O pasado febreiro o Parlamento deu luz verde definitiva aos Orzamentos Xerais da Xunta para 2017. As contas do Goberno galego, oficialmente en vigor dende o día 10 dese mes, trouxeron consigo unha dotación récord para financiar a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), a prestación para persoas sen recursos económicos que a propia Xunta define como axuda de "subsistencia" -oscila dos 399 euros mensuais para persoas que vivan solas aos 600 para fogares de ata 7 persoas- e cuxa dotación orzamentaria depende do número de solicitudes, isto é, das persoas que se atopen en situación de pobreza. Segundo a Consellería de Política Social os 57,45 millóns dedicados a atender esta prestación en 2017 ían permitir cumprir cos pagamentos sen dificultade. No entanto, o pasado abril o Goberno quedou sen fondos para novas solicitudes por segundo mes consecutivo.
Como informou Praza.gal, as primeiras dificultades para o financiamento da Risga chegaron apenas un mes despois da aprobación dos Orzamentos. O pasado marzo a Consellería tivo que admitir formalmente que as súas previsións quedaran curtas e foran superadas polo "incremento experimentado nas solicitudes pendentes de concesión". Para "atender 90 solicitudes de axuda nova" o departamento de José Manuel Rey Varela viuse obrigado a botar man de 600.000 euros adicionais que inicialmente ían financiar axudas para gastos farmacéuticos de persoas sen recursos, isto é, unha das medidas anunciadas pola Xunta tras as eleccións municipais de 2015 para paliar os copagamentos aprobados polo Goberno central do propio PP.
A suba dos fondos da Risga está ligada ao incremento de persoas en situación de pobreza
Apenas un mes despois a situación volveu repetirse, pero cunha magnitude aínda maior. Nun contexto xeral de incremento sistemático das persoas perceptoras da Risga durante a crise -de menos de 5.000 a unhas 10.000 en apenas media década- o pasado 18 de abril Política Social tivo que volver admitir que errou nas previsións da Risga. Cunha explicación idéntica á de marzo a Consellería indica neste expediente que non dispón de cartos para "atender 129 solicitudes de axudas novas" e por iso precisa dunha ampliación de créditos por importe de 864.792,11 euros, operación que é posible realizar porque a lei de orzamentos fixa as partidas da Risga como unha das legalmente ampliables durante o ano. O desequilibrio entre a previsión inicial e o gasto real elévase xa, daquela, a 1,5 millóns de euros para facer fronte a 219 solicitudes.
O desequilibrio entre a previsión inicial e o gasto real elévase dous meses despois de aprobar os Orzamentos a 1,5 millóns de euros para afrontar 219 solicitudes
Para financiar esta inxección o Goberno volve botar man de orzamento presentado como parte do financiamento do Plan Social contra a Desigualdade Económica anunciado por Feijóo en xuño de 2015. A principal prexudicada volve ser a partida para as devanditas axudas ao gasto farmacéutico. Despois dos 600.000 euros retirados en marzo mediante o correspondente expediente de non dispoñibilidade, a Consellería réstalle agora 450.000 euros máis, polo que os 1,5 millóns de euros cos que estaba dotada inicialmente quedan agora en 450.000 euros. O resto da operación finánciase con 414.792,11 euros detraídos da partida das Axudas de Emerxencia Social, que contan cun orzamento total de 3,2 millóns de euros.
Estes erros de previsión na xestión da Risga prodúcense nun contexto no que a propia Consellería vén presentando como "prioritaria" a reformulación desta prestación mediante a aprobación do decreto que a regule, unha norma que o propio departamento autonómico di prever para este ano, como avanzara Praza.gal. Entre as mudanzas que Rey Varela di contemplar figura a flexibilización da norma que impide convivir no mesmo domicilio a varias persoas que perciban a Risga, unha limitación que bate co sentenciado por un xulgado de Vigo a principios deste ano.
Horas extra para tramitar o 'cheque bebé' no ano electoral
Política Social habilitou case 11.000 euros adicionais para pagar o traballo "fóra da xornada habitual" do persoal que tramita a 'Tarxeta Benvida'
A nova inxección de fondos para non ficar sen orzamento na Risga non foi a única modificación que a Consellería de Política Social tivo que facer nas súas contas durante o pasado mes de abril. Segundo os expedientes de modificacións orzamentarias que, como marca a lei, a Xunta ten que trasladar ao Parlamento cada mes, o día 8 de abril o departamento de Rey Varela retirou algo máis de 10.800 euros da partida reservada no seu orzamento ao encargo de pequenos traballos a empresas externas -financiada con algo menos de 70.000 euros- para abonar as horas extra que persoal da súa Consellería tivo que realizar por mor da tramitación da Tarxeta Benvida, o 'cheque bebé' de 100 euros mensuais durante o primeiro ano do neno ou nena que a Xunta presentou doce horas antes do inicio da campaña das eleccións xerais de 2015 e inicialmente restrinxido para o ano electoral de 2016, aínda que despois foi ampliado tamén a 2017.
Segundo consta nese expediente, "diverso persoal", tanto "funcionario como laboral" desta Consellería, tivo que traballar "fóra da xornada habitual en distintos períodos do exercicio 2016" para realizar a "tramitación de expedientes da Tarxeta Benvida". Estes "servizos extraordinarios" supuxeron, concretamente, 10.829,56 euros para tramitar unhas solicitudes que, como coa Risga, tamén foron máis das previstas polo Goberno. Nese 2016 asignáronse, concretamente, 15.112 Tarxetas Benvida cuxo financiamento excedeu, como informou este diario, en 400.000 euros os fondos inicialmente asignados.