Laborais, sanitarias ou de forza maior: as excepcións ao toque de queda que as comunidades poderán levantar o 9 de novembro

Decreto do estado de alarma que restrinxe os movementos nocturnos CC-BY-SA Concello de Lugo - Praza Pública

O decreto do estado de alarma xa está en vigor, pero o Goberno contempla que durante a súa prórroga ata maio as restricións nocturnas poidan ser decididas polas autonomías

Pouco despois das seis da tarde deste domingo publicouse no Boletín Oficial del Estado (BOE) o real decreto polo que se declara o estado de alarma desde “o momento da súa publicación”. O texto xa está en vigor e con el a restrición de movementos entre as 23 e as 6 horas anunciada pouco antes por Pedro Sánchez, horario que poderá ser posteriormente matizado polas comunidades autónomas, que segundo avanzou xa o Goberno central tamén poderán prescindir dese toque de queda a partir do 9 de novembro, cando comece a prórroga do actual decreto.

Control policial na Coruña para evitar desprazamentos non permitidos durante o anterior confinamento © Policía Local A Coruña

A lexislación permite que o Goberno central decrete o estado de alarma unilateralmente durante 15 días, pero as prórrogas posteriores deben ser autorizadas pola maioría do Congreso dos Deputados. Sánchez xa avanzou que pedirá unha prórroga por seis meses, para non ter que estar ratificándoa cada dúas semanas como ocorreu durante a pasada primavera. Pero nesa segunda fase do estado de alarma os presidentes e presidentas das comunidades, que desde xa son a autoridade delegada nos seus respectivos territorios, poderían tamén decidir se as restricións nocturnas seguen vixente ou non e con que alcance.

O decreto permite que os presidentes autonómicos poidan restrinxir “a entrada e saída de persoas do territorio de cada comunidade autonómica”

De momento para as próximas dúas semanas o decreto de estado de alarma establece que “entre as 23:00 e as 6:00 horas, as persoas só poderán circular polas estradas ou espazos de uso público” para algunha das seguintes actividades:

  • Adquisición de medicamentos, produtos sanitarios e outros produtos de primeira necesidade
  • Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios
  • Asistencia a centros de atención veterinaria por razóns urxentes
  • Cumprimento das obrigas laborais, profesionais, comerciais, institucionais ou legais
  • Retorno ao lugar de residencia habitual despois de levar a cabo algunhas destas actividades
  • Asistencia e atención a persoas maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables
  • Por forza maior ou situación de necesidade
  • Calquera outra actividade de natureza similar, debidamente acreditada
  • Repostaxe en gasolineiras ou estacións de servizo, cando resulte necesario para a realización das actividades previstas nos parágrafos anteriores.


O decreto tamén permite que os presidentes autonómicos, ademais de modificar lixeiramente o horario das restricións nocturnas, poidan restrinxir “a entrada e saída de persoas do territorio de cada comunidade autonómica” así como en ámbitos territoriais inferiores dentro de cada comunidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.