O pasado 22 de marzo o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, respondía no Parlamento unha pregunta de En Marea sobre as xestións previstas pola Xunta para adaptar a Renda de Inclusión Social (Risga) á sentenza que a principios do ano recoñeceu o dereito dunha muller a compartir domicilio con outras persoas que tamén reciban esta prestación, concibida polo propio Goberno galego como unha axuda á mera "subsistencia" que oscila entre os 399 euros ao mes, para persoas que viven soas, ata algo máis de 600, para fogares con ata 7 persoas. Naquela resposta o conselleiro confirmou, como avanzara Praza.gal, a súa previsión de aprobar en 2017 o novo decreto da Risga e "lembrou", ademais, que o incremento nos Orzamentos de 2017 da partida para abonar esta axuda ía "permitir manter o cumprimento dos prazos de resolución e seguir sen lista de agarda". No entanto, cinco días despois desta resposta a Consellería certificou que ficara sen fondos para atender novas solicitudes, polo que tivo que recorrer a unha modificación dos Orzamentos aprobados polo Parlamento apenas un mes antes.
Efectivamente, as contas públicas de 2017, oficialmente en vigor dende o pasado 10 de febreiro, incluíron unha dotación récord para o pagamento da Risga: 57,45 millóns de euros -5 máis que en 2016- para atender un número de solicitudes que se disparou dende o inicio da crise, unha circunstancia que Rey Varela presenta como "froito do compromiso do Goberno galego cos máis desfavorecidos" pero que realmente responde ao incremento de persoas en situación de exclusión ou en risco de padecela, tal e como veñen advertindo organizacións como Cáritas ou a Oficina de Dereitos Sociais do barrio vigués de Coia. Non en van, o crédito da Risga é un dos que a lei de orzamentos fixa como ampliable.
O incremento de 5 millóns na partida da Risga non foi dabondo e a finais do pasado marzo foi necesario sumarlle 600.000 euros procedentes dos fondos das axudas para sufragar fármacos de persoas con poucos recursos
Así e todo, o pasado 27 de marzo Política Social tivo que admitir que as súas previsións formalizadas apenas un mes antes xa quedaran curtas. A Dirección Xeral de Inclusión Social dirixiuse á Consellería de Facenda para advertir da necesidade de ampliar en 600.000 euros o crédito destinado a financiar a Risga en 2017, o que implica levar a partida alén dos 58 millóns. A razón da petición, explica o expediente, é "atender as solicitudes de axuda presentadas", que "superan a previsión inicialmente orzamentada polo incremento experimentado nas solicitudes pendentes de concesión". Tratábase, concretamente, de "atender 90 solicitudes de axuda nova".
O procedemento empregado por Política Social para financiar esta ampliación do crédito previsto para a Risga foi tramitar un procedemento de "non dispoñibilidade" por importe dos devanditos 600.000 euros noutra partida do seu propio orzamento. Foi, concretamente, na destinada a sufragar as axudas para gastos farmacéuticos -paliar os novos copagamentos aprobados polo Goberno central- dentro do Plan Social contra a Desigualdade Económica que a Xunta presentou pouco despois das eleccións municipais de 2015, unha medida inicialmente dotada con 1,5 millóns de euros e que, tras esta modificación, queda con 900.000.
Futuras mudanzas na axuda
Alén de modificar o precepto de conceder "unha soa Risga por domicilio independente", na liña do establecido na lei de inclusión de 2013, Rey Varela avanzara naquela resposta parlamentaria que o seu departamento prevé outras novidades nesta prestación. Concretamente, asegurou que o futuro decreto "suporá a materialización de medidas anovadoras" establecidas nesa lei, "como son a posta en marcha de novos tramos de inserción e transición ao emprego".
A propia Consellería sinalaba o pasado febreiro en conversa con Praza.gal que para o departamento autonómico o novo decreto da Risga "é unha cuestión prioritaria". Así e todo, se o texto finalmente é aprobado no transcurso de 2017 chegará con máis de tres anos de atraso a respecto do previsto na lei vixente. Mentres isto non sucede colectivos como a ODS Coia denuncian "indefensión e vulneracións", xa que "a Consellería resolve os ocos da lei" con "opacas instrucións e interpretacións restritivas", denuncia o colectivo ligado á parroquia do Cristo da Vitoria.