia levou a cabo unha campaña colectiva de alegacións contra "a esmola social da RISGA" e propoñendo "a creación dun novo dereito que supere a política vixente prestacións e axudas sociais que non eliminan nin o empobrecemento nin a desigualdade: a Renda Básica das iguais". Entre as medidas propostas estaba incrementar a contía ata os 890 €/mes por persoa (metade da renda per cápita da Galicia, dividida entre todas as persoas residentes no país). Tamén garantir o seu acceso a todas as persoas que residan en Galicia, "con independencia do seu pasaporte e situación administrativa", brevidade e simplicidade na tramitación e compatibilidade con axudas e prestacións de contía inferior.

A presidenta do COTSG Míriam Rodríguez, a vicepresidenta Antía Sobrino e a vogal Ana Vilar, co director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Dominio Público COTSG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.