O ingreso mínimo vital (IMV) do Estado xa está aprobado. O Consello de Ministros deu luz verde este venres, 29 de maio, a un dos elementos clave no pacto do Goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos co horizonte da actual lexislatura, pero "acelerado" pola crise do coronavirus. Dende o vindeiro 15 de xuño será posible solicitar unha prestación que aposta por garantir un mínimo de 462 euros mensuais para persoas que vivan soas e ata un máximo de 1.015 euros e que pretende ser, no caso galego, "compatible" coa xa existente Renda de Inclusión Social (Risga) no futuro, aínda que na actualidade non o é.
Co obxectivo de "chegar a uns 850.000 fogares" que equivalerían a arredor de 2,3 millóns de persoas, segundo estimacións do Ministerio de Inclusión, o IMV suporá unha achega duns 3.000 millóns de euros anuais, estima o ministro José Luis Escrivá. Aspira en primeiro termo a reducir á metade o número de persoas en situación de pobreza extrema.
A nova prestación estatal pretende garantir un mínimo de 462 euros mensuais e un máximo de ata 1.015 euros; para a súa concesión teranse en conta os ingresos da persoa solicitante e tamén o seu patrimonio. Para activar a compatibilidade coa Risga cómpre unha reforma da lei galega
Poderá acceder ao IMV a poboación de 23 a 65 anos -ou dende os 18, con menores ao cargo- que non ingresase no ano anterior o equivalente ao propio ingreso mínimo. Pero, atendendo a situacións de "pobreza sobrevida", explica o vicepresidente Pablo Iglesias, tamén o poderá facer quen "no tempo transcorrido do ano actual, obtivesen ingresos por baixo dese limiar", indica o tamén ministro de Dereitos Sociais. Para acceder ao IMV terase en conta non só os ingresos, senón tamén o patrimonio da persoa solicitante excluíndo a vivenda habitual e restando as débedas.
A solicitude poderá formularse a través do sitio web da Seguridade Social ou por correo postal e o Goberno central comezará a concedelo "de oficio, de forma inmediata, a todas as persoas que estean percibindo prestación por fillo ao cargo" por parte do Estado, especifica Iglesias. Esa concesión de oficio chegará a uns 100.000 fogares, calculan. A contía concreta do ingreso para cada persoa calcularase, a partir dos devanditos 462 euros, agregando 139 euros por persoa adicional.
Compatible con outros ingresos e posible xestión autonómica dende 2021
O ingreso mínimo vital do Estado nace coa vocación de ser "compatible" con outros ingresos, tanto do traballo como doutras rendas de inclusión. Neste sentido, sinala Iglesias, o IMV pretende constituír "un chan mínimo" para todo o Estado, se ben "as comunidades autónomas van poder complementar atendendo ás súas realidades concretas".
Se unha persoa perceptora do IMV "incrementa os seus ingresos laborais", unha parte dese incremento "non vai contar para o cálculo" da prestación, de xeito que "sempre resulte conveniente aceptar un emprego", sinala Iglesias
De entrada, a xestión do IMV será autonómica nos territorios con réxime foral -as tres provincias de Euskadi e mais Navarra-, ratifica Escrivá, e o Goberno de España avanza ademais a "posibilidade" de fixar convenios para a xestión autonómica ou compartida coas autonomías dende 2021. "Cando estea en marcha, falaremos coas comunidades autónomas e iremos vendo a posibilidade de chegar a acordos de xestión en cada caso en función do grao de implicación que queiran ter", sinala Escrivá.
