O pasado domingo, 6 de marzo, cumpríronse dous anos do primeiro caso da COVID-19 detectado en Galicia, segundo a base de datos do Sergas. Daquela, non obstante, Sanidade notificara ese primeiro positivo dous días antes, nun momento en que cada caso tiña que ser confirmado nun laboratorio central de Madrid. Nos días seguintes, en apenas unha semana, precipitaríase a declaración oficial da pandemia por parte da Organización Mundial da Saúde, a emerxencia sanitaria, o Estado de Alarma, o confinamento e un amplo catálogo de restricións para tentar conter o virus.
Dous anos despois, a situación é radicalmente diferente á daquela. Practicamente o 90% da poboación galega está vacinada con pauta completa contra a COVID e o groso das persoas de máis risco xa recibiron unha dose de reforzo. Mentres, o Sergas vén de ratificar a supresión de corentenas e rastrexo para persoas consideradas contacto estreito de positivo, agás en "ámbitos vulnerables" como centros sanitarios ou residencias da terceira idade, no que a propia Xunta presentou como outro paso da "volta á normalidade".
Mentres todo isto sucede, en Galicia vénse rexistrando unha media duns 1.500 casos novos ao día na última semana con datos completos (incluíndo positivos por autotest). É un dato que, illado e en vagas anteriores, suporía unha alarma xeral entre as autoridades sanitarias e a poboación, coas consecuentes restricións. Máis aínda porque nos últimos días rexistra unha lixeira repunta, que Sanidade liga aos encontros do Entroido.
Pero, ao contrario que meses atrás, estes números non son observados como sinónimo de alerta. Así o evidenciou a Consellería de Sanidade hai poucos días e así o vén amosando tamén o Goberno de España. Non en van, o propio Pedro Sánchez vén sinalando dende hai días que está próxima a flexibilización da obriga xeral de uso da máscara en espazos interiores. A razón, sinalan, non é outra que a ampla cobertura da vacinación xunto coas características da variante que actualmente máis circula, a ómicron, ligada a unha sintomatoloxía máis leve.
O pico de ingresos da vaga, na metade que hai un ano
O pico de novas hospitalizacións na vaga deste inverno quedou arredor da metade das cifras de hai un ano
A mudanza no escenario fica tamén acreditada nos datos de hospitalización. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, tras as festas do Nadal e do Aninovo de hai un ano, en Galicia chegaron a rexistrarse picos de ata 160 ingresos de persoas coa COVID nun só día, mentres que desta volta eses picos quedaron en torno á metade.
Segundo os datos do Instituto de Salud Carlos III, ente estatal que compendia os datos fornecidos polas comunidades autónomas, dende o comezo da pandemia e ata os primeiros días deste marzo de 2022 foran ingresadas en Galicia algo máis de 21.000 persoas co virus. A información máis recente do Sergas indica que ás seis da tarde do pasado luns había nos hospitais galegos 417 persoas ingresadas con test positivo da COVID, 17 menos que unha semana antes. O pico de hospitalización desta vaga foi dunhas 700 persoas coa COVID ingresadas ao mesmo tempo en Galicia, hai un ano superáranse as 1.400.
Tamén declinan nos últimos días as cifras de persoas falecidas co virus, que dende o comezo da pandemia xa son en Galicia un total de 3.136 (sempre tendo en conta que non todos estes pasamentos son directamente causa da COVID. As diferenzas entre a vaga deste inverno e a do anterior son aínda máis evidente que no que atinxe á hospitalización: daquela, cando apenas comezara a vacinación, Galicia chegara a rexistrar unha media a sete días superior ás 25 mortes por xornada. Desta volta, o pico deste indicador roldou as 9.
Unha cuarta parte da vacinación pediátrica xa completada
Todas estas cifras e a perspectiva de levantamento das restricións que aínda persisten rexístranse en vésperas de que o Estado aprobe a nova estratexia de vixilancia da COVID. Tamén mentres a última parte da campaña de vacinación masiva, a dirixida á poboación pediátrica (5-11 anos) xa administrou a pauta completa a algo máis do 25% das nenas e nenos chamados a poñela en Galicia. No que atinxe ás doses de reforzo, nos grupos máis mozos citados para recibila (ata os 29 anos e de 30 a 39) a cobertura supera o 60% e, dos 40 anos en diante, está por riba do 90%.