No posto décimo terceiro entre as dezasete comunidades autónomas, mesmo tras a lixeira "evolución positiva" que veu despois dos recortes orzamentarios durante a anterior crise. A Asociación Estatal de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais vén de publicar unha nova edición do seu informe sobre o desenvolvemento dos servizos sociais (Informe DEC) no conxunto do Estado e por autonomías, que retrata o estado no que se atopaba o sector xusto antes da pandemia. Nel, Galicia aparece relativamente mellor parada que durante a pasada década, pero sen abandonar os últimos postos.
Galicia obtén un 4,5 sobre 10 no índice elaborado pola Asociación de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais, que valora os dereitos recoñecidos por lei, a súa dotación orzamentaria e a cobertura real. É a cuarta peor posición do Estado
Para elaborar este índice -que acaba sintetizado nunha puntuación sobre 10-, a entidade profesional valora tres apartados. Estes son os dereitos recoñecidos na lexislación de dada autonomía (ata 1,5 puntos), a dotación orzamentaria e o seu peso sobre o total de recursos económicos de cada territorio (ata 3 puntos) e a cobertura real deses servizos (ata 5,5 puntos).
A cualificación galega queda no 4,5. É unha mellor posición que anos atrás, cando tras varios exercicios en caída libre pasou de estar por riba do 5 (2012) ao 2,60 (2015). Naqueles anos a propia asociación destacaba que esa regresión se debía, sobre todo, a que a Xunta "recortara case 75 millóns de euros anuais en servizos sociais". Nos anos seguintes, a posición relativa de Galicia foi mellorando de xeito parello á recuperación dos orzamentos na materia, "pero en 2020 estáncase e mesmo amosa algún pequeno retroceso", advirte o novo informe.
En termos relativos, a posición galega é a cuarta peor. Só quedan por tras Cantabria, Canarias, Murcia e Madrid.
Ese "estancamento", subliña o documento, débese sobre todo á "relevancia económica dos servizos sociais nas Administracións Públicas de Galicia. O investimento na materia por habitante leva seis anos medrando (polo incremento dos fondos, pero tamén pola diminución da poboación), se ben os 367 euros rexistrados en 2019 -cos que se elabora o informe de 2020- supoñen seguir por baixo da media estatal, situada un chisco por riba dos 406 euros por habitante e ano.
Nesta liña, a porcentaxe de gasto en servizos sociais sobre o total do produto interior bruto tamén mellora relativamente (do 1,29% en 2016 ao 1,58 en 2019), pero aínda segue un chisco por baixo da media (1,60%). Mentres, a porcentaxe do gasto en servizos sociais sobre o total de gasto corrente das Administracións si empeora: do 9,16% en 2018 pasa ao 8,6% en 2019, mentres que a media estatal é case do 10% (9,95%).
Os dereitos "de papel"
O informe subliña que o "ben ordenado" sistema de servizos sociais galegos non se corresponde coa súa "relevancia económica feble e unha cobertura aínda reducida de prestacións e servizos"
Pero, alén das variacións orzamentarias, a eiva que a Asociación de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais volve destacar para Galicia é, sobre todo, a deficiente tradución dos dereitos recoñecidos nas leis en servizos amplos e efectivos á cidadanía. Isto sucede malia existiren "aspectos positivos" en ámbitos como unha menor lista de espera nas prestacións da lei de dependencia que a media do Estado (12,1% fronte a 17,1%), máis horas mensuais de axuda a domicilio (39 fronte a 20,6) ou máis cobertura en centros de día (1,4 prazas por cada 100 maiores de 65 anos fronte ao 1,1 estatal).
"O principal desequilibrio do sistema público de servizos sociais en Galicia" segue sendo, constata o informe, "o que denominamos dereitos de papel". O país ten "un sistema ben ordenado" mediante a lei de servizos sociais, un catálogo de servizos, un plan estratéxico e mesmo "boa integración entre Administracións", pero "unha relevancia económica feble e unha cobertura aínda reducida de prestacións e servizos".
Así, por exemplo, o informe destaca que Galicia ten un profesional dos servizos sociais por cada 2.458 habitantes, mentres que a media estatal é dun por cada 1.875. Tamén sinala que a cobertura efectiva das prestacións por dependencia chega ao 8% da poboación potencialmente dependente, mentres que o dato global do Estado se achega ao 10%
A escaseza de persoal e a pouca cobertura de servizos como as residencias da terceira idade ou de prestacións como a Risga lastran a posición de Galicia a respecto doutros territorios e afástana dos datos medios estatais
Outro punto crítico sitúase nun aspecto que nas últimas semanas volve estar de actualidade polas devolucións de cartos que a Consellería de Política Social está reclamando a persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social (Risga) que agora teñen concedido o Ingreso Mínimo Vital (IMV). Apenas o 6,9% da poboación galega baixo o limiar da pobreza accede a prestacións da Xunta como a Risga, "un punto menos que a media estatal" cunhas prestacións cuxa contía tamén é inferior á media: 12,2% da renda media por fogar fronte a un 17,1% na media do Estado.
Sempre en referencia á situación anterior á pandemia, a entidade pon tamén outra volta o foco na escaseza de prazas en residencias para a terceira idade con financiamento público: "só 1,2 prazas por cada 100 maiores en Galicia, sendo 2,69 a media estatal". Ligado con isto, o servizo de axuda a domicilio chega a 3,3 de cada cen maiores de 65 en Galicia fronte ao 4,9% do dato de España malia dispoñer de máis horas no caso galego.
A escaseza de prazas residenciais e de atención diurna para persoas con discapacidade ou de acollida para mulleres vítimas de violencia machista son outras das eivas en Galicia que sinala un informe que, a nivel xeral, tamén contén unha reflexión. "O impacto da pandemia no sistema de servizos públicos non é inmediato, senón que se apreciará máis nos anos seguintes", nos que a repercusión da COVID-19 "seguirá sendo moi importante polas consecuencias económicas sobre as persoas", sobre o gasto público e sobre os cambios nas relacións sociais, advirte.