Primeiro día laborable e primeiras modificacións no novo paquete de restricións pola COVID-19 que a Xunta ten integramente en vigor dende o pasado sábado, 7 de novembro. Contra o serán deste luns o Goberno galego anunciou a modificación das medidas no que atinxe ao transporte público de competencia autonómica -autobuses urbanos e interurbanos e mais transporte marítimo- para flexibilizar algunhas das medidas e, ao tempo, impoñer outras.
Sanidade indica agora que se pode "ocupar a totalidade" dos asentos en buses e barcos, pero "deberase manter a máxima separación entre persoas" cando "o nivel de ocupación o permita"
Despois de que, na redacción inicial da orde, a Xunta estipulase que en vehículos con reserva de praza se podería ocupar "a totalidade dos asentos reservados", deixando baleiros os asentos contiguos "no resto de prazas", este luns anuncia unha mudanza. "Poderase ocupar a totalidade" dos asentos en todo caso, pero "deberase manter a máxima separación entre as persoas cando o nivel de ocupación o permita". Si mantén a limitación a unha sexta parte das prazas de pé nos vehículos que dispoñen delas.
A prohibición de comer afecta ás viaxes de menos de dúas horas e a recomendación de non falar é para todos os traxectos
Ao carón desta flexibilización, o Goberno galego anuncia un endurecemento. En viaxes de menos de dúas horas, "as persoas usuarias non poderán consumir alimentos no interior dos vehículos ou embarcacións", anuncia. Ademais, advirte, "na medida do posible", deberase "evitar consumir bebidas, conversar ou manter calquera outro contacto directo con outras persoas ocupantes".
Adicionalmente, anuncia, nos vehículos sen prazas de pé e "en calquera servizo de transporte marítimo en augas interiores competencia" da Xunta, pasa a ser "obrigatoria a expedición do billete coa identificación do servizo concreto de transporte e do vehículo ou embarcación". "Todos os vehículos -agrega- deberán ter numerados os seu asentos de forma clara e visible".
En autobuses e barcos sen asignación de asento, a Xunta pasa a recomendar que "as persoas usuarias anoten no billete o número de asento que ocupen"
No caso de servizos de transporte sen "asignación previa de asento", como é o caso dos buses urbanos, a Xunta introduce unha recomendación xenérica. Aconsella que "as persoas usuarias anoten no seu billete o número de asento que ocupen".
Tres días despois da entrada en vigor do novo paquete de medidas, a Consellería de Sanidade di ver preciso, "de acordo cos últimos estudos", "facilitar a trazabilidade das persoas usuarias dos medios de transporte de viaxeiros" e "facilitar o coñecemento das persoas ocupantes neles". "Dada a limitada duración do tempo que as persoas usuarias permanecen no interior" e "fronte á redución da súa capacidade", considera, estas novas medidas son máis "axeitadas" para "facilitar a necesaria eficiencia do servizo público" e a "funcionalidade do traslado das persoas" para "actividades necesarias e permitidas, como as laborais ou lectivas". Tanto estas como as anteriores normas non atinxen ao transporte escolar, que ten protocolos de seu.
Estes cambios están publicados no DOG deste martes, 10 de novembro. Este luns, día 9, o Diario Oficial de Galicia xa traía consigo outro cambio nas restricións, neste caso para permitir que persoas que traballan xuntas en grupos "estables" poidan tamén utilizar xuntas os comedores das empresas.