O Sergas flexibiliza as limitacións para acompañar pacientes coa COVID tras reiteradas protestas das familias

Área de consultas externas do hospital Clínico de Santiago, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A nai de Manuel Iglesias faleceu este febreiro de 2022 no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo por mor de complicacións ligadas ao cancro que padecía. Ao inicio do que acabaría sendo o derradeiro ingreso da súa vida deu positivo en COVID-19 e, en aplicación dos protocolos vixentes, a súa familia non puido acompañala ata que estaba a piques de morrer, xa inconsciente. Manuel decidiu facer público o seu caso e chegou mesmo ao Parlamento, onde foi recibido pola líder do BNG, Ana Pontón. Alí resaltou que, dende o comezo da pandemia, viñan sendo moitas as familias que tiveran que pasar por situacións idénticas e reclamaba que, dada a mellora xeral da situación ligada á COVID-19, os servizos sanitarios relaxasen os seus protocolos sobre visitas e acompañamentos.

Con este pano de fondo, o Servizo Galego de Saúde vén de anunciar esa flexibilización. As persoas hospitalizadas coa COVID-19 van poder ter visitas ou estar acompañadas. Terán limitacións, pero xa non estarán restrinxidas unicamente a situacións de risco vital inminente, a xeito de despedida.

Unidades de hospitalización convencional

Segundo o avanzado pola Consellería de Sanidade, de agora en diante nas unidades de hospitalización convencional a norma xeral será permitir "a presenza dunha persoa nas visitas ou acompañamentos por cada paciente". As visitas terán que ser nos horarios fixados en cada centro e os acompañamentos poderán ser realizados por ata dúas persoas, que alternarán a súa presenza. "Só poderá permanecer no cuarto unha persoa por paciente", agrega.

A norma xeral pasa a ser que cada persoa ingresada pode ter unha acompañante. Se o paciente padece a COVID, quen o acompañe debe portar equipo de protección individual

No caso específico de pacientes coa COVID -ás seis da tarde do pasado xoves eran 584 en toda Galicia, 85 menos que unha semana antes-, tamén pasa a estar permitido o acompañamento dunha persoa por paciente, se ben quen acuda a realizar a compaña terá que portar material de protección específico para a COVID (alén da máscara, elementos como a bata de protección). Ademais, a persoa que acompañe o paciente non poderá "desprazarse a outras unidades do hospital" nin á cafetaría. "Preferiblemente", sinala a Consellería, "deberá ser un acompañante que non pertenza a un grupo de risco", isto é, menor de 70 anos, sen patoloxías crónicas nin problemas inmunolóxicos. En unidades de hospitalización psiquiátrica a estes requisitos engádese outro, a cita previa.

Alén da cuestión das visitas, o Sergas asegura tamén que o protocolo pasa a abordar especificamente a información ás familias. "Subliña que a familia do paciente recibirá información puntual e diaria da súa situación clínica" e "no caso de que un paciente empeore e non estea acompañado nese momento, o Sergas contactará por teléfono cos acompañantes autorizados", asegura.

Unidades de coidados intesivos

No caso das UCI, o protocolo de acompañamento pasa a ser "o ordinario que posuía cada unidade previo ao inicio da pandemia". Se a persoa en coidados intensivos padece a COVID -eran unha trintena de persoas ás seis da tarde do pasado xoves-, "as visitas poderán acceder co equipamento EPI axeitado para o coronavirus".

Urxencias

Sanidade tamén destaca que cambian as normas nos servizos de urxencias. As persoas "sen infección por COVID-19 poderán estar acompañadas en todo momento" por unha soa persoa. Se xa foran diagnosticadas con infección activa polo coronavirus, "este acompañamento está limitado ao período de observación" e a persoa que acompañe tamén terá que portar EPI. Como noutras unidades, "terá prohibido os desprazamentos" a outros puntos do hospital e á cafetaría.

Consultas externas e Atención Primaria

Esta relativa flexibilización chega tamén a consultas externas, hospitais de día e Atención Primaria. Nas consultas externas dos hospitais ou áreas de probas diagnósticas estará permitido que cada paciente leve un acompañante, "preferentemente conveniente" e vacinado. Neste sentido, nos hospitais de día oncohematolóxicos e áreas de diálise "esixirase o certificado COVID-19", o mesmo que no acceso ao resto de puntos dos hospitais. Nos centros de saúde, especifica, "permitirase un acompañante por paciente, sempre que a capacidade total das instalacións asegure a distancia mínima interpersoal durante todo o tempo que dure o acto asistencial".

Estas mudanzas, que chegan cando a poboación galega vacinada con pauta completa supera o 90% e a incidencia acumulada da COVID-19 cae en todas as áreas sanitarias e grupos de idade, chegan mentres se manteñen as normas xerais, a comezar polo uso obrigatorio da máscara en todos os espazos interiores. Ademais, lembra o Sergas, as persoas que acudan a acompañar ou visitar unha persoa ingresada seguen tendo que portar o certificado COVID de vacinación, recuperación ou proba negativa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.