O presidente ábrese a novas “restricións sanitarias en horario nocturno” tras pedir “non especular con medidas futuras”
Cos termos curfew, en inglés, couvre-feu, en francés, ou toque de recolher, en portugués, entre outros similares que en galego ou castelán significan toque de queda, veñen referíndose medios de comunicación de toda Europa ás diversas restricións nocturnas que están xa en vigor en países como Francia, Italia, Bélxica ou Eslovenia, con independencia de que a lexislación varíe duns a outros e o termo empregado por igual para todos eles supoña prohibicións distintas. Malia a iso, este xoves o presidente Feijóo amosouse favorable á aplicación de restricións nocturnas en zonas que as precisen pero pediu non chamalas toque de queda polo “enorme impacto reputacional para España”.
“Non estamos de acordo en que iso se chame toque de queda, iso é unha restrición sanitaria en horario nocturno”
Feijóo comezou este xoves a súa intervención na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta pedindo “non especular con medidas futuras” pero pedindo á cidadanía estar “preparados” para novas restricións. Preguntado en concreto pola posibilidade de que se estableza algún tipo de toque de queda, o presidente da Xunta dixo estar “a favor de que haxa restricións en función dos problemas de cada territorio”. “Non estamos en contra de que haxa restricións nocturnas”, engadiu, pero matizando que “non estamos de acordo en que iso se chame toque de queda, iso é unha restrición sanitaria en horario nocturno”.
Feijóo esgrime a "impresión" de que 'toque de queda' é "unha denominación europea"
O presidente tamén dixo non estar de acordo en que esas novas restricións nocturnas se teñan que concretar cun estado de alarma. Argumentou a súa negativa a empregar esas terminoloxías polo “enorme impacto reputacional para España e para os territorios que conformamos España”.
“Reputacionalmente para o país é insoportable economicamente”, incidiu, reflexionando sobre que segundo a súa “impresión” a terminoloxía toque de queda “é unha denominación europea” que non se debe empregar en España “igual que aquí non o chamariamos estado de calamidade como en Portugal”.