0 Gardados para despois

A factura do hospital de Vigo en 2016 equivale á metade da suba do orzamento sanitario

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A factura comeza a incrementarse. O Goberno galego comezou a tramitar este martes os Orzamentos Xerais para 2016, que traen consigo unha suba de 139 millóns de euros no orzamentos sanitario, un 4,4% a respecto dun ano antes. No entanto, unha ollada máis polo miúdo a estas contas permite coñecer que o equivalente a practicamente a metade dese incremento, case 70 millóns de euros, van ir parar ás arcas do grupo empresarial que construíu o novo hospital de Vigo e xestiona os seus servizos non clínicos.

Mentres continúan as protestas de persoal e doentes polas deficiencias do Álvaro Cunqueiro o erario público ten que comezar a afrontar os compromisos adquiridos, que implicaban non realizar desembolsos relevantes ata que o complexo estivese en marcha. Así, no 2016 Sanidade ten que achegarlle á empresa 42,09 millóns de euros, o prazo anual pola construción do hospital. Despois de que en 2015 a achega prevista fose de 14 millóns, nos vindeiros exercicios haberá que seguir pagando cantidades semellantes a eses 42 millóns de euros.

O Goberno ten que achegarlle á empresa 68 millóns, 26 deles como canon pola prestación de servizos non clínicos

Para os anos "2019 e seguintes" Sanidade indica estima o pagamento de máis de 600 millóns polos prazos da construción. Cando esas cantidades estean abonadas ficará aínda por satisfacer practicamente a metade da factura, 1.300 millóns de euros que os sucesivos Executivos terán que atender ata mediados da década dos anos 30 deste século.

O outro montante que xa hai que pagar en 2016 á concesionaria ten que ver cun dos ámbitos máis polémicos: a privatización de servizos non clínicos como retauración, lavandaría, mantemento, limpeza ou transporte interno, entre outros. Neste caso, o importe a pagar é de 26,8 millóns de euros. Así as cousas, o sistema concesional implica achegar 68,17 millóns de euros nun só ano.

Alén dos gastos derivados da concesión, a Xunta tamén ten que afrontar pagamentos propios da posta en marcha de calquera hospital, como é o equipamento. Neste caso, o prezo para o ano 2016 é de 14,9 millóns de euros, dos que case 12 proceden de fondos FEDER da Unión Europea. Esta cantidade é inferior á consignada en 2015, ano da apertura do complexo, cando Sanidade achegou 39 millóns para equipar o novo hospital, 31 deles de fondos comunitarios e os restantes, propios. Segundo os Orzamentos, este investimento beneficia 437.281 persoas usuarias do Sergas.

Pagamentos da Xunta pola construción do novo hospital de Vigo

Prazos que a Xunta debe atender ante a concesionaria do novo hospital de Vigo pola súa construción

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.