Alberto Núñez Feijóo está campaña. Interna e sen rival, pero en campaña. O aínda presidente da Xunta principiou a pasada semana a xira polas agrupacións autonómicas do PP que culminará, o 1 e 2 de abril, coa súa aclamación como substituto de Pablo Casado no liderado estatal do partido. Son encontros e mitins que, por exemplo, este luns o levaron a Mallorca e Barcelona e que este martes se celebran en Zaragoza e Madrid.
O aínda presidente da Xunta desempoa o manual das eleccións galegas de 2009 para a campaña interna tras a que será aclamado como substituto de Casado no PP e carga contra os tributos que supoñen cada ano ao Goberno galego o equivalente ao orzamento da Consellería de Educación
Nestes eventos, o equipo de Feijóo está a desempoar, en boa medida, o manual da campaña electoral que lle valeu para chegar á presidencia da Xunta por primeira vez, hai agora 13 anos. Así, por exemplo, este martes botaba man da suba xeral de prezos agora agravada polos efectos da guerra na Ucraína e das sancións a Rusia para proclamar que o Goberno de España "se está forrando" co "incremento da luz e da gasolina" porque, razoou, en torno á metade dos prezos de ambos son impostos.
Alén da evidencia de que os impostos recadados polo Estado serven para financiar os servizos públicos e de que o seu deseño é unha decisión da política económica dos sucesivos gobernos, no caso dos tributos que gravan os hidrocarburos ou a electricidade cómpre ter en conta, ademais, que unha parte substancial da recadación vai parar ás comunidades autónomas. Isto é, aos gobernos encargados de administrar servizos básicos como sanidade, educación ou políticas sociais. No caso galego, á Xunta.
Os impostos contra os que Feijóo cargou no seu mitin son esencialmente tres: o IVE, o imposto sobre hidrocarburos e o imposto sobre a electricidade. Segundo o vixente sistema de financiamento autonómico -que segue operando malia estar caducado dende 2014-, ás comunidades autónomas de réxime común como Galicia correspóndelles ingresar cada ano o 50% do recadado polo IVE, o 58% do imposto de hidrocarburos e o 100% do imposto sobre a electricidade.
O vixente sistema atribúe ás autonomías o 50% do recadado polo IVE, o 58% do imposto de hidrocarburos e o 100% do que grava a electricidade
Os Orzamentos Xerais da Xunta para 2022 prevén que eses ingresos, unha vez descontadas as liquidacións negativas do IVE de anos anteriores (o Estado ingresa os fondos por adiantado e, se o estimado supera o recadado, compénsase a posteriori), sexan duns 2.461 millóns de euros. Trátase de case o 20% da previsión de ingresos elaborado polo Goberno galego para este ano e un montante semellante a, por exemplo, o orzamento que manexa a Consellería de Educación durante un ano enteiro. Cómpre agardar, non obstante, como afectará a esa previsión o actual incremento dos prezos, pero tamén a rebaixa tributaria anunciada por Pedro Sánchez, que o Executivo central prevé concretar a finais deste mes.
Uns 600 millóns anuais por tributos de electricidade e hidrocarburos
Os ingresos das arcas autonómicas para financiar os servizos das súas competencias tamén son relevantes mesmo excluíndo o IVE e tendo en conta só os tributos que gravan os hidrocarburos e a electricidade. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, dende a entrada en vigor do vixente financiamento autonómico, as súas liquidacións supuxeron uns 600 millóns anuais, segundo un informe achegado pola Consellería de Facenda ao Parlamento para ser estudado na comisión que avaliou a posible reforma do sistema. Ese mesmo informe, como detallou Praza.gal, reflicte que a Xunta mantivo descontos sobre o imposto de hidrocarburos entre 2014 e 2019, bonificación que tivo un impacto de entre 3 e 10 millóns de euros anuais. [A Xunta cifra en 500 millóns anuais o que deixa de ingresar polos seus recortes de impostos]
Un hospital "a deber"
Alén de cargar contra impostos que actualmente son clave para compoñer os Orzamentos da Xunta, os mitins da campaña interna de Feijóo deixaron o pasado luns outra afirmación significativa. "Cando un político di que inaugura un hospital, hai que preguntarlle: Ese hospital déixao vostede a deber ou está pago? Porque se o deixa a deber, faga o favor de marchar", proclamou entre aplausos
A referencia á inauguración dun hospital que non está pago suscitou reaccións a medio camiño entre a indignación e a hilaridade entre representantes da oposición galega e tamén nas redes sociais. Relaciónano co sistema elixido polo Goberno do propio Feijóo para construír e abrir o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, un modelo de colaboración público-privada con pagamento aprazado.
Como informou Praza.gal, pola execución material do hospital vigués, valorado nuns 300 millóns de euros, e a xestión dos seus espazos non sanitarios a empresa concesionaria do hospital -agora propiedade de fondos de investimento internacionais-, recibirá dende a súa apertura en 2015 e ata 2035, máis de mil millóns de euros mediante pagamentos anuais duns 60 millóns de euros.