A Xunta amaga con desafiar o Estado cunha lei para xestionar a ocupación privada da costa sen traspaso de competencias

Construcións no litoral de Foz e a súa contorna, nunha imaxe do Plan de Ordenación do Litoral da Xunta (2009) CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

A Xunta non suma competencia ningunha dende xullo de 2008, hai 14 anos, durante o mandato do Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Por primeira vez en toda a historia da autonomía completou tres lexislaturas sen traspasos e, tamén por primeira vez, un presidente deixou de selo sen deixar tras de si incremento ningún do autogoberno.

Con este pano de fondo, xa dende os últimos tempos da presidencia de Alberto Núñez Feijóo, o Executivo galego do PP está inmerso nunha pugna co Goberno de España -primeiro do PSOE, despois do PSOE e Unidas Podemos- polo control da xestión da costa e, máis concretamente, pola competencia de ordenación do litoral. Pola competencia, ao cabo, de autorizar ou non a ocupación privada dos terreos públicos á beira do mar, a mesma que comezara a ser negociada nos tempos de Touriño e Quintana e que Feijóo mantivo aparcada durante máis dunha década.

Alfonso Rueda, recibido por Pedro Sánchez na Moncloa o pasado xullo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A reclamación da xestión do litoral agudizouse dende que o Estado limitou a intención da Xunta de aumentar o volume de construcións á beira do mar ata nun 50% e impulsou a lei de cambio climático, que limita as concesións costeiras a 75 anos incluíndo prórogas

A reclamación desta competencia por parte da Xunta agudizouse en 2021, despois de que o Estado limitase a súa intención de permitir aumentar o volume de construcións á beira do mar ata un 50%. Tamén durante a tramitación da lei de cambio climático, que entre outros moitos aspectos incluíu un cambio na lei de costas para que as concesións privadas de ocupación do dominio público marítimo-terrestre non poidan durar máis de 75 anos, prórrogas incluídas. A Xunta do PP, con Feijóo e con Rueda, reclama que poidan durar máis. E a resposta do Goberno de España á petición foi un "non categórico" apoiado en que se a Xunta quere acceder a esa competencia debe reformar o Estatuto.

Este contexto é imprescindible para entender o novo movemento da Xunta. Na xuntanza do Consello do Goberno deste 15 de setembro, o Goberno de Rueda acordou "someter á consulta pública previa a elaboración do anteproxecto de Lei de ordenación do litoral de Galicia". A norma, defende o presidente, permitiría asumir a xestión do litoral sen un traspaso expreso de competencias. 

Construcións de todo tipo no litoral galego CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

Asegura Rueda que non procura un "conflito" legal co Estado. Aínda que a intención, manifestaba o Grupo Parlamentario do PP practicamente ao mesmo tempo nunha xuntanza con empresarios, é "sortear a lexislación estatal". Cren que poden facelo apoiándose nun ditame do Consello Consultivo de Galicia encargado ao respecto pola propia Xunta. No documento, o organismo conclúe que "da doutrina actual do Constitucional" derivada da súa sentenza sobre o Estatuto de Catalunya "dedúcese" que a Xunta tamén ten "as facultades sobre a 'xestión'" das concesións costeiras.

A consulta pública da Xunta sobre unha futura lei do litoral para fixar "os criterios das concesións e autorizacións da costa" non ten consecuencia xurídica ningunha. Só a tería se chega a ser aprobada, o cal o PP galego defende facer para "sortear a lexislación estatal"

Pero, que consecuencias xurídicas ten o paso dado pola Xunta? Polo momento, ningunha. A apertura da consulta pública dun mes (ata o 17 de outubro) supón que a cidadanía pode realizar achegas a partir dun resumo dos contidos do que despois volverá ao Consello como anteproxecto de lei e despois viraría en proxecto para ser remitido ao Parlamento, onde tería a aprobación garantida en virtude da maioría absoluta do PP. Trátase, ao cabo, dun proceso que pode levar meses ou mesmo anos -os propios populares controlan os ritmos no esencial- e só ao seu termo cabería a posibilidade da interposición dun conflito de competencias por parte do Estado que, se non se resolve pola vía do acordo, acabaría no Constitucional.

Segundo o exposto para a devandita consulta pública, a Xunta di que a intención do futuro anteproxecto de lei é "autogobernar o noso litoral definindo o litoral sobre o que Galicia ten competencia exclusiva" ou "regular a costa galega en colaboración coa propia comunidade esencialmente costeira" e fixar "os criterios de outorgamento de concesións e autorizacións na costa". Mantén que o fara "contemplando" a "dimensión ambiental e a protección da costa fronte ao cambio climático" pero "tamén a dimensión económica e social".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.