A conselleira de Medio Ambiente gábase de dar 130 permisos no litoral no primeiro mes coas competencias

A conselleira Ángeles Vázquez, nun campamento de verán na praia de Miño CC-BY-SA Xunta

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, gabouse este xoves de que a Xunta outorgase case 130 permisos no litoral desde que se materializou a súa xestión por parte do Goberno galego, hai un mes. 

A Xunta emitiu 127 títulos habilitantes de usos e ocupacións no litoral desde o pasado 1 de xullo, día no que se materializou o traspaso da xestión do litoral

Concretamente, a Xunta de Galicia emitiu desde o pasado 1 de xullo —día no que se materializou o traspaso dos medios, servizos e funcións de xestión da costa por parte do Goberno central— un total de 127 títulos habilitantes de usos e ocupacións no litoral. Uns permisos outorgados froito da competencia asumida pola Administración autonómica, a primeira en 17 anos, dende a fin do Goberno de PSdeG e BNG.

A cifra deuna Vázquez durante a súa visita a un campamento deportivo municipal no concello coruñés de Miño, na praia Grande, unha das actividades que recibiron autorización do Executivo galego para a ocupación do dominio público marítimo-terrestre e na que participan 80 rapazas e rapaces de entre 8 e 14 anos.

A conselleira Ángeles Vázquez, nun campamento de verán na praia de Miño CC-BY-SA Xunta

A conselleira explicou que deses 127 títulos outorgados, 75 foron en zona de servidume de protección e 52 en espazos de dominio público marítimo-terrestre. De feito, destes últimos, 40 correspóndense con expedientes que o Goberno central remitiu a Galicia sen resolver —arredor dun terzo das autorizacións recibidas que carecían de resolución— e 12 con novas solicitudes recibidas pola Xunta desde o 1 de xullo xa en pleno exercicio das súas competencias sobre a xestión e ordenación do litoral.

Dos 52 títulos outorgados en dominio público marítimo-terrestre, 40 son expedientes que o Estado remitiu a Galicia sen resolver

Por provincias, a de Pontevedra foi a que concentrou o maior número de títulos habilitantes concedidos, con 87, o 68% do total, mentres que A Coruña sumou 30 e Lugo, un total de 10. "As autorizacións emitidas permitiron a celebración de eventos culturais ou actividades deportivas nas praias e na súa contorna como campamentos, campionatos deportivos, festas populares, procesións marítimas como as celebradas na honra da Virxe do Carme, festivais musicais como o Atlantic Fest ou o Noroeste da Coruña ou recreacións como o desembarco medieval de Corcubión", destaca a Xunta nun comunicado. 

A titular de Medio Ambiente, que estivo acompañada en Miño pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, destacou que ao mesmo tempo están a pleno rendemento servizos de tempada asentados na costa, a pé de praia, como os chiringuitos ou os negocios para alugar embarcacións a pedais. 

Vázquez destaca que as autorizacións emitidas permitiron celebrar campamentos, campionatos deportivos, festas populares, festivais ou procesións marítimas

Ángeles Vázquez destacou que todo isto é froito do "intenso labor dos técnicos do Executivo autonómico, que están a traballar con axilidade no estudo e análise tanto dos 585 expedientes recibidos da Administración do Estado" ata o momento —quedan pendentes outros 264 segundo as cifras trasladadas no seu momento polo Goberno central— como das novas solicitudes presentadas por distintas entidades, organizacións ou usuarios neste primeiro mes desde que Galicia asumiu o exercicio pleno das competencias en materia de xestión da costa.

De feito, lembrou que co fin de facilitar tanto o traballo dos funcionarios como os trámites do conxunto da cidadanía, a Xunta puxo en marcha xa o 1 de xullo pasado a solicitude única electrónica para os trámites sobre os usos ou ocupación do litoral, fronte aos cinco formularios de solicitude en papel que requiría o Estado, o que contribuíu a axilizar en gran medida a tramitación dos expedientes.

Na mesma liña, púxose tamén en marcha o espazo web Galicia Litoral, con información sobre o litoral de interese para a cidadanía, ao tempo que se lanzou unha campaña explicativa específica na sede electrónica da Xunta de Galicia, contabilizándose máis de 1.600 visitas entre as dúas plataformas no primeiro mes. De xeito paralelo habilitouse un servizo de atención telefónica a través do número 012 para aclarar posibles dúbidas relacionadas cos procedementos sobre os usos e ocupación da franxa costeira.

Galicia comezou a exercer plenamente as competencias sobre a súa costa o pasado 1 de xullo, tras facerse efectivo o traspaso de medios, servizos e funcións do Goberno central nesta materia. Desde ese momento está a aplicarse a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga), a primeira normativa de España en regular o litoral en toda a súa extensión, incluíndo tanto a zona terrestre e intermareal como a área mariña ata as 12 millas náuticas, segundo destaca a Xunta. 

A conselleira lembra que a normativa permite ao Goberno galego xestionar 1,6 millóns de hectáreas terrestres, ás que se suman as 12 millas náuticas desde a terra cara a alta mar. Ademais, afecta 86 concellos costeiros nos que vive máis da metade da poboación galega, 1,5 millóns de persoas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.