As leis que rexen a confección dos Orzamentos da Xunta fixan que existen certos créditos coa condición de "ampliables" durante o ano. Un deles, como reflicte cada lei de orzamentos -e así o fai tamén a de 2020, actualmente en trámite no Paralmento- é o que financia a renda de inclusión social de Galicia, a prestación de "subsistencia" para persoas en risco de exclusión social, porque en última instancia os fondos destinados a ela dependen do número de persoas que a reciban. Isto é, do volume de poboación en situación de pobreza.
A Risga, cuxa contía máis frecuente rolda os 400 euros mensuais, está legalmente destinada a persoas "en situación ou risco de exclusión social" con "déficit grave de recursos económicos e situación de desemprego", entre outros factores. Así o establece a Consellería de Política Social e regula o decreto da Risga, aprobado a pasada primavera con catro anos de atraso sobre o prazo fixado por lei pola propia Xunta.
"Estamos investindo 64 millóns de euros onde antes se investían 22", gabouse Feijóo sobre a Risga, aínda que ese incremento orzamentario implique un aumento das persoas en situación de exclusión social
Malia todos estes factores e aínda que o maior ou menor orzamento da Risga depende de se hai máis ou menos persoas en situación de exclusión social, é habitual que a Xunta se gabe de incrementar os fondos para financiar esta prestación. Así o veu facendo durante os anos da crise como suposta mostra dun "xiro social" do Goberno e así o volveu facer este 13 de novembro o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, durante a sesión de control do Parlamento.
No marco dese debate Feijóo foi interpelado dende o Grupo Mixto por Luís Villares (En Marea), que censurou que a Xunta inclúa nos seus Orzamentos "baixadas de impostos ás segundas vivendas de veraneo" mentres persisten altos niveis de pobreza, considerou. Como adoito, o presidente retrucou que na actualidade "a taxa de pobreza é inferior a 2008" e esgrimiu o orzamento da Risga como mostra do compromiso social do seu Executivo. "Estamos investindo 64 millóns de euros onde antes se investían 22", gabouse no pleno entre aplausos.
O orzamento da Risga disparouse un 182% na última década e a Xunta mesmo tivo que amplialo durante o ano por quedar sen fondos para atender novas solicitudes
Efectivamente, o orzamento inicial que cada ano contempla a Xunta para a Risga practicamente se triplicou na última década, pasando dos devanditos 22 millóns a máis de 60, limitar que atravesará en 2020 por terceiro ano consecutivo. Disparouse, deste xeito, máis dun 182% nun contexto no que, como informou Praza.gal, neste tempo a Xunta chegou a quedar sen cartos para atender novas solicitudes, tendo que botar man doutras partidas e superando, de feito, os 60 millóns anuais para financiar esta prestación mesmo antes de que así o reflectisen os Orzamentos iniciais.
O incremento do orzamento da Risga foi produto do gran aumento das persoas que a perciben: de apenas 4.000 a máis de 10.000
O orzamento da Risga practicamente se triplicou porque, de feito, as persoas que a reciben por estaren en exclusión social ou en risco de padecela aumentaron en apenas unha década en case un 150%, pasando de pouco máis de 4.000 de media anual ao comezo da crise a case 11.000 en 2016, ano dende o que comezou un leve descenso, pero aínda por riba das 10.000, segundo os informes de xestión da Consellería de Política Social.
Mentres, dende entidades sociais como a Rede Galega contra a Pobreza, a Oficina de Dereitos Sociais de Coia (Vigo) ou Cáritas reclamábase con insistencia unha redución de requisitos burocráticos para a solicitude da Risga para eliminar atrasos. En última instancia estas entidades apostan pola súa conversión nun "dereito obxectivo", nunha renda básica.
O novo decreto da Risga, aprobado catro anos despois do prazo fixado pola lei, trouxo consigo atrancos novos como o acceso ao complemento para o alugueiro de vivenda
A Xunta asegurara que parte destas disfuncións ían ser paliadas co novo decreto que, non obstante, tamén trouxo consigo novos problemas, segundo advirten entidades sociais que traballan coas persoas perceptoras da Risga. Unha das máis alarmantes para estas organizacións é a que, segundo fontes consultadas por Praza.gal, está implicando que diversas persoas que cobran a Risga perdan o complemento do alugueiro, o suplemento para o pagamento de vivenda.
Este decreto esixe a "existencia dun contrato de alugueiro en vigor dunha vivenda, cunha duración mínima dun ano" e que ese alugueiro supoña "polo menos, o 40% dos ingresos totais da unidade de convivencia, incluíndo o importe da Risga". Esa esixencia dun contrato dun mínimo dun ano deixa fóra da axuda a persoas que comparten piso alugado a nome doutras persoas ou que, ao non poderen afrontar un alugueiro dun piso, teñen que optar por outros aloxamentos como as pensións.