A lei do litoral que a Xunta está a tramitar xa no Parlamento para xestionar concesións costeiras e confrontar co Estado, que ten hoxe esas competencias, foi defendida polo Goberno galego como unha norma clave para facilitar o desenvolvemento económico e social dos concellos litorais. Este mesmo luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mesmo presentou como imprescindible a súa lei asegurando que "permite que haxa vida económica", sen explicar como é posible que ata agora, coa lei aínda sen aprobar, houbese economía ligada á costa.
Pero ao tempo que o texto da lei e as declaracións do propio presidente inciden na importancia económica da nova norma, o Goberno galego remitiu ao Parlamento un "informe de legalidade" no que asegura que a norma non regula ningunha materia "que teña unha especial e directa vinculación co desenvolvemento económico e social de Galicia" nin "especial transcendencia económico-social".
Coa súa argumentación de que a lei do litoral non é tan relevante económica e socialmente o Goberno galego quere xustificar que non someteu o texto á consulta preceptiva que debería realizar nese caso ao Consello Económico e Social de Galicia, o ente consultivo no que están presentes patronal, sindicatos, universidades, confrarías e outras entidades de participación civil.
O Goberno galego argumenta oficialmente que a norma coa que quere xestionar concesións na costa confrontando co Estado non terá tanta relevancia para así xustificar que non a consultou co Consello Económico e Social, como sería preceptivo
A Xunta rebaixa ante o Parlamento a relevancia do seu proxecto de lei malia que o texto da norma di como debe ser a tramitación de proxectos no litoral "susceptibles de provocar un impacto apreciable no desenvolvemento ecónomico e social dos sectores produtivos de Galicia". Ten un artigo dedicado á "sustentabilidade económica e social do sector marítimo-pesqueiro". E o propio presidente Rueda asegurou que a norma "compatibilizará a protección do medio ambiente e da vida social e económica da costa".
A lei de creación do Consello Económico e Social establece que este órgano consultivo debe pronunciarse preceptivamente sobre calquera actividade normativa da Xunta "en materias de especial transcendencia económico-social". O propio Goberno galego salienta que posteriormente se concretou que se entende por "materias socioeconómicas", que se acoutaron como "as relativas a economía, fiscalidade, emprego e seguridade social, asuntos sociais, agricultura e pesca, educación e cultura, saúde, consumo, medio ambiente, transporte e comunicación, industria e enerxía, vivenda e mercado único europeo".
A nova lei do litoral non só se presenta na súa exposición de motivos como unha norma que pretende mellorar "a sustentabilidade ambiental, social e económica" da costa galega, senón que dedica disposicións concretas a cuestións relacionadas coa pesca, o medio ambiente ou a vivenda, ademais de instar ao impulso por parte da Xunta de novos nichos de negocio como unha rede de hoteis costeiros privados pero apoiados con fondos de recuperación da UE.
Para non someter a lei a consulta do CES, preceptiva no caso de normas que afectan a cuestións socio-económicas, a Xunta argumenta que o texto "foi sometido a un excepcional proceso de participación e exposición pública
Pero para xustificar que unha norma así non teña que ser consultada ao CES, como sería preceptivo, a Xunta argumenta que a lei limítase a "ordenar o litoral", cuestión que "non está expresamente incorporada ao elenco de materias socioeconómicas" sobre as que se ten que pronunciar o órgano consultivo.
O Goberno galego tamén argumenta que o novo texto legal "foi sometido a un excepcional proceso de participación e exposición pública, de sorte que pode afirmarse que os sectores socioeconómicos representados no Consello Económico e Social puideron participar en distintas oportunidades no proceso de elaboración e tramitación da norma".