A principios deste mes de febreiro Rosario faleceu no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo aos 68 anos. Ingresara a causa das complicacións ligadas ao cancro que padecía e outras patoloxías sobrevidas. Ao ser hospitalizada, a PCR protocolaria deu lugar a un resultado positivo por COVID-19, o que implicou ser tratada como unha paciente máis do coronavirus, segundo marcan as normas. Isto implica un illamento que impide as visitas de familiares.
A historia de Rosario saíu á luz a través do relato do seu fillo, Manuel Iglesias, en declaracións á edición viguesa do xornal La Voz de Galicia. O protocolo vixente, explicou, impediu acompañar á súa nai na fin da vida e a familia só puido vela cando o pasamento era xa inminente, sempre de maneira individual e con equipos de protección individual (como máscara e bata sanitaria). "Pasou os seus últimos días consciente pedindo que estivésemos con ela", explicou.
Dado que esta é a práctica habitual -agás excepcións puntuais- por mor dos vixentes protocolos COVID, Manuel elevou a voz aos medios e tamén a través do eido político para reclamar que o acontecido coa súa nai "polo menos, sirva de algo e que a súa historia sexa un punto de inflexión". Explicouno este venres tras ser recibido no Parlamento pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e mais pola deputada Montse Prado.
A portavoz nacional do BNG recibe no Parlamento a Manuel Iglesias, que decidiu facer público o caso da súa nai, falecida por complicacións do cancro que padecía no hospital de Vigo tras "pasar os últimos días consciente pedindo que estivésemos con ela", pero que tivo que permanecer soa por dar positivo na COVID ao ingresar
"Despois de dous anos de pandemia, co 90% da poboación vacinada, é momento de repensar este tipo de protocolos", sinalou Manuel para expresar unha posición secundada por Pontón. O sucedido, di a líder do Bloque, "debe servir para que as cousas melloren e haxa un trato o máis humanizado posible". "Se sempre é moi difícil perder unha nai, moito máis é sen poder facer un acompañamento nos últimos momentos da vida".
Pontón di ser consciente de que este é "un tema moi delicado" e que son as persoas expertas "as que teñen que valorar se este protocolo necesita axustes". Pero "con toda a cautela, hai que escoitar o que nos contan persoas como Manuel para adaptar os protocolos e permitir o acompañamento" nunha situación que lembra, di, o acontecido nas residencias da terceira idade nos primeiros momentos da pandemia, con "tanta xente que morreu soa e provocou unha reflexión a respecto" das medidas a tomar.
"Xa pasaron dous anos", o nivel de vacinación "é moi alto" e "coñecemos moito mellor como evitar contaxios", conclúe a portavoz nacional do BNG, como para que sexa posible "acompañar ás persoas nos últimos momentos da súa vida". Trátase, di, de evitarlles un maior sufrimento e tamén de eliminar unha "dor engadida ás familias". "Agradezo a Ana Pontón e ao BNG esta escoita; este é un tema no que todos os actores políticos deste país teñen que xuntar esforzos coa comunidade médica e os responsables dos protocolos para tentar mudar a situación", conclúe Manuel Iglesias.