O número de persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) descendeu no 2018 por segundo ano consecutivo, ficando en 10.163 familias, segundo os datos feitos públicos pola Consellaría de Política Social. En 2016 acadárase a cifra máxima de perceptoras, con 10.761, despois de anos de crecemento ao longo da crise económica. Entre 2011 e 2016 duplicouse o número de beneficiarios e beneficiarias en Galicia.
En 2016 acadárase a cifra máxima de perceptoras, con 10.761, despois de anos de crecemento ao longo da crise económica
As persoas perceptoras da RISGA son maioritariamente mulleres, que representan o 62% das beneficiarias, unha porcentaxe que se mantivo estable na última década. E, ademais, trátase dunha poboación maioritariamente urbana. As RISGAS cobradas nas sete cidades galegas supoñen o 59% do total galego, cando a poboación dos sete principais concellos do país rolda o 37% sobre o conxunto de Galicia.
Nos últimos anos, ademais, afianzouse esta característica urbana dos beneficiarios e beneficiarias da RISGA. No ano 2008 supoñían o 50,7% do total galego, cinco anos despois eran o 51,7% e no 2016 representaban xa o 55,9%. Hoxe esta porcentaxe achégase xa ao 60% do total.
O 62% das beneficiarias son mulleres e o 59% viven nas sete cidades
Vigo é, con gran diferenza, a cidade con máis beneficiarios e beneficiarias da RISGA, con 2.397, aínda que o seu número descendeu lixeiramente no último ano. A contía, con todo, duplica á da cidade da Coruña e cuadriplica ás de Lugo ou Ourense. Dende o ano 2011, momento en que o número de persoas que dependían da RISGA se disparou en Galicia, todas as cidades amosan incrementos no número de beneficiarios que van dende o +53% de Ourense ata o +246% de Santiago de Compostela.
Vigo é, con gran diferenza, a cidade con máis beneficiarios e beneficiarias da RISGA, con 2.397
Mesmo nos dous últimos anos, aínda que o número de familias perceptoras da RISGA descendeu lixeiramente en Galicia, a realidade é que A Coruña, Lugo, Compostela e Pontevedra viron aumentar as súas cifras e Ferrol e Vigo rexistraron descensos mínimos, ao redor do 1%.
Os obstáculos burocráticos e os longos tempos de espera veñen sendo criticados nos últimos anos por colectivos sociais e entidades profesionais, que reclaman unha mellora da coordinación entre administracións e dos mecanismos postos en marcha pola Consellería de Política Social. A espera pola RISGA varía de 22 a 157 días dunhas cidades a outras. Vigo segue a ser o lugar no que este proceso ten unha duración maior, cun total de 157 días. A Coruña (85) e Ourense (67) son os seguintes lugares no que a tramitación leva máis tempo, por diante de Lugo (57), Ferrol (53) e Santiago (51). A gran distancia aparece, finalmente, Pontevedra, con só 22 días de espera.