Feijóo proclama que en Galicia houbo "cero" recortes tras minguar mil millóns en áreas sociais

Protesta do persoal sanitario da Área de Vigo © CIG-Saúde

"En Galicia, recortes cero". O presidente da Xunta resume deste xeito os efectos reais do cumprimento dos límites de déficit marcados polo Ministerio de Facenda que segue, á súa vez, instrucións da Comisión Europea. Despois de que a pasada semana o Goberno central ratificase que só Galicia, Euskadi e Canarias ficaron por baixo do teito fixado, Alberto Núñez Feijóo foi cuestionado ao respecto na sesión de control dende o PSdeG, para cuxo voceiro, José Luis Méndez Romeu, a disciplina fiscal do Executivo non tivo máis efectos que a "promoción persoal do presidente". Mentres, o xefe do Executivo anuncia 120 millóns para educación e resume que as retalladas ascenderon a "cero", unha afirmación que non se corresponde cos datos orzamentarios da propia Xunta.

Como veu informando este diario, as áreas sociais da Administración galega perderon entre 2009 e 2015 algo máis de 1.000 millóns de euros. Aínda que as contas públicas de 2016 trouxeron consigo un cambio de tendencia -o total do orzamento medrou uns 500 millóns a respecto do ano anterior-, os incrementos inxectados para o investimento social non compensaron todo o retirado nos exercicios anteriores. Concretamente, neste ano o conxunto de partidas sociais teñen 329 millóns de euros máis que en 2015, pero 727 menos que en 2009, cando Feijóo asumiu a xestión do derradeiro orzamento do bipartito.

O conxunto de partidas sociais teñen este ano 329 millóns máis que en 2015, pero 727 menos que en 2009

No que atinxe ás principais partidas sociais, sanidade e educación, o recuperado en 2016 corresponde a, aproximadamente, a metade do perdido na media década anterior. Os 3.546 millóns de euros que manexa o Sergas este ano son 139 máis que un ano antes, pero 236 menos que en 2009. Mentres, a Consellería de Educación dispón de 2.404 millóns, 100 máis que en 2015 e 256 menos que cando o PP retornou á Xunta. En total, sanidade e educación aínda precisarían uns 490 millóns adicionais para recuperar toda a dotación orzamentaria perdida. Ademais, cómpre ter en conta que estes incrementos inclúen o 1% de suba salarial aplicada ao conxunto do persoal público e, no caso da sanidade, 70 dos 139 millóns de aumento van parar ao primeiro prazo da 'factura' do novo hospital de Vigo.

Sanidade e Educación sumaron a metade do perdido e só Acción Social ten en 2016 máis dotación que cando Feijóo chegou á Xunta

Nas contas públicas actualmente en vigor si hai, non obstante, unha partida social que ten máis fondos que en 2015, pero tamén que en 2009. É a de Acción Social, a que financia a nova Consellería de Política Social, que abrangue dende a atención á pobreza e exclusión ata infancia ou dependencia, entre outros aspectos. Esta partida orzamentaria contaba no ano 2009 con 570 millóns de euros e, tras diversas oscilacións, chegou a 2015 con 569. En 2016, exercicio no que, entre outros aspectos, cómpre atender unha dobre lista de agarda na lei de dependencia pola fin da moratoria do Goberno central, os fondos medraron ata os 641 millóns.

A Xunta aumentou 423 postos de persoal sanitario e educativo tras reducir máis de 3.000

As reducións de fondos durante media década para atender ás áreas sociais tiveron tamén a súa tradución no persoal que atende estes servizos, cuxa evolución foi parella á dos orzamentos, isto é, con baixadas dende 2009 ata mediados de 2015. Segundo os datos máis recentes da Secretaría de Estado de Administracións Públicas, a Xunta aumentou un total de 423 empregos en servizos sanitarios e educativos tras aplicar un recorte de máis de 3.000 postos. Cabe agardar que estas cifras melloren no 2016, xa que a relaxación nas taxas de reposición -cobertura de xubilacións- permítenlle á Xunta poñer sobre a mesa este ano unha oferta de emprego público máis ampla, oposicións que porán en xogo uns mil postos en educación e arredor de 9'' en sanidade.

Feijóo, durante a sesión de control deste mércores © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.