Barrios urbanos e parroquias rurais: as zonas de Galicia con máis pobreza, que o ingreso mínimo vital quere combater

As familias en situación de pobreza e con menores ao cargo son unha das poboacións albo do IMV CC-BY-SA Foto: Igaxes | Montaxe: Praza Pública

Este luns entrou en vigor o Ingreso Mínimo Vital (IMV), unha prestación que garantirá unha achega mínima de 462 euros mensuais para persoas que vivan soas e ata un máximo de 1.015 euros para unidades familiares de cinco membros. A axuda busca combater a situación de pobreza que sofren centos de milleiros de persoas no Estado español e que nace coa vocación de ser "compatible" con outros ingresos, tanto do traballo como doutras rendas de inclusión, pois poderá cobrarse na medida en que os actuais ingresos da familia demandante non cheguen a ese mínimo que o IMV proporciona.

O IMV busca solventar ademais algunha das eivas que en Galicia presenta a RISGA e que veñen sendo denunciadas por colectivos sociais, como o exceso de burocracia, os atrasos na súa concesión e a limitación da súa contía, sobre todo para familias de varios membros. O número de persoas que perciben a Risga por estar en situación de pobreza pasaron de ser apenas 4.000 antes da anterior crise económica a máis de 10.000 na actualidade. 

En Galicia, segundo os datos do IGE correspondentes ao ano 2018, o 12,5% dos fogares ingresaba menos de 450 euros ao mes por persoa. Ademais, o 18,8% da poboación se atopaba en risco de pobreza, é dicir, case medio millón de persoas con ingresos inferiores aos 8.871 euros anuais. O pasado ano Cáritas situaba a Galicia como o territorio con máis persoas "na antesala da exclusión", un 42% de persoas que se movían "no gume da navalla", cun sostén económico ameazado no caso de chegar unha nova crise. Unha crise que chegou como consecuencia do coronavirus e que xa está a afectar de forma moi importante ás persoas máis vulnerables: traballadores precarios, mocidade, mulleres, familias monoparentais, inmigrantes..., como alertaba IGAXES hai unhas semanas.

Con todo, este colectivo de persoas con menos recursos non se distribúe de forma uniforme por todo o territorio. Os datos do Atlas de distribución de renda dos fogares correspondentes ao ano 2017, publicados hai uns días, amosan a distribución da pobreza polas distintas seccións censuais galegas (divisións inferiores aos barrios nas cidades e equiparables ás parroquias nos concellos rurais).

É sabido que os concellos con menor renda media en Galicia son maioritariamente rurais e envellecidos (habitados nunha alta porcentaxe por xubilados con pensións moi baixas, sobre todo no caso das mulleres). Porén, aínda que as zonas urbanas presentan ingresos medios superiores, isto agocha grandes desigualdades, con barrios moi ricos e outros que están entre as zonas máis pobres de Galicia.

En todo caso, os concellos que presentan unha maior proporción de persoas que viven en fogares con ingresos inferiores aos 5.000 euros anuais por unidade de consumo (escala utilizada pola OCDE que concede un peso de 1 ao primeiro adulto, de 0,5 aos demais adultos e de 0,3 aos menores de 14 anos) son sobre todo rurais e están encabezados por Avión, A Lama e Beariz. A primeira vila é Verín, cun 14,4% de fogares pobres, seguida de Ponte Caldelas, Ponteareas, Celanova, Salvaterra do Miño e Xinzo de Limia.

No seguinte cadro pódese consultar a porcentaxe de persoas que en cada localidade vive nestes fogares de moi baixos ingresos. Ademais, pódese comprobar que a pobreza afecta máis aos menores de idade, e en menor medida aos maiores de 65 anos.

En Maside, Verín, Maceda, Quiroga, Ponte Caldelas e Xinzo de Limia a porcentaxe de menores de 18 anos que vive en fogares con baixos ingresos supera o 20% e en Ferrol, Ponteareas ou Monforte supera o 18%. No que atinxe aos adultos entre 18 e 64 anos, Maside, Verín, Ponte Caldelas, Salvaterra de Miño, A Cañiza e Celanova superan tamén o 13%. De novo, Ferrol é a cidade con máis pobreza, con porcentaxes superiores ao 10%.

Os datos do Atlas do INE permiten analizar a pobreza existente en espazos máis concretos, como barrios de cidades ou partes de barrios. Neste caso, entre as seccións censuais cunha maior porcentaxe de persoas vivindo en fogares pobres aparecen en maior medida zonas urbanas, de cidades ou de grandes vilas, aínda que tamén algúns lugares da Galicia rural.

Seccións de Ferrol, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Lugo, Vilagacía ou Ourense conviven con barrios de Ribeira, Carballo, O Porriño, Verín, Poio, Ponteareas ou Xinzo de Limia. Pero tamén con zonas de Avión; Maside, A Lama, Beariz ou Padrenda. En todos estes lugares a porcentaxe de poboación en fogares pobres rolda o 20%, chegando ao 25% en cinco seccións e mesmo superando o 30% nun barrio de Ferrol, na zona de Recimil. na Coruña tamém se supera o 20% na área próxima ao Portiño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.