As novas restricións da Xunta pola COVID e as súas excepcións: das parellas que non conviven á caza

Control policial das restricións pola COVID na contorna dunha área comercial, esta semana na Coruña CC-BY-SA Foto: Delegación do Goberno de España en Galicia | Montaxe: Praza Pública

Galicia viviu o pasado martes a enésima noite de espera pola publicación do Diario Oficial de Galicia para coñecer, na súa integridade, as restricións da Xunta pola COVID-19 que na véspera anunciara en rolda de prensa o presidente do Goberno galego. Cando faltaba pouco máis dunha hora para a súa entrada en vigor, unha edición extraordinaria do DOG concretou o que será o paquete de medidas máis estritas dende o confinamento da primavera de 2020. En síntese, o xa anunciado por Alberto Núñez Feijóo, mais tamén algunhas significativas excepcións.

Os peches perimetrais, agora en todos os concellos, manteñen excepcións laborais ou médicas e para mercar produtos básicos que non haxa no propio municipio, mais tamén para cazar xabaríns e lobos

Dende este 27 de xaneiro e, cando menos, ata o 17 de febreiro, rexe nos 313 concellos de Galicia un peche perimetral. Non se poderá saír ou entrar do municipio de residencia coas excepcións xa coñecidas, dende as máis ordinarias (traballo, ensino, acudir a unha cita médica) ata as máis controvertidas (a caza do xabarín e do lobo). Tamén algunhas nova, adaptada ao confinamento perimetral de todos os concellos, como a posibilidade de acudir a outro municipio para comprar alimentos ou outros produtos de primeira necesidade se no propio non hai negocios que os vendan.

As persoas que vivan soas poden xuntarse cunha "única unidade de convivencia" mentres dure o veto a reunións de non conviventes e as parellas que residan en domicilios diferentes tamén poden reunirse

Outro dos dereitos fundamentais restrinxidos, o de reunión, implica o veto aos encontros sociais entre persoas que non convivan pero, ao contrario que en anteriores paquetes de medidas, agora tamén hai excepcións alén das laborais. Na liña do que viñan aplicando outros países, as persoas que vivan soas poderán xuntarse cunha "única unidade de convivencia" -sempre a mesma- mentres duren as medidas. Ademais, tamén poderán encontrarse as parellas (estean casadas ou non) que vivan en domicilios diferentes e as pais, nais ou persoas titoras de menores de idade que residan en casas distintas. Este alivio do veto á reunión entre non conviventes só rexe dentro do propio municipio e non permite atravesar o peche perimetral, segundo o fixado no DOG.

O toque de recollida segue, sen cambios, rexendo de dez da noite a seis da mañá. Tamén o transporte público segue sen cambios, coas restricións aprobadas en novembro.

Como tamén avanzara Feijóo, a hostalería volve á situación do confinamento, con peche total e só posibilidade de servizo para recoller ou a domicilio. No ámbito comercial, a norma xeral é o peche ás seis da tarde agás o considerado "esencial" -como a venda de alimentos, medicamentos ou combustible-, que pode continuar aberto ata as nove e media. Ademais, os centros comerciais pasan a ter unha capacidade do 30%, os locais do seu interior teñen que pechar ás 18h se non son dos esenciais e o conxunto dos centros deben pechar na fin de semana. Os mercados e feiras ao aire libre tamén quedan limitados ao 50% dos postos.

Recintos culturais pechados, deporte individual e sen público

O uso obrigatorio da máscara esténdese ao deporte individual; mantense a dispensa para comer ou fumar na rúa se a persoa está "parada" e lonxe doutras

A orde da Consellería de Sanidade que desenvolve as novas prohibicións alén da mobilidade -limitada por un decreto do presidente ao abeiro do Estado de Alarma- tamén concreta as novas prohibicións para os ámbitos cultural e deportivo. Espazos como cinemas, teatros, museos, auditorios ou bibliotecas, que xa tiñan limitada a súa capacidade, terán que estar pechados por completo mentres duren estas restricións.

No ámbito deportivo, o uso de máscara esténdese tamén á práctica individual, a única permitida como norma xeral. O mesmo epígrafe que o estipula agrega que poderá quitarse a máscara na rúa se é para comer, beber ou fumar pola rúa se a persoa que o fai está "parada" e "fóra dos lugares habituais de circulación dos viandantes".

No que atinxe ao deporte federado, as competicións de ámbito autonómico continúan suspendidas. No que atinxe ás estatais, adestramentos e competicións poden continuar, xa que están rexidas por normativa de seu allea á Xunta. Non obstante, si se regula a realización de test de COVID-19 e volve quedar vetada a asistencia de público ás competicións.

Colexios e institutos continúan, resto do ensino por internet

Na liña do xa avanzado, as novas medidas pola COVID adían o inicio das clases presenciais nas tres universidade, cando menos, ata o 17 de febreiro. Así, dende o día 8, estas institucións académicas terán que impartir docencia "exclusivamente en modalidade non presencial". Colexios, institutos e escolas infantís continúan abertos segundo o previsto.

Ás medidas anunciadas por Feijóo engádense no DOG as que a Consellería de Educación avanzara aos sindicatos do sector. Escolas Oficiais de Idiomas, escolas de arte e deseño, conservatorios e outros centros semellantes "de réxime especial" (a relación completa está no punto 4.2 do anexo desta orde) pasan ao ensino só a través de internet. Mentres, no eido privado, centros como academias e autoescolas poderán seguir abertas cunha capacidade de ata o 50%, pero "priorizando a realización de actividade lectiva non presencial", por internet, "sempre que sexa posible".

Espazos de culto relixioso

Como en anteriores períodos de restricións reforzadas da Xunta para tentar conter a expansión da COVID-19, os lugares de culto relixioso continúan abertos. O decreto do presidente -que o habilita para limitar dereitos fundamentais- restrinxe a capacidade dos templos a un terzo, pero sen límite máximo de asistencia. 

Os templos continúan abertos, pero cun terzo de capacidade e sen límite de persoas

A orde de Sanidade mantén a prohibición de celebrar rituais relixiosos no exterior dos templos, prohibe que interveñan "coros ou agrupacións vocais de canto" nas celebracións e veta, entre outros aspectos, "o uso de auga bendicida e as ablucións rituais", que "deberán realizarse na casa". [A Xunta amplía a capacidade dos lugares de culto e déixaos como os únicos espazos sen cifra máxima de persoas]

Ligado con isto, o novo paquete de medidas limita os velorios a 5 persoas non conviventes en espazos interiores e a 15 no exterior. As comitivas en actos funerarios réxense tamén por ese límite de 15 persoas. No caso das vodas, tanto civís como relixiosas, quedan rexidas polas normas do lugar no que se celebren e á celebración posterior "só poderán acudir as persoas conviventes".

Misa na Catedral de Santiago, en xuño de 2020, tras o acto civil de homenaxe ás vítimas do coronavirus organizado pola Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.