A Lei de inclusión social de Galicia, aprobada a finais de 2013, fixaba un prazo moi concreto para a elaboración e aprobación do decreto que debía concretar o procedemento de tramitación da RISGA (Renda de Inclusión Social de Galicia) e das restantes axudas de inclusión social. Exactamente seis meses. Porén, o desenvolvemento da lei non chegou no ano 2014, nin no 2015, nin no 2016 e só a finais de 2017 comezou a albiscarse algún avance. O pasado mes de decembro iniciouse a súa tramitación.
A Lei de inclusión social de Galicia, aprobada a finais de 2013, fixaba en seis meses o prazo máximo para a aprobación deste decreto
Asociacións sociais e profesionais amosáranse moi críticas con estes atrasos, pois o decreto amosábase imprescindible para resolver algúns dos problemas de xestión destas axudas, sobre todo os relativos ás dificultades na súa tramitación, cunha complexa burocracia, e ás eivas de coordinación entre administracións. A proposta de decreto si incluía algunhas das demandas de profesionais e beneficiarios/as destas axudas, pero amosaba eivas en numerosos aspectos, o que espertou novas críticas nas entidades que mellor coñecen estas situacións.
A contía de referencia da RISGA seguirá a ser de 403,38 euros ao mes. O complemento do alugueiro seguirá fixado no 10% do IPREM, é dicir, uns 54 euros ao mes
O DOG deste venres anuncia o inicio do período de información pública do proxecto de decreto, en pleno mes de agosto. O texto pode consultarse neste enderezo e as entidades sociais ou calquera persoa que o desexe teñen 15 días hábiles para o envío das súas suxestións. Isto é, ata o 28 de agosto.
A contía de referencia da RISGA seguirá a ser de 403,38 euros ao mes (o 75 % do IPREM). Nos últimos meses asociacións profesionais e entidades sociais demandaron cambios na RISGA para convertela nunha prestación "suficiente, digna, accesible e eficaz". Un total de vinte organizacións pediron que a prestación incrementase a súa contía e simplificase a súa tramitación. Unha reclamación semellante á efectuada polo Concello da Coruña e polo Concello de Santiago, que propuxeron revisar as contías mínimas das prestacións sociais galegas, criticando que na actualidade estas axudas están "excesivamente condicionadas e burocratizadas".
O decreto mantén a formulación que, por norma xeral, impide que dúas perceptoras da RISGA convivan nun mesmo domicilio
Pola súa banda, a Plataforma en Defensa da Profesionalización dos Servizos Sociais (PROSERSO) criticou que o proxecto relegaba as traballadoras sociais a un papel secundario e deixa a decisión final sobre a concesión da renda en mans dunha unidade técnico-administrativa nomeada pola Xunta. "O documento deixa moi en aberto as competencias da Xunta, incrementando a discrecionalidade", aseguraba Beatriz Leal, unha das voceiras da entidade. Unha posición semellante á do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), que subliñou que as unidades técnicas deben contar, polo menos, cunha traballadora social para a interpretación dos informes sociais de valoración, sendo a titulación de traballo social a única habilitada oficialmente para levar a cabo ditas funcións.
Na actualidade 10.371 unidades familiares perciben a RISGA en Galicia
O COTSG sinalou igualmente a necesidade de contemplar que nun mesmo domicilio poidan convivir dúas persoas perceptoras de RISGA sen necesidade de estar tuteladas por unha entidade de iniciativa social. Porén, o decreto mantén a formulación que xa existía previamente, sinalando que "como regra xeral concederase unha soa renda por domicilio". O pasado ano un ditame xudicial recoñeceu que nun mesmo domicilio poden convivir varias perceptoras de RISGA. E máis recentemente unha nova sentenza obrigou á Xunta a indemnizar unha muller á que obrigara a abandonar o seu domicilio (e a vivir soa) para poder seguir recibindo a prestación. O complemento do alugueiro seguirá fixado no 10% do IPREM, é dicir, uns 54 euros ao mes.
10.371 unidades familiares perciben a RISGA en Galicia, segundo datos actualizados a 31 de xullo, cun lixeiro descenso con respecto ao dato do ano anterior (10.761). Dende o ano 2008 o número de perceptores desta axuda social máis que se duplicou, pasando de ao redor de catro mil á cifra actual.
Os trámites finais chegan nas que poden ser derradeiras semanas de José Manuel Rey Varela como conselleiro de Política Social
Os trámites finais para a aprobación do decreto que desenvolve a Lei de Inclusión Social de 2013 chegan nas que poden ser derradeiras semanas de José Manuel Rey Varela como conselleiro de Política Social. Dáse por feito que este outono Rey Varela será designado oficialmente candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ferrol, cidade que xa foi rexedor entre 2011 e 2015, cando perdeu a maioría absoluta e a esquerda recuperou o Goberno municipal. Nos últimos meses o aínda conselleiro de Política Social incrementou a súa axenda ferrolá, multiplicando os actos públicos na cidade naval.