No que atinxe á compatibilidade cos ingresos do traballo, Iglesias detalla que a contía líquida do IMV poderá variar en función dos mesmos. Así, exemplifica Iglesias, "se unha persoa que vive soa ten dereito a 462 euros e conta cuns ingresos de 200 euros porque ten un emprego a tempo parcial, percibiría unha prestación de 262 euros". Ademais, e ao xeito "do mecanismo que xa funciona en Euskadi ou Navarra", se unha persoa que perciba o IMV "incrementa os seus ingresos laborais", unha parte dese incremento "non vai contar para o cálculo". "Se alguén está cobrando o ingreso mínimo vital e consegue cen euros máis ao mes, non se lle restarían cen euros, senón algo menos", exemplifica. Deste xeito, resume, "sempre resultará conveniente aceptar un emprego".
A Risga, a segunda máis baixa do Estado
Á espera de coñecer a posición da Xunta en aspectos como o mantemento íntegro ou non da Risga para persoas que perciban a nova prestación estatal, o ingreso mínimo vital aprobado este venres polo Goberno de España pretende ser "compatible" coas rendas de inclusión ou de garantía de ingresos que xa existen nas comunidades autónomas, sinala o Goberno central. Para selo sen colisións coa Risga será precisa unha reforma da lei de inclusión social do ano 2013, toda vez que esta norma estipula que a prestación galega é "incompatible coas pensións non contributivas ou con calquera outra prestación ou pensión de contía igual ou superior á das ditas pensións"
O ministro Escrivá sinala, tras manter dúas conversas coa conselleira de Política Social, que o IMV pretende ser compatible coa Risga e que será decisión da Xunta determinar como se van "complementar" ambas prestacións
Preguntado especificamente ao respecto de Galicia, Escrivá resalta que mantivo dúas conversas ao respecto coa conselleira de Política Social, Fabiola García, no sentido de que "cada comunidade autónoma decidirá" como se van "complementar", tendo en conta que o IMV actuará como "mínimo" estatal e "vai liberar recursos" á Xunta para que "poida focalizar aínda máis" a Risga.
A Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) foi implantada a principios dos anos 90 do século pasado e na actualidade está regulada por un decreto aprobado en 2019, con máis de cinco anos de atraso a respecto do fixado na devandita lei de inclusión. Está concibida como unha prestación económica de "subsistencia" para persoas "en exclusión social ou en risco de exclusións social" e a súa contía máis habitual apenas supera os 400 euros ao mes, aínda que está contemplado que poida chegar a superar os 700 para familias de máis de sete membros e con menores ao cargo.
Dende que estourou a anterior crise económica o número de persoas que perciben a Risga disparouse e tamén o orzamento que a Xunta ten que dedicar a sufragala -ata o punto de quedar sen cartos dabondo varias veces no mesmo ano-. O Goberno galego gabouse en diversas ocasións dese incremento orzamentario malia non ser sinónimo de mellora das condicións e contías da Risga, senón dun forte incremento de persoas en situación de pobreza.
O número de persoas que perciben a Risga por estar en situación de pobreza pasaron de ser apenas 4.000 antes da anterior crise económica a máis de 10.000 na actualidade
Así, sen contar ampliacións no transcurso dos sucesivos anos, o orzamento da Risga pasou de ser duns 23 millóns de euros ao ano dende finais da primeira década do século a máis de 64 nos vixentes Orzamentos de 2020. Mentres, o número de persoas que a perciben por atoparse en situación de exclusión pasou dunhas 4.300 en 2008 a unha media de máis de 10.000 dende 2016, cando chegou a tocar teito con 10-. No último ano do que hai datos, o 2018, chegaron a ser 10.163 e Política Social evidencia un incremento de solicitudes no marco da crise da covid-19.
Como veñen evidenciando diferentes estudos -caso dos elaborados polo Centro SIIS de Documentación e Estudos da fundación vasca Eguía Careaga, especializada en estudos no ámbito social-, a Risga segue a ser a segunda renda de inclusión ou garantía de ingresos máis baixa do Estado e só ascende por riba dese limiar -sempre en termos de valores medios- no caso dos fogares con máis de seis membros, minoritarios no país. O mínimo da Risga apenas supera os 400 euros fronte aos case 700 da prestación equivalente en Euskadi, a máis alta do Estado.