Miguel Otero Iglesias forma parte do comité de sabios que o Goberno español xuntou para deseñar o plan de desescalada que leva semanas aplicándose en todo o Estado. Nado na emigración suíza (Basilea, 1979), coa familia en Abadín e a residencia durante anos na Coruña, este galego leva tempo traballando como investigador principal do Real Instituto Elcano, labor que compaxina coas súas aulas como profesor na IE School of Global and Public Affairs e o seu traballo como investigador asociado no Instituto para a UE e Asia na ESSCA de París. Economista político e xornalista, licenciado pola Universidade de Santiago, colaborou en Praza.gal e fala agora aquí do complexo futuro que vén e das dificultades e equilibrios que supón preparar un desconfinamento.
Como valora o plan de desescalada? Saíu todo segundo o previsto?
Nós sabiamos que o plan que defendiamos era un plan complexo, dos máis complexos que hai en Europa sen dúbida. Eu encargábame máis da economía política, do que ten que ver cos diferentes grupos de interese e as tensións que xa había e hai sobre, por exemplo, a importancia que se lle dá á máxima seguridade e prevención desde un punto de vista santitario e canto se abre a economía o máis axiña posible porque precisas que o país retome a actividade económica. Esta tensión séguea habendo e aumenta coa presión exterior que tes, porque España depende moito do turismo. Ten máis de 80 millóns de visitantes ao ano e outros países que compiten contigo, como Italia e Grecia, que xa están a abrir as súas zonas turísticas, algo que tamén inflúe. En xeral, o Goberno, seguramente polo gran drama que vivimos durante mes e pico, é máis cauto do que son outros países e iso explica que acabe abrindo un mes máis tarde que Italia.
"O plan de desescalada de España é dos máis complexos de Europa, dos poucos que divide por zonas ou que vai por fases"
A que cre que se debe esa cautela da que fala?
A actitude cauta que se mantivo e mantén explícase polo gran drama, a elevada cantidade de mortes que houbo. Se cadra Italia está abrindo demasiado rápido porque moitos países pensaron na saída e non tanto en como se debería organizar o posible repregamento que haxa que facer no caso de rebrotes. O noso plan é dos poucos que divide o país en unidades territoriais ou que vai por fases... Se hai rebrotes, poderanse pechar diferentes zonas, xa sexan provincias ou áreas sanitarias, e non ter que volver a un confinamento total como se fixo no pasado.
A importancia do turismo na economía española está marcando tamén esta desescalada?
O turismo é un sector moi importante, representa o 13% do PIB e é un dos pilares da economía de España. Preocupa poder salvar a temporada e manter unha boa imaxe no exterior para que a xente, tamén a medio e longo prazo, vexa España como un lugar seguro a onde ir. En España nunca se valorou dabondo que é un país moi seguro e esa é a percepción tamén dos visitantes, no que ten que ver coa seguridade cidadá e nas rúas, pero agora hai que incorporar este compoñente sanitario tamén. España sufriu un dano á súa imaxe polo grande impacto do virus e hai unha preocupación xustificada e un esforzo para que isto non dane a imaxe a medio e longo prazo.
Unha das claves do plan de desescalada, xa que logo, foi pensar tamén a longo prazo, nesa imaxe de seguridade?
O plan que se deseñou tivo sempre en consideración que non era só saír agora, senón ter un esquema de cara ao futuro. Pero tamén se fixo baixo a presión de que non podíamos fallar outra vez. Tiñamos unha presión engadida, máis que outros países. Eramos conscientes de que era moi importante ter un plan de desescalada, pero tamén un bo marco para o futuro, para mostrar ao mundo que España é un sitio seguro para poder vir e pasar as vacacións.
"Seguramente haxa rebrotes, pero os estudos advirten da perda de virulencia do virus. A clave é actuar rápido: achar casos, facer tests, identificar e illar contactos"
Teñen asumido entre os expertos que asesoran ao Goberno central que haberá rebrotes pasado o verán?
Se tivesemos esta conversa hai un mes, diríache que era practicamente seguro que habería rebrotes. A sensación entre os expertos epidemiolóxicos e sociolóxicos indicaban que era moi probable unha segunda vaga, porque o ser humano é como é, socializa e fai máis posible un novo abrocho. Agora, en cambio, hai estudos científicos que indican que quizais o virus perdeu virulencia. Os virólogos explican que o virus, se se quere manter no tempo, non pode ser demasiado agresivo co seu hóspede, non tanto como para matalo porque ten que pasar a outras persoas... De todos os xeitos, ata que non haxa un tratamento ou unha vacina, as experiencias vividas noutros países máis avanzados no tratamento coa pandemia, como Corea do Sur o China, indícannos que seguramente os haxa, pero de aí a importancia da identificación dos posibles casos, de facer tests rápidos, de identificar os contactos e de illalos. Facer ben estes pasos e desenvolver a súa posta en marcha é moi importante, uns labores que poderían ser apoiados polo uso de aplicacións de móbiles.
Falabamos antes do turismo, un sector do que España depende, se cadra, excesivamente. É esta crise a oportunidade para transformar o modelo económico?
