Decenas de milleiros de persoas residen nun concello pero pasan o día noutro e son as máis afectadas polas restricións de mobilidade

A Avenida Rosalía de Castro, ao seu paso polo Milladoiro (Ames) © Concello de Ames

A partir das cero horas deste sábado nun total de 60 concellos galegos hai peches perimetrais que impiden a entrada ou a saída de persoas, agás excepcións xustificadas por motivos laborais, sanitarios ou de coidado de persoas dependentes. Estas restricións á mobilidade, que xa estaban vixentes nas sete cidades e outras localidades dende a pasada semana, adoptan nalgúns casos a forma de peche agrupado na contorna dun certo número de concellos (por exemplo entre Vigo, Mos, Nigrán, Gondomar, O Porriño e Redondela), permitindo os desprazamentos internos entre eles. E, noutras, ocasións trátase de peches individuais, o que impide por complero as entradas e saídas do termo municipal.

Milleiros de persoas móvense a diario entre uns e outros concellos por razóns de traballo ou estudos. Os desprazamentos máis numerosos teñen lugar entre as sete cidades e os concellos da súa contorna

Estas limitacións á mobilidade afectan a milleiros de persoas en Galicia, que adoitan desprazarse a diario ou con frecuencia duns concellos a outros próximos para traballar, por estudos, para ir ao hospital ou porque teñen unha segunda residencia noutro lugar. Todas estas persoas veranse directamente afectadas polos peches perimetrais que, se ben nalgúns casos non lles impedirán o tránsito (ao acollerse a algún dos supostos que si permiten a mobilidade), poden traducirse igualmente en atascos de tráfico ou atrasos á hora de realizar as viaxes. [Para non perderse: guía dos peches pola COVID que a Xunta impón ata decembro]

As sete cidades concentran o maior número de desprazamentos deste tipo, recibindo durante o día un gran número de 'residentes diurnos' que despois polas noites regresan aos seus fogares, situados normalmente nos concellos da contorna. Estas localidades das áreas metropolitanas presentan polo tanto un saldo poboacional diurno negativo. 

Unha parte importante dos peches perimetrais adoptaron a forma de agrupacións de concellos, permitindo a mobilidade interna entre eles, tendo en conta a estreita relación e os fluxos existentes entre esas localidades

As estatísticas do IGE permiten facerse unha idea da dimensión destes desprazamentos, sumando estes 60 concellos case 150.000 movementos diarios de entrada e case 120.000 de saída. A estatística contabiliza desprazamentos equivalentes a tempo completo, de xeito que se unha persoa marcha un par de horas a outro concello, este movemento contará unicamente como unha fracción.

Con todo, cómpre sinalar que os peches perimetrais establecidos ao redor das sete cidades adoptaron en case todos os casos (agás o de Lugo) a forma de agrupación de concellos, permitindo a mobilidade total entre eles, precisamente tendo en conta a Xunta as estreitas relacións que existen, por exemplo, entre A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros. Así, boa parte das 37.000 persoas que realizan desprazamentos diarios de entrada e saída na Coruña dende outros concellos non se verán afectados pola prohibición, ao tratarse de viaxes dende (ou en dirección a) algún destes outros catro concellos.

Compostela é a cidade cun saldo máis positivo na súa poboación diurna, que tamén presentan as outras seis cidades. Tamén aumentan os seus habitantes polo día concellos industriais como Mos, O Porriño ou San Cibrao das Viñas

Na gráfica anterior obsérvase como é Compostela a cidade que presenta un saldo máis positivo na súa poboación diurna, cun gran número de entradas diarias (estudantes, traballadores e traballadoras, en gran parte funcionarios e funcionarias, usuarios e usuarias dos hospitais) e poucas saídas en relación a outros concellos.

De igual xeito, vemos como concellos nos que se sitúan importantes polígonos industriais, como Mos, O Porriño ou San Cibrao das Viñas teñen tamén saldos positivos. O mesmo que centros comarcais como Monforte de Lemos, Verín ou Viveiro.

En cambio, localidades situadas na contorna das cidades e que cumpren en parte unha función residencial de persoas que van todos os días á urbe central para traballar teñen un saldo claramente negativo. É o caso de Narón, Ames, Oleiros, Culleredo, Redondela, Cambre, Cangas, Marín, Ponteareas, Teo, Fene, Gondomar ou Barbadás.

As localidades na contorna das cidades teñen un saldo negativo, con milleiros de residentes que se desprazan a diario para traballar na urbe central

No gráfico seguinte podemos ver o distinto tipo de desprazamentos que predominan nuns ou noutros concellos, (recollendo unicamente as 28 localidades con máis movementos deste tipo). É dicir, a razón pola que a poboación flotante (que pasa o día nun concello e durme noutro) de despraza dun lugar a outro. 

As sete cidades, pero especialmente Compostela, e algo menos A Coruña e Vigo, reciben un gran número de estudantes dende outros concellos. Na cidade de Santiago, o saldo é de máis de 10.000 persoas cada día.

En canto aos motivos laborais para moverse dun concello a outro, de novo son as sete cidades as que reciben unha maior carga de poboación diurna extra, encabezadas pola Coruña, Compostela e Vigo. Con todo, destacan os datos de concellos coma O Porriño, cun saldo positivo de máis de 3.000 traballadores e traballadoras (entradas menos saídas), que supera os das outras catro cidades galegas. Ferrol sería o quinto concello, por diante de Pontevedra e San Cibrao das Viñas, que repite a mesma circuntancia que O Porriño. 

En cambio, Ames, Oleiros e Cambre son as localidades que presentan un saldo diario máis negativo (máis saídas que entradas de traballadores e traballadoras), por diante de Teo, Redondela, Poio, Cangas ou Ponteareas.

As entradas e saídas por motivos de saude débense principalmente aos desprazamentos aos hospitais situados nas sete cidades, que gañan poboación diurna por este motivo, que perden os concellos da súa contorna.

As cidades gañan poboación diurna por motivos laborais ou de saúde, pero pérdena polos desprazamentos a 'segundas residencias'

Por último, o IGE recolle tamén os datos dos desprazamentos cara ás "segundas residencias", que neste caso implican un movemento en sentido contrario: de habitantes das sete cidades que se desprazan a outros concellos. Estas viaxes son máis numerosas en Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo. E, en cambio, concellos como Nigrán, Cangas, Poio ou Vilagarcía amosan saldos positivos neste ámbito (máis persoas que acoden a estas localidades para pasar o día na súa segunda vivenda).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.