A Xunta evidencia que "aplicará a lei" da fin da máscara ao aire libre e "recoméndaa" nos patios escolares

Un grupo de nenas e nenos, na praza do Obradoiro de Santiago, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Dende este xoves, 10 de febreiro, a obriga de uso da máscara ao aire libre fica reducida a excepción dentro da normativa xeral para previr contaxios da COVID-19. O novo Real Decreto que a regula -xa en vigor, e que previsiblemente será convalidado polo Congreso sen dificultades- só a mantén en "eventos multitudinarios" cando as persoas asistentes estean en pé ou sentadas, pero a menos de metro e medio de persoas non conviventes.

Con este marco xeral, o Goberno de España evidenciou a súa intención de que relaxación da norma chegue tamén aos patios escolares, pero a Xunta -da que depende a súa aplicación en última instancia- amosouse remisa e así o vén de ratificar. Nun comunicado feito público este xoves, o Goberno galego evidencia que ten previsto "aplicar a lei" que fixa a fin da obriga xeral de uso da máscara no exterior, pero sinálaa como "recomendable" nos patios dos colexios, cando menos de momento.

Feijóo afirma que "obviamente" a recomendación de manter a máscara nos patios escolares vai dirixida "aos pais" do alumnado, "que son quen ten a patria potestade"

A Xunta, como o Ministerio de Sanidade, "mantén a recomendación de empregala naqueles lugares onde se poidan producir agrupacións dun número importante de persoas en espazos limitados" aínda que non estean pechados. Alén disto, indica que considera "recomendable" mantela nos patios dos centros educativos "ata que os rapaces teñan a pauta completa" da vacina, xa que nestes espazos adoita haber un "número elevado de persoas" que "comparten un mesmo espazo exterior" onde "habitualmente bebidas ou alimentos".

Preguntado ao respecto tras a reunión semanal do Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo asegurou que, "evidentemente", esa "recomendación" de portar a máscara no patio vai dirixida "aos pais" do alumnado, "que son quen ten a patria potestade". "Obviamente, os profesores lembrarán a recomendación", agregou.

O Executivo, que atribúe ao subcomité clínico -parte das persoas expertas que a asesoran fronte á pandemia- ao recordatorio de que a administración das segundas doses ao grupo de menores de 12 anos comezou aínda este mércores -a cobertura con primeiras doses supera o 80% no grupo de 5 a 11 anos, o maior do Estado-, di "lamentar" que a nova norma publicada no BOE "non sexa máis explícita" porque "pode dar cabida a interpretacións". Neste sentido, critica que "entre en contradicións" cos protocolos estatais da COVID para os centros educativos, "aínda en vigor".

Caída xeral da incidencia en Galicia, con diferenzas por idades

Galicia entra nesta nova fase no que a restricións se refire cunha caída xeral das incidencias acumuladas da COVID-19. Como amosan os gráficos sobre estas liñas, no valor máis inmediato (a 7 días) a liña descendente é clara nas sete áreas sanitarias e tamén no dato global de toda Galicia. Ese dato total galego inclúe dende o pasado día 4 casos non asignados a ningunha das áreas en concreto -probablemente, de positivos detectados mediante autotest-, un total de 266 ata as seis da tarde do pasado mércores.

A incidencia acumulada a sete días está a piques de baixar dos 1.000 casos novos por cada cen mil habitantes e a 14 días, dos 2.400. Por idades, o grupo da infancia menor de 12 anos baixa dos 5.000 casos novos por cada cen mil persoas a 14 días e queda un chisco por baixo do de 12 a 19 anos, que agora é o de maior incidencia.

Acougo na hospitalización e mortalidade aínda á alza

A carga hospitalaria volve roldar as 600 persoas ingresadas coa COVID e as cifras de mortalidade seguen moi lonxe das de hai un ano malia aos 20 falecementos notificados con data deste 7 de febreiro

Cómpre ter en conta, en calquera caso, que as cifras de incidencia acumulada hai tempo que teñen un valor relativo para as autoridades sanitarias, dadas as altas porcentaxes de poboación vacinada, a extensión das doses de reforzo e as características da variante ómicron que, como vén sinalando a Organización Mundial da Saúde, semella xerar unha enfermidade menos grave. Si seguen prestando máis atención á carga hospitalaria, que en Galicia tende a acougar.

Ás seis da tarde do xoves había 635 persoas con test positivo da COVID-19 nos hospitais galegos, apenas unha máis ca unha semana antes. Nas unidades de coidados intensivos eran un total de 47, manténdose así a estabilidade que vén sendo a tónica habitual en toda a vaga. A ocupación UCI por COVID é en Galicia de arredor do 5% das prazas dispoñibles, segundo o Ministerio de Sanidade.

Si empeoraron nesta semana as cifras de mortalidade. Os 20 pasamentos notificados polo Sergas para o pasado día 7 converten esa xornada no día con máis mortes de persoas coa enfermidade -non necesariamente falecidas polo virus como única causa- dende o 9 de febreiro de 2021. A media a sete días segue, así e todo, moi lonxe da de hai un ano e rolda os 8 pasamentos diarios na última semana (menos de tres veces menos que no pico da vaga invernal de 2021).

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.