Outra bóla de partido nun momento crítico e outra tensa votación parlamentaria que acaba caendo do lado do Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos. O Executivo de Pedro Sánchez deu xuntado este xoves votos dabondo no Congreso dos Deputados para manter en vigor o paquete de medidas contra a crise de prezos vixente mediante Real Decreto dende principios de abril e que inclúe accións como o desconto de 20 céntimos por litro de combustible, limitacións das subas de alugueiros, a suba temporal do ingreso mínimo vital ou axudas a diversos sectores económicos.
A irrupción o escándalo pola espionaxe a políticos cataláns e vascos tensou a votación do decreto que inclúe medidas como a rebaixa de 20 céntimos nos combustibles, que finalmente supera o transcendental exame parlamentario por maioría absoluta
A irrupción no escenario político do escándalo da espionaxe a líderes independentistas cataláns e vascos mediante o sistema Pegasus -e, moi especialmente, a xustificación desta práctica realizada pola ministra de Defensa, Margarita Robles- axustou máis as contas da transcendental votación. Esquerra Republicana de Catalunya, grupo considerado do bloque da investidura, anunciou seu "non" á convalidación do decreto, 13 votos menos que mesmo provocaron que o gabinete de Sánchez ollase cara ao PP agora liderado por Alberto Núñez Feijóo. Nesa chiscadela aos populares enmarcouse a aceptación por parte do Goberno de que o decreto sexa tramitado como proxecto de lei, o que permite que os grupos poidan introducir emendas.
Pero nin a votación foi tan sumamente axustada ou accidentada coma outras -caso da reforma laboral- nin contou cos votos a prol dos populares. O decreto anticrise supera o transcendental exame parlamentario por maioría absoluta (176 a prol) e contando na banda do "si" con formacións como EH-Bildu ou o BNG, ademais de apoios que xa foran anunciados previamente, coma o do PNV, Más País ou PDeCat. Os populares, pola súa banda, ficaron finalmente no "non".
"A votación non vai do Goberno, vai de axudar os cidadáns que os votaron a vostedes e lles deron ese escano para que os axuden e faciliten a súa vida", advertiu o ministro da Presidencia, Félix Bolaños, na intervención no nome do Goberno na defensa do texto, como recolle infoLibre. Os populares, con cuxa abstención chegou a especularse, mantivéronse finalmente no "non" porque, argumentaron, os socialistas se negan a asumir as medidas económicas defendidas no plan co que Feijóo se estreou como líder do partido.
O PP mantívose no "non" porque, din, o PSOE se nega a asumir o plan económico de Feijóo. EH-Bildu e BNG aseguran que a "responsabilidade" coa cidadanía decantou a súa votación afirmativa
Pouco despois, a través das redes sociais, aseguraron que o seu diagnóstico é que "o PSOE rexeita a man tendida para acordar medidas de Estado que melloren a economía das familias" porque "volve preferir ir de ganchete cos que queren destruír o Estado". Sánchez, agregan, "non merece nun minuto máis no Goberno". Non "non" mantivéronse tamén os partidos aliados do PP como Foro Asturias e formacións coma Vox ou Ciudadanos.
Eses argumentos reiterounos tamén Feijóo, respondendo en calidade de líder do PP na rolda de prensa posterior ao derradeiro Consello da Xunta ordinario que preside antes da súa dimisión. Segundo o xefe de filas dos conservadores, Sánchez preferiu "unha componenda política" fronte ás súas "propostas económicas" e puxo a EH-Bildu "por riba dos intereses das familias españolas". Nesta liña, desbota tamén negociación ningunha durante a tramitación do decreto como proxecto de lei.
A referencia á suposta destrución do Estado referíase a EH-Bildu, cuxa voceira no Congreso, Mertxe Aizpurua, defende que o seu si dos seus 5 representantes se debe á "responsabilidade á que lle debemos á cidadanía", porque "a xente non pode nin debe ser quen pague as consecuencias dos graves erros deste Goberno", dixo a respecto do caso Pegasus. Defende a deputada abertzale que "miles de familias necesitan protección adicional fronte á crise" e "queremos poder ofrecerlla".
De "responsabilidade política" falou tamén o deputado do BNG, Néstor Rego, para explicar as razóns do seu voto a prol. "Cando se trata de decidir se as medidas continúan en vigor ou decaen, o BNG, por responsabilidade, opta por que se manteñan as axudas a sectores como a pesca, o agro ou os transportes, a subvención aos carburantes ou o aumento do ingreso mínimo vital", sinala.
Pontón e Rego detallan que a negociación co PSOE propicia ademais que, a cambio do seu "si", acceda a manter o trámite de exposición pública en parques eólicos e a "reactivar a axenda galega" que pactaran para a investidura de Pedro Sánchez
Neste sentido expresábase tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que este xoves viaxou a Madrid para reunirse co presidente da Confederación Española de Persoas con Discapacidade, o galego Anxo Queiruga. Aínda que o Bloque considere "insuficientes" as medidas do decreto, razoa, si ve accións "positivas" nel e coida que "sería moito peor" que decaian, polo que cómpre "responsabilidade coa cidadanía e cos sectores que máis están sufrindo".
Ademais, destaca a líder do Bloque, o "si" chega tras un "proceso de negociación" co PSOE sobre aspectos do propio decreto e outras cuestións. Neste sentido, revela, os socialistas acceden a que "na tramitación dos parques eólicos teña que haber unha exposición pública" -o decreto simplifica os permisos para estas instalacións- e tamén a "reactivar a axenda galega en Madrid", en referencia ao pacto entre ambas formacións para a investidura de Pedro Sánchez. Neste sentido, Rego confirma que a comisión de seguimento do pacto abordará as "medidas pendentes de cumprir" nunha xuntanza que se celebrará "antes do 11 de maio".