Hai 15 anos que a Xunta comezou a negociar co Goberno de España un paquete de transferencias de competencias. A delegación galega encabezábaa Anxo Quintana (BNG) como vicepresidente e responsable das relacións institucionais do Executivo galego. Da beira estatal da mesa sentaba Jordi Sevilla, na altura ministro de Administracións Públicas. Ao remate, Quintana explicara que alén dos traspasos xa concretados naquel encontro, a aspiración da Xunta era negociar máis adiante "outro paquete importante" que incluíse o o tráfico e a seguridade viaria e a xestión dos terreos situados na zona de dominio público marítimo-terrestre.
A transferencia da xestión do litoral xa fora abordada inicialmente nos tempos do Goberno de coalición PSdeG-BNG
Os traspasos concretados por Quintana e Sevilla naquela xuntanza foron efectivos ao ano seguinte, en 2008, e dende aquela a Xunta non recibiu ningún máis. En 2021, cando xa pasaran case doce anos, a Xunta presidida por Alberto Núñez Feijóo asegurou ter interese en asumir esa xestión dos terreos da costa para así "culminar o traspaso de competencias en materia de ordenación do litoral" que comezou nos primeiros anos da autonomía e porque o Goberno galego ten "un coñecemento máis detallado" da costa.
Os argumentos do gabinete do PP non eran moi diferentes aos que empregara máis dunha década atrás o Goberno de coalición PSOE-BNG, pero o contexto si era notablemente distinto. A Xunta pedía xestionar os terreos costeiros -o Estado seguiría sendo o seu titular porque así o marca a Constitución- para pasar a ter o control sobre os permisos para calquera actuación neses terreos e chegaba xusto despois de que o Estado limitase a súa intención de permitir aumentar o volume das construcións á beira do mar ata un 50%. Concretamente, das edificacións consideradas "tradicionais", que para a Xunta é calquera, "con independencia da súa tipoloxía", construída antes de 1975.
A Xunta do PP retomou a petición en 2021, despois de que o Estado limitase a súa intención de permitir aumentar ata un 50% o volume de construcións á beira do mar. O Goberno de España argumenta que para transferir estas competencias cómpre reformar o Estatuto
Este contexto é imprescindible para entender unha cuestión que nos últimos días regresou á actualidade porque o Goberno de España vén de desbotar esa transferencia e faino esgrimindo unha razón con ecos do ano 2007, cando o PP daquela na oposición bloqueou definitivamente a reforma do Estatuto de Autonomía. En resposta a unha pregunta no Congreso formulada por Antón Gómez-Reino (Galicia en Común) a respecto dos traspasos pendentes a Galicia, o Goberno de España sinala que o "traspaso de funcións e servizos relativos á xestión dos títulos de ocupación e uso do dominio público marítimo-terrestre" requiriría dunha reforma do Estatuto.
Argumenta o Executivo central que o Estatuto de 1981 contempla que o Goberno galego xestione de maneira exclusiva a ordenación do territorio e do litoral e por iso recibiu as competencias nesa materia en 1985. Pero, agrega, "non pode asumir novas funcións en materia de ordenamento do litoral sen unha previa reforma estatutaria que lle atribúa novas funcións específicas" neste eido. Iso é o que fixeron, sinala, en Andalucía, Canarias, Catalunya e Balears e por iso ostentan esas competencias
Unha vez coñecida esa resposta, avanzada por Faro de Vigo e tamén consultada por Praza.gal, a Xunta mantivo que non cómpre realizar unha reforma do Estatuto para asumir esas competencias. Poderían chegar pola vía do artigo 150.2 da Constitución, o que foi utilizado no pasado para poñer nas mans das autonomías competencias non contempladas especificamente nos seus Estatutos, argumentan.
Nesta liña, o presidente Alfonso Rueda enfatizaba este xoves que se trata dunha transferencia "perfectamente posible coa actual redacción do Estatuto". Ao seu xuízo, "parece" que o Goberno central "mira con lupa e pon un pero" a "todo o que se pide dende Galicia".
Tamén nas filas da oposición o ven deste xeito. Non en van, BNG e PSdeG apoiaron tamén reclamar esa competencia xa dende a Xunta. Pero tamén poñen o foco na parálise que o autogoberno vén experimentando dende que o PP retornou á Xunta en 2009, co período máis prolongado da historia da autonomía sen ningunha nova competencia asumida.
Neste sentido, a resposta do Goberno de Pedro Sánchez ao tamén secretario xeral de Podemos Galicia achega outro detalle significativo. "Cabe sinalar -di o documento- que no verán de 2021 o Ministerio de Política Territorial formulou á Xunta á posibilidade de celebrar unha Comisión Bilateral de Cooperación Estado-Galicia", o órgano no que se abordan os traspasos de competencias, "para poñer en marcha iniciativas que reforcen a cooperación entre ambas Administracións. "Esta posibilidade non frutificou", agregan, se ben "o Goberno mantén a súa disposición a abordar os traspasos que sexan procedentes" e as "canles de interlocución" están abertas.
Na súa resposta, o Executivo central revela que "formulou á Xunta a posibilidade de celebrar unha comisión bilateral" no verán de 2021, pero " esa posibilidade non frutificou
A celebración dunha sesión desa comisión Galicia-Estado para abordar transferencias pendentes é, precisamente, un dos aspectos pactados recentemente entre o BNG e o PSOE no Congreso no marco da revisión do acordo pechado entre ambas formacións políticas para a investidura de Pedro Sánchez en xaneiro de 2020. Entre as transferencias chamadas a ser impulsadas nese encontro está a da AP-9, actualmente en trámite no Congreso cun trámite de emendas que acumula prórrogas dende hai máis dun ano.
Na resposta a Gómez-Reino, o Goberno central evidencia que, se finalmente é aprobada no Congreso, "sería procedente a adopción" pola Comisión Mixta de Transferencias "do correspondente traspaso de medios" á Xunta tras a correspondente negociación. No caso de concretarse, esa transferencia sería a primeira tras un período en branco que vai camiño de durar xa catorce anos.