Era previsible que a primeira sesión de control ao presidente da Xunta tras as eleccións xerais estivese marcada polo resultado do 10N. Así foi, pero máis aínda polo feito de que a oposición interpelase a Alberto Núñez Feijóo menos de vinte e catro horas despois de que PSOE e Unidas Podemos anunciasen o seu principio de acordo para gobernaren España en coalición. Na esquerda, moi especialmente no PSdeG, vese nesa alianza un anticipo dunha mudanza política na Xunta que o actual presidente confía en poder evitar aferrándose a que o proxecto emprendido por Pedro Sánchez e Pablo Iglesias "acabe mal".
Feijóo di saber que o pacto de PSOE e Unidas Podemos "non vai acabar ben" e asegura que é garantía de que a esquerda teña que prepararse para "non gobernar Galicia durante moitos anos"
A vaga expansiva das eleccións xerais estivo moi presente en toda a sesión de control, pero especialmente na quenda do líder socialista, Gonzalo Caballero. O secretario xeral do PSdeG comezou criticando o que, ao seu xuízo, é a desconexión do Goberno do PP a respecto da Galicia urbana e Feijóo respondeu cargando contra o pacto anunciado por Sánchez e Iglesias. "Xa sabemos que isto non vai acabar ben", proclama o conservador, quen di non saber "cantos meses durará" a coalición de PSOE e Unidas Podemos", pero si afirma estar seguro de que esa sinatura implica que o PSdeG teña que prepararse para "non gobernar Galicia durante moitos anos".
"A partir do que vai vir", proclama o presidente da Xunta, "os galegos" valorarán aínda máis a "estabilidade" que el representa, di. Farano, augura, porque contrastarán o goberno dos populares na Xunta cos "pactos contra natura do PSOE con calquera".
Caballero: "Somos a esquerda de Galicia e a centralidade política porque representamos á maioría das galegas e galegos", que o 10N apoiaron "ás forzas progresistas"
Na que, posiblemente, foi a súa intervención parlamentaria máis contundente nunha sesión de control dende que asumiu o liderado da primeira forza da oposición, Caballero retrucou o líder do PPdeG advertíndoo de que "para ser presidente da Xunta e conectar coa cidadanía", o primeiro é "escoitar os votos dos cidadáns". E o certo, subliña, é que con independencia de que o PP recuperara a primeira posición, como apuntou Feijóo, "os votos do PSOE" e das demais "forzas progresistas sumaron o 54%" en Galicia, mentres "os das tres dereitas que gobernan onde lles dan os números, o 44%". "Só conseguiron succionar parte do afundimento de Ciudadanos", conclúe.
"Somos a esquerda de Galicia e a centralidade política porque representamos á maioría das galegas e galegos" segundo as urnas, desa maioría "que non quere ver a Casado e aos seus socios da extrema dereita controlando España", pero tampouco a un presidente en Galicia "cun discurso cínico", advirte o líder socialista. Porque Feijóo, que agora reprocha a alianza de Sánchez e Iglesias, "cando o PP pactou con Vox en Andalucía dixo que o podía apoiar calquera". "Vostede, si; nós, coa ultradereita, non", concluíu.
Feijóo dedicou a Caballero descualificativos como "patético" ou "ridículo" e instou o voceiro de Común da Esquerda a responder se "vai pechar As Pontes e ENCE"; "parece que fai preguntas ao goberno, vaia acostumándose", retrucou Sánchez
A intervención de Caballero foi respondida polo presidente sen aforrar descualificativos. "Patético" ou "ridículo" foron algunhas das verbas que Feijóo dedicou ao secretario xeral do PSdeG, a quen pregunta "en que mundo vive" por afirmar que a esquerda foi maioría o 10N en Galicia. Segundo o líder conservador, o PP "gañou" en Galicia, di tras sumar os deputados e senadores que conseguiu. "Cando perde, non faga o ridículo", clamou entre críticas ao PSOE por dispoñerse a "mendigar o voto do BNG".
Antes, na quenda de intervención de Común da Esquerda, Feijóo optara por inverter a lóxica da sesión e formular el as preguntas ao voceiro da oposición, nese caso Antón Sánchez. "Supoño que xa teñen decidido pechar As Pontes e ENCE, van pechar As Pontes e ENCE, si ou non?", preguntou. "Xa parece que fai preguntas ao goberno, váiase acostumando", ironizou Sánchez.