O pico de ingresos coa COVID da sexta vaga quedou na metade do de hai un ano cunha incidencia catro veces maior

Unha traballadora dun hospital galego, durante a pandemia, e gráfico de evolución dos novos ingresos de persoas coa COVID en Galicia CC-BY-SA Foto: Ana Varela / Xunta | Montaxe: Praza.gal

Os datos divulgados polo Sergas este luns, 31 de xaneiro, sobre a evolución da pandemia en Galicia indicaban que ás seis da tarde do pasado domingo había 686 persoas ingresadas nos hospitais galegos con test positivo do coronavirus. Eran 57 máis que unha semana antes e un máximo da coñecida como sexta vaga. 

No inverno de hai un ano cando a vacinación apenas comezara, Galicia rexistraba unha media superior aos 140 ingresos diarios de persoas coa COVID e desta volta o pico apenas superou os 70

Esta foto fixa que a Consellería de Sanidade ofrece diariamente depende dos novos ingresos, pero tamén das altas, que durante as fins de semana apenas se tramita. Está influída ademais polo feito de que unha parte dos pacientes coa COVID ingresaron no hospital por un motivo diferente ao virus (outra urxencia ou unha operación programada, por exemplo). A pasada semana, por exemplo, eran arredor do 40% do total, segundo datos citados polo presidente da Xunta en rolda de prensa.

Pero, alén do dato de ocupación de cada día ás seis da tarde ofrecido pola Xunta, é outro indicador o que amosa con maior claridade se a curva sobe ou baixa nos hospitais: as cifras de novos ingresos de persoas coa COVID. Ese dato non é divulgado pola Consellería de Sanidade, pero si transmitido polo Goberno galego ao Estado, que o difunde en aberto -con certa demora- a través do Instituto de Salud Carlos III. E o que dicía no remate de xaneiro é que todo apunta a que o pico da vaga xa pasou quedando en practicamente a metade do de hai un ano, cando a vacinación apenas comezara. Segundo os datos divulgados polo Ministerio para este luns, un 7,35% do total de camas hospitalarias en Galicia estaban ocupadas por pacientes coa COVID e o mesmo sucedía cun 5,78% das camas UCI.

Nesta vaga, o ritmo de incremento da hospitalización de persoas coa COVID ficou definitivamente desacoplado do aumento da incidencia

Como amosan os gráficos sobre estas liñas, a media de novas hospitalizacións calculada a 7 días chegou ao máximo da vaga o pasado 15 de xaneiro, cuns 75 novos ingresos por xornada. Dende aquela, comezou a descender aos poucos, polo que o pico semella superado mesmo tendo en conta que os datos da última semana adoitan estar incompletos nesta base de datos do organismo estatal. Na vaga invernal de hai un ano, Galicia chegara a rexistrar unha media a 7 días duns 140 ingresos COVID por xornada, con picos superiores aos 160.

O impacto da vacinación -e, segundo vén de subliñar a Organización Mundial da Saúde, que a variante ómicron semella "causar unha enfermidade moito menos grave"- é tamén clave para que a curva da incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes a 7 e 14 días) ficase definitivamente desacoplada da de hospitalizacións. Neste mes de xaneiro, Galicia bateu todos os seus récords de incidencia acumulada. Cos autotest feitos na casa a disparar os números de positivos, o pico a 14 días roldou os 3.500 e a 7 superou os 1.900. Mentres, a hospitalización aumentou, pero en menor proporción.

Máis da metade dos ingresos da vaga, de maiores de 70 anos

Os datos do Instituto de Salud Carlos III tamén permiten comprobar como nesta vaga invernal da COVID a maior parte das persoas ingresadas con test positivo do virus foron persoas de idade avanzada. Tomando como punto de partida o pasado 1 de novembro, algo máis da metade das 3.112 hospitalizacións rexistradas en Galicia foron de persoas maiores de 70 anos, un total de 1.595 das que case un milleiro superaban os 80 anos. Mentres, as persoas menores de 40 anos co coronavirus que precisaron ingreso supuxeron apenas un 14% dos ingresos e as menores de 20, un 3,7% do total (66 nenas e nenos de ata 9 anos e outras 50 persoas de 10 a 19). 

Se o desacoplamento entre as cifras de incidencia e as hospitalizacións é significativo, éo aínda máis no caso das cifras de mortalidade. No pico do inverno 2020-21, Galicia chegara a rexistrar unha media a 7 días superior ás 25 mortes de persoas que contraeran o coronavirus. Neste mes de xaneiro, o de máis mortes acumuladas dende o comezo da vacinación masiva, o país rolda unha media de 6 falecementos diarios de persoas co virus, das que cómpre tamén ter en conta que non en todos os casos a COVID-19 é a causa directa do pasamento. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.