Asuntos como o caso da espionaxe mediante o sistema Pegasus enfraqueceron a marxe de manobra do Goberno de Pedro Sánchez no Congreso, especialmente pola banda de Esquerra Republicana de Catalunya. Ese desencontro outorgou aínda máis valor parlamentario aos votos de formacións como EH-Bildu ou o BNG, tal e como se puido observar, por exemplo, na transcendental votación de finais de abril para manter en vigor o Real Decreto contra a crise de prezos.
Para votar a prol dese decreto, o Bloque acordara varios asuntos co PSOE. Entre outros, reunírense durante o mes de maio para "reactivar a axenda galega", en referencia ás cuestións pactadas entre ambas formacións durante as negociacións da investidura de Pedro Sánchez en xaneiro de 2020.
Esa xuntanza celebrouse o pasado día 25 e a delegación do Bloque saíu dela cun "certo grao de optimismo", en verbas do seu deputado no Congreso, Néstor Rego. Este sábado, no transcurso dunha visita ao recinto feiral das festas da Ascensión, en Santiago, Ana Pontón manifestaba a súa confianza en que o "escenario político diferente" polo que actualmente transita o Estado "permite reactivar" esa axenda galega e puxo o foco nalgúns dos "compromisos" que, asegura, o PSOE vén de adquirir.
O Bloque destaca o reinicio das negociacións para traspasos de competencias como as da AP-9 ou a creación de xulgados de violencia de xénero en Lugo, Ourense e Santiago entre os asuntos acordados esta semana co PSOE no Congreso. Para impulsalos, sinala Pontón, procurará senllas votacións unánimes no Parlamento galego
Entre eles, a portavoz nacional da formación soberanista destaca o "si" á "avanzar na creación de xulgados de violencia de xénero" en Lugo, Ourense e Santiago, acabar coa "dobre tributación" dos emigrantes retornados ou "reactivar o traspaso de competencias" á Xunta despois de que, nos últimos 13 anos, o Goberno galego do PP acadase o "triste" récord de acadar o período máis prolongado da historia da autonomía sen traspaso ningún. Para facelo, mantén o Bloque, "entre os acordos está que o Goberno español emprace o galego a reunir a Comisión Mixta de Transferencias".
Agora, di Pontón, trátase de que o "PP apoie, e non poña paus nas rodas" a comezar pola transferencia da autoestrada AP-9, reactivada no Congreso o pasado 2021, pero que acumula máis dun ano de dilación na súa tramitación mediante sucesivas prórrogas do prazo de emendas. Neste sentido, Pontón avanza que o BNG promoverá no Parlamento de Galicia senllas proposicións non de lei para procuraren senllas unanimidades no apoio á transferencia da AP-9 e máis á creación dos devanditos xulgados de violencia de xénero.