Este luns foi o primeiro día no que se puido solicitar o Ingreso Mínimo Vital, do que se poderán beneficiar ao redor de 39.500 fogares en Galicia. As longas ringleiras de solicitantes ante as oficinas municipais en varias localidades galegas confirmaron a elevada demanda e alcance desta medida, da que se poden beneficiar persoas de entre 23 e 65 anos que se atopen en situación de vulnerabilidade económica.
En Compostela, o Concello habilitou a partir deste martes dous puntos de información no Mercado de Abastos e en Área Central dende os que se atenderá á cidadanía sobre o Ingreso Mínimo Vital
As colas de xente agardando para tramitar esta axuda foron evidentes ás portas da Casa consistorial en Vigo, onde o Concello xestionou este luns máis de 600 solicitudes. Tamén en Ourense, na Praza Maior, onde a fileira daba a volta á praza antes de ingresar na Casa do Concello. En Compostela, o Concello habilitou a partir deste martes dous puntos de información no Mercado de Abastos e en Área Central dende os que se atenderá á cidadanía sobre o Ingreso Mínimo Vital. Estes dous puntos de información xestionarán os casos das persoas que nos últimos días foron solicitando cita previa, un total de 620.
Longas ringleiras en Vigo
"Pode que haxa algunha institución que madrugara tanto como o Concello de Vigo, pero máis non, porque hoxe ás 8 da mañá había 14 persoas atendendo á xente", destacou Caballero
En Vigo o Goberno local habilitou un espazo específico a Casa do Concello con dous puntos de información, asesoramento e rexistro das peticións. A atención préstase con cita previa, que pode ser obtida a través da web do Concello ou do teléfono 010. A previsión municipal é ampliar o número de espazos da cidade onte informarse e presentar as solicitudes ao Ingreso Mínimo Vital e dispoñer dun total de catorce puntos para asesorar a quen o precise.
O alcalde, Abel Caballero, destacou que Vigo foi das primeiras cidades en comezar a xestionar as solicitudes: "pode que haxa algunha institución que madrugara tanto como o Concello de Vigo, pero máis non, porque hoxe ás 8 da mañá había 14 persoas atendendo á xente". O rexedor subliñou que o persoal municipal atendeu tamén ás persoas que viñan sen cita previa (a maioría), para proporcionarlles unha e "inmediatamente comezar tamén con eles a tramitación das súas solicitudes". "Gustaríame saber que fixo a Xunta, porque este luns había unha única administración atendendo esta cuestión, o Concello de Vigo", engadiu Caballero.
Para a Marea de Vigo as longas ringleiras ante o Concello supoñen “un novo exemplo da pornografía da pobreza que tanto lle gusta ao alcalde da cidade"
As longas ringleiras que se rexistraron este luns motivaron as críticas da Marea de Vigo, que instou ao Concello a habilitar fórmulas para evitar as colas para así garantir a privacidade das persoas solicitantes. O grupo municipal denuncia que o acontecido "semella ter sido deliberadamente feito para o paseo dos concelleiros e concelleiras do grupo de Goberno”, sinalando o seu voceiro, Rubén Pérez, que “non se entende semellante espectáculo cando todo o relativo á política social e axudas debe facerse garantindo a privacidade das persoas”.
Para a Marea de Vigo, isto representou “un novo exemplo da pornografía da pobreza que tanto lle gusta ao alcalde da cidade". “Non é Abel Caballero quen vai pagar as axudas, senón que trátase dunha medida acadada polo actual Goberno do Estado, medida que será finalmente xestionada e pagada polas arcas do mesmo estado. Non ten sentido, sobre todo ético, o que se está facendo na casa do Concello”, engadiu Rubén Pérez.
39.500 fogares beneficiarios
7.000 fogares "xa percibirán a prestación este mesmo mes de xuño", sinala a Delegación do Goberno
A Delegación do Goberno central en Galicia estima que ao redor de 39.500 familias galegas se poderán beneficiar do ingreso mínimo vital. A tramitación está sendo realizada na actualidade polos Concellos, pero a axuda tamén se tramitará de forma presencial nas oficinas da Seguridade Social cando estas reabran. O delegado, Javier Losada, destacou este martes que mentres non chegan as primeiras solicitudes (que comezaron a ser tramitadas este luns nalgunhas oficinas municipais, a Seguridade Social xa está a reconverter "de oficio" os casos de familias monoparentais e biparentais con fillos a cargo, que son unhas 4.000 en Galicia.
Ademais, existen outros 3.000 casos que están pendentes de completar documentación, polo que
esta actuación de oficio podería acadar os 7.000 fogares, que "xa percibirán a prestación este mesmo mes de xuño", sinala a Delegación do Goberno.