Ao xeito dos paquetes de medidas para afrontar a pandemia da COVID-19, o Goberno de España disponse a presentar a xeito de plan de choque as accións que o Executivo do PSOE e Unidas Podemos vai formular perante a actual crise de prezos, agora empaquetadas como unha "resposta" ás consecuencias económicas da guerra na Ucraína e das sancións internacionais a Rusia. No marco dunha conferencia para grandes empresas organizada pola axencia Europa Press, Pedro Sánchez avanzou este luns algunhas das medidas que recibirán este martes o visto e prace do Consello de Ministros nun único Real Decreto que, di, vai implicar "6.000 millóns de euros en axudas directas e rebaixas de impostos" e outros 1.000 en créditos do Instituto de Crédito Oficial (ICO).
Combustibles
Un dos anuncios máis concretados polo mandatario socialista é o relativo á subvención ao combustible. "O Goberno -asegura- efectuará unha bonificación mínima de 20 céntimos en cada litro de combustible ata o 30 de xuño" para todas as persoas que o consuman. Serán 15 céntimos de subvención pública e "un mínimo de 5 céntimos" achegados polas petroleiras, se ben "algunhas delas xa anunciaron rebaixas superiores", di en referencia á accións comerciais por parte dalgunha destas compañías nos últimos días.
Aínda que a decisión atinxe a todo o mercado, Sánchez sitúa o sector do transporte como "principal beneficiario desta rebaixa" que se engade ao "fondo de 450 millóns para outorgar axudas directas" ás empresas, xa anunciadas a pasada semana. Estas axudas consistirán, estima, en 1.250 euros por camión, 900 por autobús, 500 por furgoneta e 300 por cada vehículo lixeiro coma os taxis. Ademais, agrega, o prazo de devolución do imposto de hidrocarburos (os vehículos profesionais págano, pero recupérano) pasa de tres meses a un mes. A medio prazo, asegura, haberá unha lei que prohiba o traballo a perdas neste sector.
Vivenda
Avanza tamén Sánchez que o Real Decreto incluirá unha medida "excepcional" para frear posibles prezos disparados nos alugueiros. "As revisións dos alugueiros terán un límite do 2% para así evitar que vaian acompasados coas subas xerais dos prezos. A medida, non obstante, durará só tres meses, cando menos de inicio.
Emprego
"Imos tomar medidas para protexer o emprego, evitando o despido" e "as empresas poderán acudir a medidas de flexibilidade interna, coma os ERTE, que tan ben funcionaron durante a pandemia", sinala Sánchez. Fontes gobernamentais citadas por elDiario.es concretan que se permitirá recorrer aos ERTE de forza maior e por causas obxectivas, impedindo que vaian seguidos dun despedimento como norma xeral.
Recibo da luz
O IVE reducido ao 10% e o imposto de electricidade recortado ao 0,5% continuarán vixentes, xunto coa suspensión total do imposto á xeración eléctrica, dano menos ata o 30 de xuño. Ao tempo, di, o Estado calcula que "máis de 600.000 familias adicionais" poderán acollerse ao bono social eléctrico. Sánchez liga a este apartado a suba puntual (tamén durante tres meses) do 15% do importe do Ingreso Mínimo Vital.
Esta semana os gobernos español e portugués limitarán o prezo do gas para "rebaixar significativamente os prezos da electricidade de forma inmediata", segundo o autorizado pola UE
Alén destas accións, Sánchez confirma que será esta semana cando o seu goberno e mais o de Portugal concreten o "prezo de referencia do gas" que a Unión Europea autorizou a fixar como "excepción" para a Península Ibérica, reducindo así a referencia que despois condiciona os prezos do mercado eléctrico. "Non distorsiona o mercado da electricidade de Europa, pero vainos permitir rebaixar significativamente os prezos da electricidade de forma inmediata", mantén. Paralelamente, ata o 30 de xuño continuará activo o mecanismo para reducir os coñecidos como "beneficios caídos do ceo" para as eléctricas.
Créditos para liquidez e axudas directas
No ámbito empresarial, o Consello de Ministros dará o seu visto e prace a unha nova liña de avais de crédito do ICO dotada con 10.000 millóns, ao xeito das activadas pola pandemia, para "cubrir as necesidades de liquidez provocadas polo custo da enerxía e dos combustibles". Para os sectores agrario e gandeiro, di, "imos aprobar un importante paquete de axudas valorado en torno a 362 millóns" e outros 68 serán achegas directas ao sector pesqueiro.
No eido industrial, avanza, as compañías consideradas como grandes consumidoras de enerxía tamén terán novas axudas. Por unha banda, "imos incrementar o volume de recurso s para compensar as peaxes nun 80%", "acadar ao máximo a compensación do CO2". Por outra, axudas directas por arredor de 500 millóns.