O gasto de Galicia nos servizos de atención á dependencia situouse no 2020 nos 125 euros por habitante e ano, un 18% por debaixo da media do Estado español (152,8 euros). A contía que se dedica en Galicia a este fin vén aumentando nos últimos anos a un ritmo semellante aos datos estatais, pero sempre mantendo esta fenda negativa. Cando o investimento se mide en función do número de persoas en situación de dependencia de novo Galicia sae mal parada, cun gasto público de 5.505 euros anuais por dependente, un 15,4% inferior á media español (6.506 euros anuais).
O gasto de Galicia nos servizos de atención á dependencia é de 125 euros por habitante e ano, un 18% por debaixo da media do Estado (152,8 euros)
Son algúns dos datos que aparecen no XXI Ditame do Observatorio da Dependencia publicado pola Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, publicado este luns, e que a analiza a situación do sistema de atención á dependencia durante o ano 2020, marcado pola pandemia e pola mortalidade provocada pola Covid-19.
Deste xeito, un dos datos que chaman a atención é que no conxunto do Estado español morreron 55.487 persoas nas listas de espera da dependencia, 21.005 agardando pola resolución e 34.370 sen poder exercer os seus dereitos derivados da condición de persoa en situación de dependencia. Ou expresado doutro xeito, 152 personas morreron diariamente na lista de espera da dependencia. En Galicia as cifras foron moi inferiores, pero mesmo así entre marzo e decembro en Galicia faleceron 462 persoas en lista de espera sen ser atendidas. 6 estaban á espera de resolución de grao e 456 tiñan xa o dereito recoñecido, pero estaban á espera de resolución de prestación.
Entre marzo e decembro en Galicia faleceron 462 persoas en lista de espera sen seren atendidas
Aínda que o exceso de mortalidade causada pola Covid-19 foi entre marzo e decembro inferior á que se produciu noutras comunidades, o gran numero de falecementos de persoas en situación de dependencia tiveron un papel moi importante na redución da lista de espera de quen agardan por ver recoñecido este dereito. Así, das 2.087 persoas que abandonaron a lista de espera de resolución de prestación, o 21,85% fíxoo como consecuencia da morte da persoa que agardaba e non pola xestión do Goberno galego.
Menor gasto público en dependencia
Das 2.087 persoas que abandonaron a lista de espera de resolución de prestación, o 21,85% fixérono como consecuencia da morte da persoa que agardaba e non pola xestión do Goberno galego
Galicia leva anos moi por debaixo da media española en gasto público por habitante nos servizos de atención á dependencia. Ademais, o ano 2020 significou unha redución do investimento, a primeira dende o ano 2014. En concreto, o investimento económico galego descendeu un 1,1 % (5,5 millóns de euros menos) como consecuencia da perda de máis de 282 prazas de Atención Residencial que deixaron de emprestarse durante o ano 2020, a pesar de que as Prestacións económicas para coidados na contorna familiar aumentaron en 1.277, este crecemento non puido compensar (polo seu inferior custo) á redución das prazas residenciais.
O informe destaca, iso si, que "nun ano realmente difícil para o sistema pola pandemia de COVID-19", Galicia incrementou lixeiramente o número de persoas dependentes atendidas (que medrou un 1,47%), a diferenza de moitas outras comunidades autónomas. Porén, o resto de parámetros do sistema como as valoracións (-4,04%) ou as persoas con dereito recoñecido (-3,75%) presentan valores negativos en termos moi superiores aos ofrecidos pola media do Estado.
Mentres, o número de persoas desatendidas (que se atopan no coñecido como 'limbo', ao ter a situación de dependencia recoñecida pero que aínda non reciben ningún tipo de axuda) reduciuse en máis de 3.500 persoas, un 41,8 %, como consecuencia das novas atencións producidas, pero tamén polas menores valoracións realizadas e sobre todo polas persoas que faleceron por razón da COVID.
A entidade calcula que os recortes iniciados no ano 2012 (finalizados co Plan de Choque do Goberno central no 2020) levaron a unha redución do gasto público de 256 millóns de euros. Con estes cartos poderían terse atendido a 42.720 persoas dependentes e xerarse 10.748 postos de traballo
A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais fai fincapé na importancia do plan de choque para a dependencia aprobado polo Goberno central, que supón a fin dos recortes ao sistema iniciados no ano 2012. Cun incremento de 623 millóns de euros, a achega do Executivo central para dependencia ascenderá a 1.920 millóns de euros, o que supón un aumento do 48%. A entidade fai un cálculo dos efectos en Galicia de nove anos continuados de recortes, que levaron a unha redución do gasto público de 256 millóns de euros.
Con estes cartos poderían terse atendido a 42.720 persoas dependentes e xerarse 10.748 postos de traballo, calcula a asociación, que sinala: "sirva este dato como triste epílogo ás medidas inmisericordes contidas no mesmo, co propósito desta Asociación de que nunca xamais volvan repetirse restricións semellantes sobre as persoas máis vulnerables e fráxiles da nosa sociedade".
Galicia, por riba da media na escala de valoración do Observatorio
No seu ditame, o Observatorio da Dependencia elabora unha escala na que sitúa a todas as comunidades autónomas en función dunha serie de indicadores, servizos emprestados ou da situación do seu sistema de atención. Nesa escala Galicia ascende varias posicións no último ano, acadando unha nota de 6,8 sobre 10, por riba da media estatal (4,64), que encabeza Castela e León e pechan Cataluña e Canarias.
Con todo, aínda que Galicia aparece en boa situación en varios dos indicadores (emprego xerado, servizos de proximidade, escasa porcentaxe de persoas en lista de espera...), noutros sitúase nos últimos lugares, especialmente no que atinxe ao gasto público en dependencia, no que só supera a Asturias e Canarias e no que se atopa no 50% no investimento realizado por Euskadi.