- DOCUMENTO | Decreto coas restricións de mobilidade nos concellos confinados
- DOCUMENTO | Orde coas restricións para toda Galicia e peches de locais en concellos confinados
Con matices sobre o anunciado polo presidente da Xunta e mais pola Consellería de Sanidade a respecto do seu alcance e da súa entrada en vigor, pouco antes da media noite do 4 ao 5 de novembro, o Diario Oficial de Galicia publicou o novo paquete de restricións do Goberno galego. A súa intención, en verbas de Alberto Núñez Feijóo, é tentar "resetear" o sistema sanitario e "salvar a campaña de Nadal" reducindo antes contaxios do coronavirus.
Os novos confinamentos perimetrais entran finalmente en vigor ás cero horas do sábado, 7 de novembro, e a referencia para o seu remate é o 4 de decembro. As novas restricións xerais para toda Galicia están vixentes dende o 5 de novembro
Son peches perimetrais e de locais hostaleiros, suspensións de reunións de persoas non convivintes e outras actividades en 60 concellos que, como norma xeral, non entran en vigor ás tres da tarde do venres día 6, como advertira Feijóo e como manteñen as redes sociais da Xunta -Facebook e Twitter-, senón ás cero horas do sábado, día 7, e en principio ata as tres da tarde do venres, 4 de decembro -pórtico da ponte da Constitución-. Ata a súa entrada en vigor, seguen vixentes os anteriores confinamentos perimetrais agás no Irixo, Boborás, Oímbra e Vilardevós, onde rematan. No resto de Galicia, no entanto, dende este propio xoves, 5 de novembro, amplíase de cinco a seis o número de persoas que poden participar en encontros sociais. En todo o país segue vixente, polo momento sen cambios, o confinamento nocturno con toque de queda de once da noite a 6 da mañá.
A restrición de máis impacto no dereito á liberdade de circulación son os novos confinamentos perimetrais de vilas e cidades. Como amosa o mapa baixo estas liñas, estes confinamentos decretados son de dous tipos: agrupados ou individuais.
Os agrupados atinxen a seis das sete cidades e ás súas contornas -preme en cada municipio para consultar os detalles- e mais a tres concellos do Salnés (Cambados, Vilagarcía e Vilanova) e outros tantos do Deza (A Estrada, Silleda e Lalín). Os individuais afectan a unha ducia deles: a cidade de Lugo e mais a Viveiro, Burela, Monforte, O Carballiño, Xinzo de Limia, Verín, Vimianzo, O Grove, Cangas, Ponteareas e Tui.
Os novos peches de concellos e áreas teñen as mesmas excepcións que os anteriores para actividades como as laborais, sanitarias, administrativas ou coidado de persoas anciás, menores e dependentes
Os novos confinamentos perimetrais teñen o mesmo réxime de excepcións aos impostos ata agora. Así, seguirán permitidas as saídas para acudir a centros sanitarios, ir traballar, exercer actividades institucionais, volver ao lugar de residencia, atender persoas maiores, menores ou con discapacidade, acudir ao banco ou a botar combustible, ir ao xulgado ou á notaría, realizar trámites administrativos "inaprazables", facer exames ou outras "causas de forza maior". Ao tempo, é posible atravesar un territorio confinado perimetralmente para viaxar entre dous concellos que non o estean.
Mentres o Goberno galego mantén a negativa de aplicar o peche perimetral a toda Galicia, para o que está autorizado polo vixente estado de alarma, os novos confinamentos perimetrais si atinxen a quen chegue ao país dende outra comunidade autónoma. Así, especifica, nos concellos e ámbitos con confinamentos perimetrais, quen chegue de fóra só poderá acceder se cumpre unha das excepcións.
Peche da hostalaría e outras actividades "non esenciais" nos concellos confinados
Contra a media noite do mércores ao xoves, a Xunta tamén aclarou mediante unha orde un dos aspectos nos que reinaba maior confusión tras a intervención de Feijóo ante os medios: o alcance do peche de "actividades non esenciais" nos concellos confinados perimetralmente, toda vez que o presidente e o posterior comunicado do Goberno só se referían especificamente á hostalería.
Os peches nos 60 concellos con medidas reforzadas atinxen á hostalaría e outras actividades vinculadas ao lecer
A orde aprobada fala tamén de "peche temporal de actividades non esenciais" nestes concellos confinados. Non obstante, alén da hostalería -da que especifica que só pode prestar "servizos de entrega a domicilio ou para recollida no local e consumo a domicilio"- coa única excepción das cafetarías e restaurantes dentro doutros centros de traballo, ese peche finalmente atinxe, basicamente, a actividades vinculadas ao lecer, algunhas delas xa pechadas anteriormente: é o caso de locais de "establecementos de espectáculos", recintos feirais, salas de concertos, salóns recreativos, pubs e discotecas e, desta volta, tamén os bingos e locais de apostas [a lista íntegra, nesta ligazón].
