Galicia suma once mortes e rolda os 500 casos de coronavirus no día con peor evolución da segunda vaga

Material de recollida de mostras de saliva para probas PCR nun laboratorio do Sergas CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Rematou a carreira de remudas. Ao contrario que durante os meses de agosto e setembro, nas últimas semanas e, especialmente nos últimos días, ningunha área sanitaria galega compensa cunha mellora substancial o empeoramento da pandemia do coronavirus nalgunha outra. Como admite a propia Xunta na orde en que impón o paquete de restricións máis estrito e amplo dende o desconfinamento, o empeoramento é xeneralizado. Así o acreditan os principais datos, cos peores rexistros da segunda vaga.

Seis dos once falecementos que entran no rexistro oficial son de persoas que viviran na residencia Os Gozos, da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aguiar

A información divulgada polo Sergas este 22 de outubro indica que, das seis da tarde do día 20 ás mesma hora do día 21, Sanidade rexistrou ata 472 novos casos da COVID-19, 461 deles confirmados mediante proba PCR nese mesmo período. É a cifra máis alta da segunda vaga e semellante a algúns dos peores días da primeira cando, non obstante, cómpre ter en conta que eran realizadas moitas menos probas. Boa mostra deste empeoramento xeneralizado son as 11 mortes que se incorporan ao rexistro oficial este xoves, ata seis delas de persoas que viviran na residencia Os Gozos, da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aguiar. [A residencia do Pereiro de Aguiar, intervida pola Xunta, suma 20 mortes relacionadas co coronavirus este mes]

Mostra de que a pandemia non cede significativamente en ningunha área é o reparto dos novos casos. Máis dun cento proceden da área sanitaria de Vigo e 80, da de Santiago, un nivel este moi semellante ao da área de Ourense. Dó dúas, Lugo e Ferrol, detectaron menos de 50 novos positivos nas últimas vinte e catro horas 

Os 472 novos casos que suma o Sergas supoñen o máximo da segunda vaga en vinte e catro horas nas que foron realizadas algo máis de 6.500 probas PCR

Nunha xornada con 6.541 probas PCR realizadas (datos ata as seis da tarde, tamén das vinte e catro horas previas), as taxas de positividade -porcentaxe de probas que dan positivo- tamén apuntan a un empeoramento. A información do último día completo (o martes, día 20) sitúa o dato galego na contorna do 7,8% de PCR positivas e só dúas áreas (A Coruña e Ferrol) por baixo do 5%, limiar que a Organización Mundial da Saúde sinala como referencia para dar por controlada a epidemia nun territorio.

Os datos do mércores 21 ata as seis da tarde sitúan na contorna do 5% as áreas da Coruña, Lugo e Pontevedra. Na banda contraria, as maiores taxas de positividade son as de Ferrol e Ourense (11% e 9%) e o dato xeral de Galicia segue na contorna do 7%. [A Xunta activa as restricións polo coronavirus máis estritas dende o desconfinamento]

Incidencia á alza en todas as áreas

Alén dos casos novos do día concreto, unha ollada á última semana amosa ás claras unha mala evolución da incidencia acumulada a 14 días (casos novos por cada 100.000 habitantes) en todas as áreas. A que menos sobe e mesmo descendeu nalgunha das últimas xornadas é a de Ourense, a que segue presentando unha incidencia máis elevada porque, mentres os datos remiten timidamente na capital da provincia, aumentan noutras localidades.

A incidencia acumulada a 14 días en Galicia segue por baixo dos datos estatais, pero é a máis alta dende o inicio da segunda vaga da pandemia

Deste xeito, como amosa a táboa sobre estas liñas, Galicia aproxímase a unha incidencia acumulada a 14 días de 190 novos casos por cada 100.000 habitantes. Son cifras inferiores ás estatais, pero tamén as máis elevadas da segunda vaga e mesmo de toda a pandemia. Non obstante, a comparación cos meses de marzo e abril debe realizarse con cautela, polo número moi inferior de probas que eran realizadas naquelas semanas.

Cos datos pechados do pasado día 20 (os do mércores 21 aínda están incompletos), a área con menor incidencia acumulada a 14 días é a de Lugo (129,9), que non obstante debuxa unha liña claramente á alza, como todas as demais. A segunda máis elevada por tras de Ourense é a de Santiago, que se achega aos 200 pero que na cidade, segundo informou o Sergas, supera os 300.

Máis hospitalizacións a máis velocidade

O aumento de casos sostido no tempo ten a súa derivada nos falecementos, pero tamén repercute ás claras na hospitalización con cifras que non só aumentan, senón que o fan máis rápido dende hai uns dez días. As 364 persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 son un novo máximo da segunda vaga e 22 máis que un día antes. Ata 47 delas (unha  menos) están en unidades de coidados intensivos.

Por áreas sanitarias, a maior cantidade de persoas hospitalizadas a causa da COVID-19 segue estando en Ourense. Nesa área sanitaria son 130 as camas ocupadas por persoas con test positivo do coronavirus. Delas, 105 están en unidades ordinarias de hospitalización e outras 15, na UCI.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.