O presidente da Xunta reclama usar máis as centrais térmicas de carbón e lamenta que o Goberno central planifique 20.000 millóns en catro anos para emprego feminino ou prestacións familiares en vez de axudar “á xente” a pagar a enerxía
Dous anos despois de que o Goberno de España decretase o 13 de marzo de 2020 o primeiro estado de alarma pola COVID e tres meses despois de que o pasado 13 de decembro se detivese a erupción do volcán da illa da Palma, ese foi o lugar escollido para a celebración este domingo dunha nova Conferencia de Presidentes entre Pedro Sánchez e os máximos responsables das comunidades autónomas. Tras o sucesivos encontros que mantiveron en persoa ou por videoconferencia durante a pandemia, este estaba previsto que se centrase na recuperación económica e que se celebrase hai dúas semanas, pero o comezo da invasión Rusa a Ucraína obrigou a atrasalo. E coa guerra, as prioridades da reunión desprazáronse da pandemia aos retos económicos e de acollida de refuxiados que xa está a supoñer o conflito.
Antes da reunión deste domingo Sánchez, nunha comparecencia sen preguntas, avanzou que pediría aos presidentes autonómicos “unidade” fronte á “chantaxe enerxética” do presidente ruso Vladimir Putin. No encontro o socialista comunicou que traballa coa previsión dunha guerra longa e confirmou ao resto de presidentes que prevé baixar impostos, en particular en materia enerxética, ademais de estudar "outros" posibles.
Para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foi insuficiente e pouco concreto. O popular revelou na súa comparecencia posterior que reclamou un maior uso das centrais térmicas de carbón e, a preguntas dos medios de comunicación, lamentou que o Goberno veña de expoñer hai uns días unha planificación de 20.000 millóns de euros en catro anos para emprego feminino ou prestacións familiares porque considera que o prioritario agora é axudar “á xente” a pagar a enerxía.
Durante os días previos Feijóo xa fora avanzando as súas reclamacións a Sánchez, como presidente da Xunta poñendo Galicia como foco, pero tamén a nivel estatal como presidente do PP que será dentro de tres semanas. Feijóo reclamou a Sánchez “compromisos claros e concretos” e non “unha mera declaración de intencións” e salientou a necesidades de que o Goberno de España habilite “recursos económicos extraordinarios” para que as comunidades autónomas e as entidades locais poidan garantir unha correcta atención sanitaria e educativa ás persoas refuxiadas, así como promover a súa inclusión social e emprego.
Pero ao tempo Feijóo tamén reclamou a Sánchez unha “baixada impositiva” e que o Goberno central estenda ata fin de ano as reducións vixentes. Fronte ao cambio do actual modelo enerxético marxinalista que se estuda para toda a UE para que o gas deixe de fixar á alza o prezo do resto de enerxías, a petición de Feijóo pasou por reducir o IVE da electricidade e o gas ao tipo superreducido e por solicitar á UE unha redución “excepcional e transitoria” do imposto de hidrocarburos e do IVE da gasolina e o diésel.
Este domingo, na súa comparecencia tras a reunión, Feijóo insistiu en criticar que Sánchez non comprometese rebaixas concretas. Tamén lamentou que o Goberno de España chegase a este encontro aínda sen un plan estatal de acollida a refuxiados, compromiso que saíu da reunión deste domingo e que será financiado con fondos centrais.
Durante o encontro dos presidentes fíxose público que a responsable da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, reclamou a Sánchez destinar os 20.000 millóns de euros que o Goberno central vén de planificar en materia de igualdade para os próximos catro anos a axudar á cidadanía fronte a suba de prezos. Eses cartos son unha estimación do que destinarán nos próximos catro anos todos os ministerios a medidas como bonificacións para o emprego feminino, prestacións de maternidade ou axudas á conciliación de todo tipo [o seu resumo económico pódese consultar aquí]. Porén, a dereita leva días tentando presentar eses fondos como unha concesión de tipo ideolóxica de Sánchez a Podemos e á ministra de Igualdade, Irene Montero.
Tras o apoio de Feijóo á proposta de Ayuso de reducir fondos de igualdade que inclúen as prestacións por maternidade e paternidade, a ministra portavoz pediu "rigor" aos presidentes populares e lembrou que van destinados "á vida das persoas"
A Feijóo preguntáronlle pola proposta de Ayuso, e a súa resposta supuxo un apoio. Segundo Feijóo, “nun momento no que non podemos pagar a luz” e con outras enerxías e produtos básicos en aumento, “propoñer 20.000 millóns para políticas distintas ás prioridades número un, que é chegar a fin de mes, parécenos non acertado”. “Para nós a prioridade é a xente”, engadiu xusto a continuación Feijóo, sen aclarar se considera que as políticas de igualdade están ou non destinadas á xente.
Posteriormente a ministra portavoz, Isabel Rodríguez, pediu "rigor" e reiterou que eses fondos van destinados "á vida das persoas" a través das pensións, os recursos de conciliación ou as axudas ao emprego e que proceden de todos os ministerios. Pola contra, lembrou, o orzamento anual do Ministerio de Igualdade é duns 500 millóns.