Galicia remata xaneiro coa metade da hospitalización COVID e un 60% menos de mortes que hai un ano

Atención a un paciente nun hospital galego durante a pandemia CC-BY-SA Xunta

Hai agora un ano, a incidencia acumulada da COVID-19 en Galicia era duns 780 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días. A vacinación apenas comezara e a Xunta impuxera un duro paquete de restricións reforzadas, que incluían a prohibición de encontros non laborais entre persoas non conviventes, o peche perimetral de todos os concellos, a clausura da hostalería, a limitación da actividade comercial ou o veto á práctica totalidade de actos culturais e sociais e mais o toque nocturno de recollida. Nos hospitais había case 1.400 persoas ingresadas coa COVID ao mesmo tempo e rexistrábanse, de media, máis de 20 mortes ao día de persoas que contraeran a doenza.

A principal diferenza a respecto de hai un ano, cando a incidencia era catro veces menor, é que case o 90% da poboación galega está vacinada. Ademais, a OMS subliña que a variante ómicron semella "causar unha doenza moito menos grave"

Agora, a poucos días da fin de xaneiro, a incidencia acumulada a 14 días está en claro descenso, pero aínda rolda os 3.000 casos novos por cada cen mil habitantes. En cifras redondas, case catro veces máis que hai un ano nunha comparación que ten que ser necesariamente cautelosa: daquela, a práctica totalidade dos positivos agromaban directamente no Sergas, xa fose por persoas con síntomas ou nos cribados masivos. Agora, é clave o peso dos positivos detectados mediante autotest de antíxeno feitos na casa e menos da metade son positivos en PCR do Sergas.

Pero, sobre todo, o que muda radicalmente o panorama é que practicamente o 90% da poboación galega está vacinada contra o SARS-CoV-2, ao que se engade que a variante ómicrón, cada vez máis presente, semella "causar unha enfermidade moito menos grave", como vén de subliñan a Organización Mundial da Saúde. Neste contexto, Galicia finaliza xaneiro transitando polo que semella o pico de hospitalización desta vaga, unhas 640 persoas coa COVID ingresadas simultaneamente -unha parte relevante delas, segundo a Xunta, chegadas ao hospital por motivos que non son o virus- que son a metade das que se rexistraban hai un ano e cunhas 40 na UCI fronte ás máis de 200 de hai doce meses.

No comezo do que, en xeral, adoita ser o trimestre do ano con máis mortes por todas as causas, todo apunta a que xaneiro finalizará cuns 150 pasamentos de persoas que contraeran o coronavirus. É a cifra máis avultada dende a extensión da vacinación masiva, pero tamén arredor dun 60% menos que en xaneiro de 2021. Agora, a media diaria a 7 días de mortes de persoas coa enfermidade -non necesariamente todos estes decesos teñen o virus como causa principal- rolda as 6 e en xaneiro de hai un ano eran máis de 20.

Incidencia á baixa en todas as áreas

Mentres se rexistran as devanditas cifras de hospitalizacións e falecementos, as autoridades sanitarias galegas deron xa por superado o pico da vaga e as cifras de incidencia acumulada semellan corroborar ese prognóstico. Malia a un lixeiro freo nos últimos días, a liña da máis inmediata -a 7 días- volve descender en todas as áreas mentres o fai tamén a 14 días.

Esa tendencia á baixa certifícaa tamén a coñecida como razón de taxas, isto é, a comparación da incidencia acumulada dun día coa da mesma xornada da semana anterior. Se o resultado da división de ambas cifras é inferior a 1, supón que a incidencia retrocede. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, é o que está acontecendo nas sete áreas sanitarias e no conxunto do país a 14 días e en todas agás unha (a da Coruña-Cee, por escasísima marxe) a 7 días.

Os datos por idades fornecidos polo Ministerio de Sanidade indican, ademais, que a tendencia á alza só permanece entre a infancia menor de 12 anos, grupo de idade composto por apenas 260.000 persoas. Isto é, menos do 10% da poboación.

Estes bos prognósticos non impiden polo momento, así e todo, que o sistema sanitario siga baixo forte presión, sobre todo, en áreas como a Atención Primaria ou as Urxencias, onde impacta a xestión de positivos que non requiren hospitalización -tanto a atención clínica como aspectos burocráticos, caso das baixas laborais-. Boa mostra disto é que os casos considerados activos -que agora o son durante menos tempo, polo acurtamento dos illamentos- seguen sendo máis de 67.000.

Un terzo da mocidade de 20 a 29 xa ten a terceira dose

Mentres a coñecida como sexta vaga decae, o proceso de vacinación continúa avanzando centrado na administración de terceiras doses, á espera de que transcorra o tempo estipulado para administrar as segundas á poboación pediátrica (5-12 anos). O grupo que centra nestes días o proceso de vacinación de reforzo é o da poboación de 18 a 29 anos e, dentro el, os datos máis recentes indican que algo máis dun terzo das persoas de 20 a 29 anos xa teñen a terceira dose, que chega a máis dun 60% no grupo de 30-39, a case un 90% no de 40-49 e por riba desa cota en todos os grupos maiores de 50.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.