Nos concellos confinados os cinemas, teatros e auditorios poden seguir abertos, pero con restricións de capacidade
Si concorda co avanzado na comparecencia de Feijóo a autorización para que, tamén nos concellos e áreas confinadas, poidan seguir funcionando cinemas, teatros, auditorios, museos ou bibliotecas. En todos eles, non obstante, pesan as restricións de capacidade fixadas na propia orde, tales como un máximo de 30 persoas en lugares pechados e de 75 ao aire libre [as condicións concretas, no anexo II da orde]. Nos centros cívicos ou sociais destes concellos, a capacidade tamén queda limitada, ao 50%, e as actividades en grupo, restrinxidas a un máximo de 6 participantes, incluída a persoa que as dirixa.
Igualmente, poden seguir abertos os ximnasios, as piscinas deportivas ou estadios e pavillóns, tamén con restricións de capacidade fixadas na propia orde, como a limitación da actividade deportiva á que sexa individual e sen contacto físico. A restrición xeral para os eventos deportivos sitúase no 50% cun máximo de 30 persoas baixo teito e de 75 ao aire libre. A limitación do 50% aplicábase tamén inicialmente, nos concellos confinados, para a "asistencia a lugares de culto", que "en todo caso" non poderían superar as 50 persoas. No entanto, catro días despois da entrada en vigor da medida, a Xunta modificouna para flexibilizala [A Xunta amplía a capacidade dos lugares de culto e déixaos como os únicos espazos sen cifra máxima de persoas].
Restricións en toda Galicia e específicas para concellos non pechados
O novo paquete de medidas mantén e, nalgúns casos, endurece as restricións pola COVID-19 xa vixentes en toda Galicia, tanto nos municipios confinados como os que sigan sen estalo. Alén de obrigas xerais como o uso da máscara e a distancia de seguridade, a nova orde trae consigo mudanzas para a hostalaría nos municipios onde pode continuar aberta, mais tamén para mercados, feiras ou transporte, entre outras actividades. Recompilamos algunhas das máis destacadas [A listaxe completa, no anexo I desta orde]:
- Transporte público [actualizado a 10/11/20]
Nos transportes competencia da Xunta (esencialmente, autobuses e algúns transportes de ría), inicialmente quedou establecido para toda Galicia que non poderían viaxar en asentos contiguos as persoas que non convivisen, coa excepción do transporte escolar. Non obstante, tres días despois da entrada en vigor do novo paquete de medidas, o 10 de novembro, o Goberno galego recuou e volveu permitir ocupar todos os asentos, aplicando outras medidas como prohibir comer en viaxes de menos e dúas horas e recomendacións como non falar. En autobuses nos que se poida viaxar de pé, mantén a regra de limitar a ocupación "a unha sexta parte". [A Xunta muda as restricións da COVID no transporte: permite ocupar todos os asentos, prohibe comer e recomenda non falar]
A limitación xeral para o comercio dende o 5 de novembro é do 50% da capacidade dos locais. Feiras e mercados na rúa quedan limitados á metade dos postos
- Comercio e feiras
Para o comercio retallista e outros locais profesionais, a nova orde fixa como norma xeral dende este 5 de novembro a limitación de capacidade ao 50% e a obriga de "servizo de atención preferente" a maiores de 75 anos. No caso das tendas no interior de centros comerciais, a limitación será a mesma e para as zonas comúns destes centros, fíxase no 33%, coas zonas infantís, recreativas ou de descanso obrigadas a pechar. Como xa sucedera en anteriores paquetes de restricións, os mercados e feiras na vía pública tamén quedan limitados ao 50% dos postos con prioridade para os que comercialicen alimentos.
- Bares, restaurantes e hoteis
Nos 253 concellos onde a hostalaría pode continuar aberta, bares e restaurantes quedan obrigados a cinguirse ao 50% de capacidade e terán prohibido o servizo en barra. Nas terrazas poden operar o 75% das mesas. En canto ao horario, a clientela non poderá acceder dende as doce da noite e o local terá que pechar, como moi tarde, á unha da madrugada. En todos os hoteis, as zonas comúns tamén quedan limitadas ao 50%.
Nos concellos onde hostalaría pode seguir aberta, queda prohibido o servizo en barra. Congresos, conferencias e "similares" están autorizados, pero con restrición no número de asistentes
- Velorios, enterros e celebracións relixiosas
Para o conxunto de Galicia, os velorios quedan limitados a 25 persoas ao aire libre ou 10, en espazos pechados. No momento de do enterramento ou "despedida para cremación", indica o DOG, a restrición é de 25 persoas, con independencia de que convivan ou non.
- Congresos, reunións comerciais, conferencias e "similares"
Nos concellos non confinados, os "congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias e eventos e actos similares promovidos por calquera entidade" pódense celebrar se non superan o 50% da capacidade do recinto onde se convoquen e cun máximo de 60 persoas baixo teito e 150, en lugares abertos. Nos municipios que si estean confinados en solitario ou de maneira agrupada, esta limitación redúcese á metade (30 en lugares pechados, 75 abertos). A Xunta deixa marxe para ampliar estas cifras previa petición específica á Consellería de Sanidade.