Formoso insta a Xunta a bonificar o gasoil a empresas galegas coa metade do que recibe polo imposto do combustible

Valentín González Formoso, en rolda de prensa CC-BY-SA PSdeG

O PSdeG reclama á Xunta que entregue a metade do que recibe polo imposto que grava o combustible e que lle cede o Estado ás 9.700 empresas galegas afectadas pola “alza salvaxe dos custos enerxéticos”. Así o demandou o seu secretario xeral, Valentín González Formoso, que explica que se trataría de 277 millóns de euros -dun total dos 557 que recibe a Xunta- para subvencionar 36.000 litros de gasóleo de promedio por empresa durante 2022.

Formoso cre que “é o momento de estar á altura das circunstancias” e reclama á Xunta que execute en Galicia esta medida “xusta”, a mesma que Feijóo lle está a reclamar ao Goberno central. Así, urxe ao Executivo autonómico que habilite estas axudas a través dunha convocatoria urxente dende o Consello da Xunta a través dunha fórmula de prepagamento aos transportistas que podería ser desbloqueada nun prazo de 7 a 48 horas.

Formoso reclama á Xunta que entregue a metade dos 557 millóns que a Xunta recibe do Estado polos tributos aos combustibles a 9.700 empresas galegas

A proposta de Formoso chega no mesmo día no que o PP activou unha campaña nas redes na que defende que Pedro Sánchez queda cos impostos que gravan a gasolina. O partido do que Feijóo xa é presidente electo mantén que "de cada 100 euros que botas de gasolina, 57 os leva" o presidente do Goberno de España. En realidade, os tributos sobre os combustibles, o IVE e o imposto de hidrocarburos, son recadados para os Orzamentos públicos.  No primeiro caso financian ao 50% servizos do Estado e das comunidades autónomas e no segundo, o 58% vai ás autonomías e o restante, á Facenda estatal.

Durante a súa campaña interna e sen rival polo liderado do PP, Feijóo proclamara que o Goberno de España se estaba "forrando" co "incremento da luz e da gasolina" porque, razoara, en torno á metade dos prezos de ambos son impostos.

Agora, Formoso insta a que desde a Xunta aposte por dedicar a metade do que recada polos tributos aos hidrocarburos nunha medida que considera "de calado" e que “pode ser transcendente se se fai rápido, e pode axudar a aliviar de forma importante a carga fiscal para cada transportista, mariñeiro e agricultor” que neste momento “están a sufrir” en Galicia.

Ademais, Formoso cualificou de “medidas de fierabrás” as iniciativas anunciadaspor Feijóo no Parlamento para facer fronte á crise actual. Mesmo chegou a cualificar de “insulto” o anuncio de responderlle aos sectores afectados “cun bono turístico para ir a un balneario”. "A un mariñeiro, a un armador, a un camioneiro” co seu vehículo parado “porque non pode pagar os custes enerxéticos”, en realidade “de nada lle vale que lle regalen un bono para ir a un balneario”. Sinalou que “o sector do transporte, da pesca ou o da agricultura o que menos están pensando é en marchar de fin de semana. 

Por outra banda, e no undécimo día de paro no transporte, arredor dun milleiro de persoas participaron nunha marcha a pé entre o polígono das Gándaras e o centro de Lugo. Ademais, as mobilizacións de camioneiros ou gandeiros volveron provocar retencións nos accesos a Santiago e nas inmediacións de Vigo tras unha caravana lenta que chegaba á cidade desde Tui. 

Mobilización de transportistas no undécimo día de paro, nunha imaxe da TVG © TVG

Mentres, continuaron este xoves as negociacións entre transportistas e o Goberno central, que busca un acordo con axudas de ata 30 céntimos de euros por litro de gasóleo, segundo conta eldiario.es. As conversas lévanse a cabo cos representantes do sector, pero non coa plataforma convocante do actual paro, xa que non conta con representación nas mesas de diálogo. 

Ademais, boa parte do sector pesqueiro volveu este xoves saír ao mar logo de reunirse co ministro de Agircultura, Pesca e Alimentación, Luis Plans, que lles adiantou a intención do Executivo de artellar unha serie de medids inmediatas para paliar a suba dos prezos do gasóleo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.