As transformacións adoitan ser difíciles, pero entraremos nunha recesión moi severa e debemos vela tamén como unha oportunidade, non só de recuperarse senón de reconstruír. España tiña que ter modernizado a súa economía e levar a cabo reformas estruturais antes, e agora será máis necesario aínda. A Comisión Europea deixou claras as prioridades, como a dixitalización, e aí España ten que mellorar moito. O 50% das escolas non teñen unha plataforma dixital, non teñen un sistema para levar a cabo un ensino online ou a distancia e iso amosa importantes eivas. Tamén a nivel empresarial, sobre todo nas pemes, as hai. Logo é moi importante a transformación verde que chega e na que España ten unha oportunidade. As enerxías renovables, por exemplo, supoñen un dos sectores con máis investimento e con maior demanda de emprego, ademais de ser multiplicador, un dos sectores onde os cartos investidos crean máis actividade a maiores. Neste ámbito, a clave será mellorar as interconexións entre España e Francia...
A que se refire?
España é como unha illa enerxética. Produce moita enerxía, tamén de renovables, pero como non hai interconexión con Francia, non a pode exportar a Europa. Francia sempre se opón porque teñen enerxía nuclear e queren vendela ao resto de Europa, e sempre argumentou que non había diñeiro para estes investimentos millonarios e para unhas obras tan complexas. Agora, creo que España debería intentar conseguir fondos europeos para mellorar esa interconexión e lograr converterse nun gran exportador de enerxía.
"Estamos nun momento de transformación verde e de revolución dixital e haberá gañadores e perdedores; a clave será introducir outro elemento: a inclusión social"
Os anuncios de despedimentos en Nissan e en Alcoa, o final de centrales térmicas como a de Endesa nas Pontes... Son inevitables estes dramas no emprego para afrontar estes cambios económicos?
Estamos nun novo momento de transformación, de reconversión, e isto provoca que haxa gañadores e perdedores. Haberá industrias que se beneficien e outras que non. Moitas veces, ante estes cambios que chegan, critícase esta visión tecnócrata ou chegada de Bruxelas que reivindica o verde e a revolución dixital, porque é lóxico que esta última porovocará perda de postos de traballos e porque o verde vese como un prexuízo para as clases media-baixas, tal e como escenifican os chalecos amarelos. A clave aquí será introducir un terceiro elemento: a inclusión social. Toda esta transformación ten que chegar entendendo que esta fenda que se leva décadas abrindo entre os que se benefician dun mundo máis globalizado e dixitalizado e os que non débese reducir. O que está a ocorrer en Europa e o que ocorre agora nos Estados Unidos son chamadas de atención sobre a importancia de incluír este elemento no futuro. O Ingreso Mínimo Vital, por exemplo, vai nesa liña porque o ascensor social rompeu hai tempo, non traballa e hai que recuperalo.
"A fenda entre os beneficiados dun mundo máis globalizado e os prexudicados débese reducir. O que ocorre nos EUA é unha chamada de atención"
Hai un cambio de discurso nas elites económicas?
A desigualdade e a pobreza son cada vez máis tidas en conta. O FMI, a OCDE, o BCE... Institucións que se consideraban moi ortodoxas e pouco sensibles co social teñen programas de investigación e estudos abertos sobre este ámbito. O mellor exemplo aquí é o do Financial Times, un referente liberal e da elite financeira que está a facer chamadas constantes a esta inclusión social, a equilibrar a balanza, porque a sensación é que se non se fai iso, a tensión social vai ser moito maior.
O que si parece claro é que a reposta de Europa é moi diferente á que deu na anterior crise...
Si, porque o contexto é diferente, porque se aprenderon certas leccións e porque a pandemia afecta dous grandes economías como España e Italia e a sensación nos países do norte é que está en xogo o mercado único. Ademais, a resposta de Alemaña foi moi diferente. A pasada semana, nunha entrevista nunha televisión alemá, preguntáronlle a Merkel se non estaba virando o seu legado e as súas políticas dos últimos quince anos, se non se ía converter na líder que agora, despois de todo, avogaba por máis débedas e unión de transferencias... Esa é un pouco a sensación. O paquete de investimento achegado por Alemaña é enorme. De todas as axudas públicas estatais a empresas que se están facendo na UE, a metade son alemás. Berlín viuse na necesidade de axudar, de compensar, porque senón o mercado único non funciona.
"España debe aproveitar o contexto para transformar e modernizar a economía; tiña que telo feito antes, pero agora é máis necesario aínda"
Tamén haberá intereses...
Non todas as razóns están baseadas na solidariedade, claro, senón tamén nos propios intereses de protección, pero a reacción foi moito máis positiva que a que houbo coa anterior crise. Aínda así, os problemas estruturais dun país como España seguen aí e a gran pregunta é como se vai usar ese diñeiro que vai chegar de Europa e se se vai usar da mellor maneira posible.
Dificulta a tensión política da que tanto se fala en España a creación deses proxectos que reclama Europa?
Seguro. O problema de España nos últimos anos foi que tivo a disposición bastantes fondos FEDER de cohesión pero non os executa porque non é quen de presentar bos proxectos, de cofinanciar moitos deles nin de chegar a acordos entre gobernos centrais e autonómicos España é un dos países da UE que executa menos partidas das que se lle destinan e ese é un problema estrutural que se debe resolver. Agora estase negociando o novo orzamento comunitario e é necesario facer un esforzo de pedagoxía, de explicar que agora hai que ter bos plans de investimento, sobre todo nun contexto onde o BCE está a comprar débeda dunha maneira masiva e onde España se está financiando a un tipo de interese historicamente baixo e nunca visto, onde hai milleiros de miles de millóns de transferencias para países que os necesiten... España pode aproveitar esta oportunidade para transformar e modernizar a súa economía. Todo depende de que os plans que presente para investir estes cartos sexan bos de xeito que mellore a súa produtividade.